0 Gardados para despois

Percorrer a AP-9 supera por primeira vez os 20 euros

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


É a gran arteria de comunicación do eixo atlántico, o entorno xeográfico socioeconomicamente máis dinámico do país, e é tamén un gran negocio porque é a única alternativa de transporte por estrada que ofrece uns mínimos razoables de eficiencia e seguridade. En plena crise os propietarios da Autoestrada do Atlántico seguen a subir sistematicamente as súas tarifas. A que vén de entrar en vigor co aninovo, redondeada á alza e, polo tanto, superior ao 1,85% que se anunciara, fai que por primeira vez viaxar nun turismo entre Ferrol e Tui supere os 20 euros e se sitúe, concretamente nos 20,20 euros por traxecto.

Audasa decidiu redondear á alza a suba que vén de entrar en vigor

Malia á sistemática perda de tráfico coa conseguinte rebaixa dos beneficios -entre 2012 e 2013 a AP-9 utilizouse case un 12% menos e os beneficios minguaron máis dun 30%- a compañía continúa coa escalada. Entre mobilizacións de usuarios e usuarias un traxecto tan común como A Coruña-Santiago elévase xa ata os 6,30 euros e ir da capital galega a Pontevedra supón xa 5,40. Entre Pontevedra e Vigo, onde o vial alternativo libre de peaxe semella unha quimera, o prezo chega xa a 3,65 euros. No norte, a comunicación entre Ferrol e A Coruña xa alcanza os 4,45 euros.

Un gran negocio privatizado e prorrogado

Os elevados prezos da AP-9 dependen dunha empresa privada dende 2003, ano no que o Goberno de José María Aznar decidiu privatizar a que daquela era a autoestrada máis rendible do Estado, condición que acadara despois de que o propio Executivo español a rescatase tras os seus problemas derivados da crise do petróleo. O grupo empresarial beneficiario da operación foi o encabezado por unha das estrelas das alegrías inmobiliarias de España, Sacyr Vallehermoso, que tamén se beneficiou dunha atención máis, nada desprezable: a prórroga da concesión ata o ano 2048 -inicialmente caducaba en 2023-.

Aznar vendeu a autoestrada cando era a máis rendible do Estado

Pero chegou a crise, a burbulla inmobiliaria picou e Itínere, a filial de Sacyr que se ocupaba das autoestradas, negociou a venda destas vías cun fondo de investimento do americano Citigroup, un dos xigantes bancarios dos Estados Unidos que tamén se viu afectado pouco máis tarde polas mesmas dificultades financeiras. Esta conxuntura derivou na paradoxal situación de que a autoestrada que antes dependía do Estado español pasase a estar, en última instancia, en mans do Goberno estadounidense, toda vez que o gabinete de Obama decidiu a nacionalización parcial de Citi.

Ano Suba peaxe Vehículos diarios Evolución tráfico Beneficios netos Evolución beneficios
2009 4,46% 24.143   61 millóns  
2010 -0,07% 23.912 -0,95% 66 millóns +8,19%
2011 1,47% 22.359 -6,8% 52,5 millóns -20,45%
2012 13,89% 21.822 -13,18% 30,9 millóns -41,14%
2013 2,54% 17.178 -11,92% 9,8 millóns -34,5%

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.