O TSXG dálles a razón ás traballadoras de Cuca e obriga a empresa a regresar a Vilaxoán

Mobilización das traballadoras de Cuca CC-BY-NC-SA AGE

Cuca volverá a Vilaxoán. A sentenza do TSXG confirma todos os puntos do fallo emitido hai dez meses polo xulgado número 2 do Social de Pontevedra, anula o ERE (que afectou a 69 persoas) e o traslado da empresa ao Grove, e insta a reanudar a produción na súa localización orixnal. O texto desestima os argumentos presentados polo grupo Garavilla, propietario da conserveira, entre eles o da produtividade. Garavilla ten dez días para recorrer, pero o persoal pídelle que acate xa a decisión. O fallo obriga, ademais, á reposición das anteriores condicións de traballo a todas as empregadas, e ao pago dos salarios ás que viron suspendido o seu contrato.

A sentenza chega, iso si, un ano despois do comezo das mobilizacións, e nun momento no que a fábrica de Vilaxoán está desmantelada e as súas traballadoras teñen que desprazarse ao Grove. O persoal, reunido este martes na sede de CC.OO. en Vilagarcía, acordou darlle á empresa un prazo de dez días para reanudar a produción na sede de Vilaxoán. As traballadoras aseguran que, se neste prazo, a empresa non acatou o fallo xudicial, retomarán as mobilizacións. Sindicatos e forzas políticas, como AGE, xa amosaron a satisfacción pola sentenza e, ademais de ofrecer o seu apoio ás traballadoras, denunciaron a "complicidade da Xunta" neste caso.

As traballadoras aseguran que, se neste prazo, a empresa non acatou o fallo xudicial, retomarán as mobilizacións

A factoría de Vilaxoán foi desmantelada o pasado mes de abril cunha forte presenza policial, que superou a presión das traballadoras, que durante meses fixeron garda ás súas portas para evitar o traslado. Os antidisturbios bloquearon as traballadoras para permitir que a empresa sacase a maquinaria da factoría. 

Mobilización das traballadoras de Cuca CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.