Crece o tráfico na N-550 e outras vías alternativas á AP9

A N-550 ao seu paso por Barro CC-BY-SA Adrián Estévez

Para case todos os condutores e condutoras os datos que dende hai anos se veñen publicando sobre o descenso no número de usuarios na AP9 non sorprenden en absoluto. Case todo o mundo, en maior ou menor medida, comezou a mudar algúns hábitos por mor da crise económica e do incremento continuado de prezos desta vía de peaxe. Usámola menos, cando menos cando non levamos présa, e optamos por vías alternativas sempre que podemos. A vella N-550, que da Coruña a Tui vai en paralelo pola AP9 é unha delas e sen dúbida a máis importante. Os datos oficiais de tráfico en estrada, publicados esta semana polo Ministerio de Fomento confirman o incremento no uso destas vías, en paralelo á diminución do número de vehículos na autoestrada de pago.

Se durante o ano 2013 a AP9 perdeu un 7% dos seus usuarios, acumulando un descenso do 25,4% dende 2007, a N-550 viu incrementado o seu tráfico até nun 8,5% nalgúns puntos, sobre todo na provincia de Pontevedra. E todo iso a pesar de que, en boa medida tamén por mor da crise económica, o volume total do tráfico por estrada leva anos reducíndose, por exemolo un 1% no ano 2013 e outro 4% ao longo de 2012. 

O Ministerio de Fomento ten instalados medidores da intensidade do tráfico en distintos puntos da N-550, en concreto nos quilómetros 50 (Sigüeiro), 97 (Caldas de Reis), 100 (Caldas de Reis) e 130 (Vilaboa). Obsevando os datos de 2013 e poñéndoos en relación cos de 2012 e 2011, observamos que a maioría destas estacións rexistraron un incremento notable do número de vahículos que pasou por elas.

No quilómetro 130, o incremento foi dun 8,5%, acadando a cifra mensual de 13.341 coches ao mes. De igual xeito, as estacións dos quilómetros 97 e 100 amosan un aumento do 6,8% e do 3,9%, respectivamente, con 3.374 e 4.217 vehículos mensuais, cifras en ambos os dous casos un dez por cento superiores ás de 2011. A excepción atopámola no punto quilométrico 50, entre Sigüeiro e Compostela, onde o tráfico, moi denso (17.897 vehículos en decembro de 2013), descendeu un 3,3% con respecto ao ano anterior e ao redor dun 5% con respecto ao 2011, en consonancia co descenso xeral do tráfico experimentado no conxunto de estradas españolas.

  Media mensual de vehículos en 2013 % con respecto a 2012
Quilómetro 50. N-550 17.897 -3,3%
Quilómetro 97. N-550 3.374 +6,8
Quilómetro 100. N-550 4.217 +3,9
Quilómetro 130. N-550 13.341 +8,5

Outras vías alternativas á AP9, coma a N-651 (entre Betanzos e Fene), a AC-523 (entre A Coruña e Mesón do Vento) ou a AG59 (entre Santiago e A Estrada) tamén están a experimentar incrementos importantes na densidade do seu tráfico. A crise apreta e os consumidores buscan aforrar onde poden. Se cadra isto é, tamén, o inicio dunha cultura distinta do uso coche e da xestión do noso tempo.

A N-550 ao seu paso por Barro CC-BY-SA Adrián Estévez
A N-550 ao seu paso por Sigüeiro CC-BY-SA L. Miguel Bugallo Sánchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.