Os directivos das caixas irán a xuízo polas súas indemnizacións millonarias

Gayoso accede á sala da comisión CC-BY-SA Merixo

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno deu este xoves o primeiro paso para sentar no banco dos acusados os ex directivos das caixas galegas polas súas millonarias indemnizacións. O maxistrado vén de emitir o auto polo que probablemente se abrirá xuízo oral contra o ex co presidente de Novacaixagalicia e ex presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e contra outros catro antigos directivos como José Luis Pego, ex director xeral adxunto executivo; Javier García de Paredes, ex responsable do grupo inmobiliario; Gregorio Gorriarán, un dos xestaores da oficina de integración; Óscar Rodríguez Estrada, así como o avogado Ricardo Pradas.

O xuíz Moreno, que dá agora un prazo de dez días ás partes para recorrer, ve indicios de delito por administración desleal ou alternativamente de estafa.

O xuíz acusa os ex directivos de administración desleal ou alternativamente estafa por percibir as súas millonarias prexubilacións

O maxistrado acusa os antigos cargos da caixa resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova de percibir con abuso das súas funcións prexubilacións millonarias, de entre uns 700.000 euros e os 7,7 millons de euros. O titular do Xulgado Central de Instrución número dous aclara no auto que as modificacións nos contratos fóronlle ocultadas ao consello de administración, primeiro ao da entidade viguesa e logo ao de Novacaixagalicia.

O xuíz entende que había un plan estudado para recibir tales cantidades aínda que recoñece que os contratos si foron dotados co coñecemento do consello. Moreno lembra que os altos directivos coñecían a "dificilísima" situación patrimonial da caixa, porque xa solicitara un segundo apoio do FROB, "enganando" así o consello de administración coa axuda de Gayoso.

"O abono das indemnizacións supuxo en conxunto arredor dun 10% do patrimonio da entidade", lembra o maxistrado

"En setembro de 2011, Gayoso, con plena ignorancia do consello de administración da caixa, aprobou e liquidou os importes correspondentes aos desistimientos unilaterais realizados por Pego, Gorriarán e Rodríguez Estrada", engade o maxistrado, que asegura que "o abono das indemnizacións por cesamento voluntario por un importe total de 18,94 millóns de euros supuxo en conxunto arredor dun 10% do patrimonio da entidade".

Logo, José María Castellano, tras ser nomeado presidente de NCG, liquidou a indemnización de García de Paredes "en crenza de que se axustaba á realidade". As indemnizacións liquidades nese momento foron de 7,73 millóns de euros para Pego; 5,7 millóns para García de Paredes; 4,8 para Gorriarán e 691.000 euros para Gorriarán. Gayoso non percibiu esas indemnizacións, pero está acusado por autorizalas para os seus compañeiros.

No auto aclárase que os procesados acordaron mellorar os seus contratos, para o que contaron coa colaboración do avogado Ricardo Pradas, outro dos que terá que ir a xuízo. O maxistrado Moreno decidiu, porén, sobreseer a causa contra Mauro Varela, ex co presidente da caixa fusionada, así como desimputar a Alfonso Zulueta, Salvador Fernández Moreda e Pilar Cibrán.

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.