O persoal asalariado galego, cada vez máis produtivo e peor pagado

Persoal dunha factoría CC-BY-NC-SA CIG

Estamos a saír da crise. É a doutrina que dende hai semanas se imparte dende o Goberno central, na liña do xa avanzado en Galicia co mantra dos "orzamentos da recuperación" que preside os argumentarios dende finais de 2013. Quen non ve esa "saída da crise" non é porque non exista, senón por mor dos seus "prexuízos ideolóxicos trasnoitados", en verbas de Mariano Rajoy. Aínda co risco de ficar fóra do optimismo oficial, o Instituto Galego de Estatística segue a traballar e vén de publicar o seu completo estudo de salarios, que certifica a caída continuada dos soldos no país mentres medra a produtividade dos traballadores e traballadoras.

Ata o ano 2007 a evolución interanual dos salarios en Galicia foi positiva e nese ano, precisamente, o medre tocou teito, cun 9,7% máis a respecto de 2006. En 2008 o crecemento xa foi da metade, ficando no 4,6%, e dende ese ano e ata 2012, último exercicio que recolle o estudo, a caída non parou. O retroceso foi do 0,1% entre 2008 e 2009 e entre 2011 e 2012 achegouse ao 6%. Atendendo ao IGE estas cifras son resultado de, esencialmente, dous factores: "a caída no emprego asalariado e, nos últimos anos da serie, á caída da remuneración media".

Entre 2008 e 2012 os número de persoas asalariadas descendeu un 13%

Esa caída do emprego asalariado comezou precisamente no ano 2008, cando o IGE rexistraba case 923.000 persoas en Galicia traballando -e cobrando- por conta allea. Catro anos despois, a finais de 2012, había practicamente un 13% de persoas asalariadas, cuxo número apenas superaba as 803.000. Neste contexto, o peso da remuneración dos asalariados e asalariadas no conxunto do Produto Interior Bruto, isto é, na economía do país, cada vez é menor. Mentres que no ano 2009 case a metade da economía galega estaba apoiada nos salarios en 2012 chegou "ao punto máis baixo da serie", cun 43,8% tras tres anos de caídas continuadas.

Máis produtividade, prezos máis altos e menos soldo

Nesta mesma liña compórtase tamén outro dios principais indicadores, o custo laboral unitario real, que compara a evolución da remuneración do persoal coa evolución da produtividade e mais dos prezos . Así as cousas, a cifra deste indicador será negativa se os prezos e a produtividade medran máis que os salarios e será positiva se se dá o caso contrario. No caso galego este indicador só tivo signo positivo dous anos, 2008 e 2009, cando experimentou unha evolución interanual do 1,3 e do 1,6, respectivamente. En 2008 xa volveu ao seu lugar habitual, baixando un 1,4%, e agudizou a súa tendencia caendo nos anos seguintes un 2,3 e case un 5%. "A partir de 2010 -explica o IGE- o crecemento da remuneración media en Galicia é moi inferior ao crecemento da produtividade o que provoca que o indicador tome valores negativos".

Este cambio de tendencia cadra practicamente no tempo co inicio do retroceso na remuneración por hora efectiva asalariada, que en 2011 acadou os 16,4 euros, o que supuxo a primeira caída da serie histórica e situou o país no 78% da remuneración media da Unión Europea. A caída supuxo tamén a fin do camiño da consabida converxencia coa UE, toda vez que no ano 2000 a remuneración galega por hora de traballo era o 68% da media comunitaria.

Só no sector primario a remuneración por hora é superior á media da UE

Só un sector produtivo, o primario, foxe desta tendencia e supera a media europeo en remuneración por hora traballa, con 11,7 euros fronte aos 6,3 de España e os 9,4 da Unión. Nos demais sectores as diferenzas son dispares. Así, no caso da administración pública "as diferenzas son mínimas", tamén no ámbito sanitario e no educativo. A fenda é maior no sector industrial e tamén nos sectores da información e da comunicación e mais no ámbito das finanzas.

Persoal dunha factoría CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.