O Comité Cidadán denuncia que a produción de Reganosa caeu un 57% no último ano

Gaseiro en Reganosa CC-BY-NC Susete

Segundo os datos publicados por Enagás, xestor técnico do sistema gasístico, a produción de gas da planta de Reganosa, en Mugardos, foi no mes de maio tan só do 16%, unha diminución do 57% con respecto respecto do mesmo mes do 2013, cando a media de produción foi do 38%. 

O Comité Cidadán de Emerxencia lembra a este respecto que a planta, ademais "da súa ilegalidade e ameaza para a poboacion", ten un custe para os orzamentos públicos de ao redor de 60 millóns de euros ao ano, e forma parte do chamado déficit tarifario, que no caso do gas acada os 700 millóns de euros "e é utilizado polas empresas enerxéticas, neste caso os promotores de Reganosa, coa complicidade dos gobernos de turno, para timar a cidadanía a través das tarifas eléctricas e do gas". 

Enagás, "está a cobrar" a amortización por "retorno do investimento" que se carga á factura dos usuarios da rede de distribución de gas. Reganosa operou entre xaneiro de 2011 e xaneiro de 2012 un total de 260 días por debaixo do mínimo técnico de seguridade, que no caso da planta ubicada na Ría de Ferrol, se sitúa en 60 GWh por día, un 10% da capacidade total. Ademais, outros 65 días operou exactamente nese mínimo, cumprindo de forma moi axustada coa legalidade.

O Comité Cidadán de Emerxencia lembra que a planta ten un custe para os orzamentos públicos de ao redor de 60 millóns de euros ao ano

Para a plataforma, os últimos datos coñecidos veñen "demostrar as falsidades aducidas no seu momento polos promotores da planta de Reganosa para acadar a autorización de construción". Naquel momento argumentaron que a perigosa e cara planta era necesaria para subministrar gas aos ciclos combinados, "a sabendas de que o gasoducto de Tui tiña a capacidade suficiente para iso", denuncia o Comité Cidadán. Nos últimos anos construíronse tres ciclos cun investimento de 700 millóns de euros "que a maior parte do tempo están parados", lembran dende o Comité Cidadán, que sinala igualmente que dende o 2007 mantense pechado o gasoducto de Tui.

O Comité Cidadán conclúe que "a planta de gas de Reganosa é produto dun caso gravísimo de corrupción financeira e política"

O Comité Cidadán conclúe que "a planta de gas de Reganosa é produto dun caso gravísimo de corrupción financeira e política, que ademais incumpre a máis básica normativa de seguridade industrial e medioambiental estatal e europea". "Os problemas que plantexa a planta de Reganosa, resultado da corruptela, son insubsanábeis. Por iso, a planta debe desaparecer da ría", engaden.

Gaseiro en Reganosa CC-BY-NC Susete
A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.