Mira: a febre dos peixes planos que acabou en fracaso

Unha factoría de peixes planos de Pescanova © Pescanova

Segundo publica Faro de Vigo este martes, Pescanova vén de darlle a orde á auditora Pricewaterhouse Coopers para que venda a participación que a multinacional galega ten na planta acuícola de Mira, en Portugal, que acumula catro anos de perdas e na que Pescanova investiu máis de 200 millóns de euros. A planta, que buscaba ser a meirande fábrica de produción de peixes planos de todo o planeta, funciona á metade da súa capacidade e nos últimos meses os seus propietarios reais (entidades bancarias españolas e portuguesas que a financiaron a súa construción, convertidos agora en acreedores de Pescanova) non foron quen de poñerse de acordo para refinanciar e rescatar a factoría, unha operación que tería un custe de 50 millóns de euros.

Os acreedores de Pescanova non foron quen de poñerse de acordo para refinanciar e rescatar a factoría, unha operación que tería un custe de 50 millóns de euros

A solución? Vender o paquete accionarial de Pescanova en Mira (o 100%). A morte dunha quimera, un macroproxecto que tamén se empregou como arma política da empresa de Manuel Fernández de Sousa e do PP contra o goberno bipartito e a súa negativa a permitir a construción dunha planta acuícola semellante no Cabo Touriñán.

"A comarca mirense vestiu de festa para aplaudir o 'milagre' de Pescanova, que varreu dun golpe o paro na zona, con máis de 800 empregos directos e indirectos, e que sitúa Portugal como o líder mundial en produción de rodaballo". Deste xeito describiu La Voz de Galicia a inauguración da macroplanta acuícuola de Mira, en 2009. De igual xeito, El Correo Gallego dedicáballe un editorial ao "Veto caprichoso á planta de Touriñán", no que lle pedía á Xunta que explicase "por que en Mira está funcionando unha planta que podería estar agora creando riqueza na Costa da Morte".

En 2009 Pescanova inaugurou a planta de Mira, grazas a unha gran subvención recibida do Goberno portugués (43 millóns de euros) e aos créditos concedidos por varios bancos lusos (Caixa Geral de Depósitos, Banco de Espírito Santo, Millennium BCP e o Banco Portugués de Investimento), que lle achegaron á multinacional galega ao redor de 335 millóns de euros, unha parte importante da enorme débeda que agora ten que enfrontar a empresa. A planta de peixes planos prometía producir 12 mil toneladas anuais de rodaballo. Ao final, nunca se chegaron a producir 12 mil toneladas, pois os datos máis optimistas falan de entre tres mil e catro mil. E a planta ficou tamén moi lonxe dos 800 empregos prometidos, pois na actualidade traballan alí menos de 200 persoas.

Mira, o proxecto acuícola estrela de Pescanova funcionou tamén como ariete do Partido Popular contra o goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño. O Partido Popular axitou a pantasma da deslocalización e do desemprego, sobre todo en comarcas coma a Costa da Morte e prometía que, se gañaba as eleccións de 2009, Pescanova tería a súa planta. No seu regreso ao poder, Núñez Feijoo sinalou en varias ocasión que a instalación dunha macroplanta en Touriñán tiña "todo o seu apoio", e que esta planta "xa debía estar funcionando".

No seu regreso ao poder, Núñez Feijoo sinalou en varias ocasión que a instalación dunha macroplanta en Touriñán tiña "todo o seu apoio", e que esta planta "xa debía estar funcionando"

Por que non se recuperou o proxecto de Touriñán? Eliminados os obstáculos legais (en 2012 a Xunta presentou o Plan Director de Acuicultura Litoral, que eliminaba posibles impedimentos para a instalación de granxas de peixes planos e facía que toda a costa sexa susceptible de acoller unha destas plantas, incluso aquelas zonas amparadas baixo a figura da Rede Natura) e políticos, as razóns foron puramente económicas. En primeiro lugar, a situación económica de Pescanova, como se comprobou máis adiante, non era a óptima. En segundo lugar, a crise económica freou este e outros macroproxectos que atentaban contra a costa galega. E terceiro, e importante, a retirada das axudas que a UE destinaba a través dos fondos de Pesca á acuicultura industrial e que pasou a limitar á tradicional, unhas axudas coas que a multinacional acuícola pretendía financiar ata o 50% do proxecto, tal e como fixo en Mira. A conselleira Rosa Quintana mesmo viaxou a Bruxelas para reunirse coa comisaria Maria Damanaki para tentar reorientar parte destes fondos á acuicultura como sector estratéxico, pero non tivo éxito.

Poderíamos engadir un cuarto motivo, que englobaría os outros: o estoupido da burbulla da acuicultura, da que xa falaba Manoel Santos nun artigo en Praza en febreiro de 2012. "Digo burbulla porque, ao cabo, a piscicultura en terra é iso, pois dá un valor excesivo de mercado, e xa que logo falso e susceptíbel de estoupar, a un modelo de produción de alimentos irresponsábel, baseado na usurpación e destrución irreversíbel do patrimonio natural común", escribía.

Unha factoría de peixes planos de Pescanova © Pescanova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.