As vías alternativas acollen o tráfico que perde a AP9

A N-550 ao seu paso por Barro CC-BY-SA Adrián Estévez

Os últimos datos de tráfico nas estradas publicados polo Ministerio de Fomento sinalan que a AP9 continúa perdendo usuarios e usuarias. En xuño esta vía de peaxe foi utilizada por unha media de 21.371 vehículos cada día, lixeiramente por debaixo da cifrade xuño de 2013 (21.428) e moi lonxe das acadadas en xuño de 2012 (23.100) e xuño de 2011 (26.092), un descenso continuado nos últimos cinco anos que neste momento deixa a media interanual (de xuño de 2013 a xuño de 2014) por debaixo de vinte mil vehículos (19.505), algo que non sucedía dende 2003. É certo que nos últimos anos a crise económica, unida a outros factores e motivacións, está a provocar unha redución xeral da densidade do tráfico nas estradas españolas (un 4,15% menos en 2012 e un 1,36% menos en 2013), pero esta caída é moi inferior á que rexistra a AP9, dun 20 por cento en só tres anos.

En paralelo, analizando as cifras de tráfico dalgunhas vías de uso gratuíto, que funcionan nalgúns treitos como alternativa á cara AP9 (e ás veces colapsada por mor das peaxes), vemos como nelas o volume de vehículos se mantén e mesmo nalgúns casos se incrementa. A vella N-550, que da Coruña a Tui vai en paralelo coa AP9, é unha delas e sen dúbida a máis importante. Aínda que tamén podemos falar doutras vías alternativas á AP9, coma a N-651 (entre Betanzos e Fene), a AC-523 (entre A Coruña e Mesón do Vento), a AG59 (entre Santiago e A Estrada) ou a A-55 (entre Vigo e Tui).

Fomento ten distribuído ao longo da N-550 un bo número de estacións de medición. As cifras oscilan de unha a outra e de ano a ano, pero en conxunto podemos falar dun mantemento do número de vehículos que empregan esta vía, ou unha leve caída, fronte ao constante e rápido descenso na utilización da AP9 (pasou de 27.029 usuarios en 2007, a 24.711 en 2011 e a 19.505 en 2014). Ademais, en certas estacións, nomeadamente as situadas entre Compostela e Pontevedra, o tráfico incrementouse moito nestes últimos anos.

  2011 2012 2013
Km. 7 (Culleredo) 15.824 15.058 15.047
Km. 27 (Mesón do Vento) 9.456 9.338 8.661
Km. 50 (Sigüeiro) 20.996 20.018 19.124
Km. 81 (Padrón) 17.160 16.733 17.467
Km. 100 (Caldas) 4.806 4.985 5.101
Km. 130 (Vilaboa) 15.814 15.072 14.904

Media mensual de vehículos en distintas estacións da N-550

De igual xeito, se observamos os datos da N-651 á altura de Pontedeume, vemos como pasou de ser utilizada por unha media de 16.147 vehículos en 2011, a soportar 16.835 en 2012 ou 17.214 en 2013. Outras vías, coma a N-634 á altura de Mesía, mantiveron o seu tráfico nos dous últimos anos (6.269 vehículos en 2011, 6.061 en 2012 e 6.048 en 2013). Ou a A-55 ao seu paso pola ponte sobre o Miño (14.873 en 2011, 15.044 en 2012 e 14.302 en 2013).

Unha peaxe da AP9 Dominio Público Adrián Estévez
A N-550 ao seu paso por Sigüeiro CC-BY-SA L. Miguel Bugallo Sánchez
A N-550 ao seu paso por Barro CC-BY-SA Adrián Estévez

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.