O paro baixa en 12.600 persoas en Galicia, que lidera o desemprego no norte peninsular

Persoas agardando para deixar un currículo nunha feira de emprego en Vigo © Empregalia

En Galicia hai 284.300 parados. Esa é a cifra que achegan os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos este xoves. Logo do récord negativo que o país marcou hai agora tres meses -e que desmontou o triunfalismo da Xunta-, a situación recupérase un chisco grazas aos traballos temporais do verán pero a un ritmo inferior ao do Estado, o que está a rematar de vez co diferencial positivo ao que sempre alude o Goberno.

Galicia conta con 6.000 parados menos que hai un ano, tras un lixeiro descenso do desemprego do 2%

Son 12.600 parados menos con respecto ao trimestre pasado, o que supón un descenso do 4,25% e que sitúa a taxa de desemprego no 22,29%, apenas dous puntos menos que a taxa estatal, que se sitúa no 24,47% tras unha baixada do 5,2% e 310.400 parados menos. En canto á diferenza interanual, Galicia conta con 6.000 desempregados menos que hai doce meses, o que supón un lixeiro descenso do 2%.

Por segundo trimestre consecutivo, Galicia sitúase como a comunidade do norte peninsular coa taxa de paro máis elevada, superando a todas as autonomías do Cantábrico, pero tamén os datos de Aragón e Cataluña. Os pésimos resultados da anterior EPA seguen a lastrar a evolución do emprego no país. Daquela, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desdeñara as cifras desta enquisa oficial malia utilizala durante anos para apelar ao "diferencial positivo" de Galicia. Así, cuestionara que parte das persoas sen traballo queiran atopalo e vinculara a posibilidade de atopar traballo coas inscricións como demandante no antigo INEM, aínda que menos do 3% das baixas neste se producen por unha oferta do Servizo Público de Emprego.

Sexa como for, Galicia conta con 991.500 ocupados, 8.700 máis que no primeiro trimestre de 2014 e unha taxa que aumenta cinco décimas até se situar no 41,9%. Nos últimos doce meses, pola contra, o número de ocupados diminuíu en 13.900 persoas, o que supón unha caída do 1,4% en termos relativos. Mentres, no conxunto do Estado, a ocupación aumentou en 192.400 persoas.

O número de ocupados diminuíu en case 14.000 persoas nun ano, período no que o número de asalariados temporais medrou un 6,7%

En canto ao número de asalariados, chega aos 772.900 no segundo trimestre, dos cales 589.300 sono con contrato indefinido e os 183.700 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 11.600 asalariados menos con contrato indefinido, o que supón unha diminución do 1,9%. O número de asalariados cun contrato temporal aumenta en 20.600 persoas (o que supón unha suba do 12,6% con respecto ao primeiro trimestre do ano). En canto á variación interanual, os asalariados con contrato indefinido diminuíron un 1,2% mentras que os asalariados con contrato temporal medraron un 6,7%.

Por sexo, cae tanto o paro masculino coma o feminino, situándose o número total de homes parados en 147.000 persoas (11.600 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 137.400 persoas (900 menos). Destaca así que a taxa de paro masculina baixe en 1,7 puntos fronte ao descenso mínimo de 0,1 puntos no caso feminino, colocándose a primeira no 22% e a segunda no 22,6%.

Ademais, créase emprego en todos os sectores de actividade agás no sector primario, que perde 1.600 empregos. Na idustria créanse 600 empregos, 2.000 na construción e 7.700 nos servizos. En canto á duración dos contratos, a EPA sinala que no trimestre perdéronse 4.600 empregos indefinidos e creáronse 9.100 temporais. No sector público continúa a destrución de postos de traballo, neste caso 4.200, mentres que no privado se crearon 13.200.

 

Máis do 65% dos mozos son parados ou inactivos

En canto á situación da mocidade, dos 348.200 novos galegos de entre 16 e 29 anos, 119.300 (o 34,3%) están ocupados, 75.300 (o 21,6%) parados e os 153.600 (o 44,1%) restantes son inactivos. Xa que logo, o 65,7% dos rapaces de Galicia están en situación de desemprego ou de inactividade. Non obstante, a taxa de paro xuvenil descendeu durante o segundo trimestre en 1,5 puntos, ata situarse no 38,7%, aínda que con respecto a hai un ano incrementouse en 1,3 puntos.

A taxa de paro xuvenil en Galicia sitúase no 38,7%, menor á do trimestre pasado pero maior á de hai un ano

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 34,3% no segundo trimestre de 2014. Con respecto ao trimestre anterior aumenta un punto e con respecto ao mesmo trimestre do ano 2013 diminúe cinco décimas.

Por outra banda, a taxa de temporalidade entre os mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 55,4%, 4,8 puntos porcentuais por riba da rexistrada hai tres meses e 4,4 puntos superior á rexistrada hai un ano. A precariedade e temporalidade segue a ser o habitual entre os novos que atopan ou teñen traballo.

Ferrol é a cidade galega con menor taxa de ocupación e maior taxa de paro

De reparar nos datos das grandes cidades galegas, Ferrol segue a ser a peor parada, tendo a menor taxa de ocupación (cun 31,5%) e a maior taxa de paro, que case alcanza o 30% (29,6%). Pola contra, Santiago e Lugo son os concellos con mellores datos de ocupación, aínda que a cidade con menor taxa de desemprego segue a ser A Coruña, cun 18,4%. A de Vigo sitúase no 22,7%, fronte a Compostela (20,1%), Lugo (20,5%), Ourense (23,3%) e Pontevedra (24,2%).

Ademais, no segundo trimestre de 2014, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 7.800 unidades en Galicia, situándose en 93.700. Respecto ao segundo trimestre de 2013 esta tipoloxía de fogares cae un 1,1%.

 

Mellores datos a nivel estatal

Con todo, e malia a leve mellora do mercado laboral en Galicia no segundo trimestre do ano, os datos a nivel estatal son moito mellores. Oss datos da EPA en España mostran que tanto o paro como o emprego melloraron substancialmente os seus rexistros. Por unha banda, o desemprego baixou en 310.400 persoas, até un total de 5.622.900 persoas, unha das maiores baixadas trimestrais de toda a serie histórica. A taxa de paro queda en 24,47%, case un punto e medio menos que a comezos de anos. Por outra, o mercado de traballo creou 402.400 empregos entre abril e xuño. Non só iso, senón que por primeira vez en toda a crise España creou emprego en termos interanuais: a ocupación creceu 192.400 persoas.

A redución do desemprego é substancial, de 310.400 persoas no segundo trimestre e de 425.000 no último ano. No entanto, o número total de parados (5.622.900) segue en niveis similares aos que o mercado laboral soportaba no primeiro trimestre de 2012.

Aínda así, dos 402.400 novos postos do segundo trimestre, 388.000 corresponden a novos asalariados. O 51,8% (207.800) deles incorporáronse ao mercado con contratos temporais. O resto, 180.200, foron indefinidos. Esta cantidade de contratos eventuais fixo que a taxa de temporalidade repunte 82 centéstimas até o 23,95%.

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.