O 94% dos contratos de agosto en Galicia foron temporais

Un traballador da construción nunha localidade galega CC-BY-NC-SA CIG

Os argumentarios oficiais aséntanse dende hai meses no discurso da "recuperación económica". Nesta liña, o pasado domingo Mariano Rajoy subiu ao atril do seu mitin en Soutomaior para asegurar que "as cousas" van "mellor" que hai un ano e que, dentro de doce meses esas mesmas "cousas" irán aínda mellor. Se nesas "cousas" se inclúe o emprego o certo é que o pasado agosto non foi un mes especialmente bo para o Goberno de España, toda vez que o que vén sendo o seu indicador favorito do mercado laboral -véñeno priorizando sobre a Enquisa de Poboación Activa por ofrecer mellores datos-, o paro rexistrado, indica un incremento de 8.070 inscricións nas oficinas de emprego. En Galicia, no entanto, esta cifra rebaixouse en 3.340 persoas, se ben a letra pequena indica que non todas as baixas implican novos postos de traballo e, ademais, que os novos contratos tenden cara á precariedade.

Á espera de coñecer as causas destas 3.340 inscricións nas oficinas de emprego -nelas tamén se inclúen as persoas que non renovaron a súa demanda pero que seguen sen traballo- xa é posible saber as características dos contratos laborais do pasado mes, no que os movementos laborais adoitan estar fortemente vinculados ao sector turístico e ás vacacións. Así, dos 72.033 contratos rexistrados -un 21,36% menos que en xullo e un 11,4% máis que un ano antes- unha amplísima maioría, case 68.000, foron temporais e apenas o 4%, 4.114, foron indefinidos. Unha mostra máis da precariedade e da inseguridade laboral das persoas contratadas é que máis de 30.000 destes contratos foron "eventuais" e ligados á "circunstancias da produción" das empresas, mentres que máis de 24.000 foron contratos de obra ou servizo.

A escasa proporción de contratos indefinidos en relación ao conxunto de contratos formalizados non é unha excepción, se ben o seu número é aínda máis cativo que no mes anterior, cando houbo 1.352 indefinidos máis. Con relación a agosto de 2013 o incremento porcentual é significativo, un 11,76%, aínda que, dadas as magnitudes, este aumento tradúcese en 433 contratos indefinidos máis que no anterior agosto. O mes estrela do verán foi, como o pasado ano, o peor no que vai de exercicio para a contratación indefinida no país.

O retrato robot do emprego en agosto complétase ao poñer o foco nos sectores que concentraron a contratación. Dese total de 72.000 contratos máis de 57.000 asináronse no sector servizos e, deles, 54.000 foron temporais. O seguinte sector con máis contratos, aínda que a moita distancia dos servizos, é a industria, con pouco máis de 9.000. Aínda máis lonxe está a construción, con 4.000, e a agricultura, con menos de 2.000.

Análise da Xunta e dos sindicatos

Malia este pano de fondo a Xunta pon o acento en que Galicia é a autonomía na que máis descenderon as inscricións nas oficinas de emprego durante o mes de agosto. Para a directora xeral de emprego, Ana María Díaz, estes datos veñen confirmar "a mellora progresiva no comportamento do paro iniciado dende finais do pasado ano". "Galicia sitúase por riba da media estatal, tanto a nivel mensual como interanual", di a alto cargo da Consellería de Traballo, que tamén pon o foco no incremento da afiliación á Seguridade Social e na contratación. 

O optimismo do Goberno non é compartido na banda sindical. Para a CIG a "análise da contratación" é a que "axuda a explicar" os datos e "reflicte unha situación laboral realmente preocupante" pola escaseza de contratos indefinidos e a preponderancia do sector servizos. "Os datos do mes de agosto teñen a súa explicación na estacionalidade do emprego e non no feito de que nos atopemos ante un cambio de ciclo", sinala a central nacionalista que, ademais, a través do seu secretario de Emprego, Miguel Malvido, augura que a situación se vai "agravar cando se poña en marca o plan de explotación e emigración da mocidade que vén de aprobar o PP no Congreso".

A CIG e CCOO poñen o acento na escasa calidade dos contratos asinados en agosto e na estacionalidade

Pola banda de Comisións Obreiras os datos das oficinas de emprego amosan unha "mellora do emprego, si, pero con data de caducidade, á custa dos dereitos e da perda de calidade". Segundo a súa secretaria de Emprego, Maica Bouza, ao actua ritmo serían necesarios "seis anos para reducir o insoportable nivel de paro existente" en Galicia, nun panorama no que a "reforma laboral e a falta de vontade política" están a "conseguir os seus obxectivos: o incremento das desigualdades, a xeralización da pobreza e a volta á emigración". Nun sentido semellante, UGT Galicia pon o acento na estacionalidade e, aínda que "saúda o bo dato de paro rexistrado no mes de agosto", manifesta "unha gran perocupación pola preocupante cifra do número de beneficiarios con prestacións, que segue baixando".

Un traballador da construción nunha localidade galega CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.