R e os pequenos operadores, á cabeza da calidade en teléfono e internet

Router wireless de conexión a Internet CC-BY Sean MacEntee

"O pequeno é fermoso" foi un concepto popularizado dende os anos setenta polo economista alemán E. F. Schumacher e que ben se podería aplicar nestes momentos á oferta de servizos de telefonía fixa e móbil e internet en España. Iso é, cando menos, o que reflicten as conclusións dun estudo de satisfacción realizado pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) a través de máis de 13 mil enquisas. En todos os soportes e en case todos os parámetros estudados son as meirandes empresas (Orange, Vodafone ou Movistar) as que saen peor paradas, e en cambio, tanto os operadores de ambito autonómico (R, Euskaltel ou Telecable) coma as operadoras sen rede propia (Pepephone, MásMóvil ou Simyo) obteñen as mellores puntuacións, ademais de Ono.

OCU maniféstase sorprendida pola "fidelidade" dos e das clientes das compañías, mesmo das que valoran máis negativamente, pois son poucos os usuarios e usuarias que manifestan a súa disposición a mudar de empresa

OCU maniféstase sorprendida, ademais, pola "fidelidade" dos e das clientes das compañías, mesmo das que valoran máis negativamente, pois do mesmo estudo tamén se conclúe que son poucos os usuarios e usuarias que manifestan a súa disposición a mudar de servidor. Nos casos de Orange e Vodafone (as empresas peor valoradas) estas cifras crecen algo máis, pero fican no 40 e 44 por cento respectivamente.

No servizo de telefonía móbil son tres operadores móbiles virtuais os que obteñen os mellores rexistros de satisfacción

No servizo de telefonía móbil son tres operadores móbiles virtuais os que obteñen os mellores rexistros de satisfacción: Pepephone (85 sobre 100 puntos), Simyo (77) e Masmovil (76), seguidos de R e Eroskimovil (75) e Tuenti (74). A moita distancia sitúanse Ono (71), Amena e Yoigo (70) e, sobre todo,  Movistar (67), Vodafone (64), Jazztel (63) e Orange (62). A galega R, en cuarta posición na valoración global, acada as súas mellores valoracións en atención ao cliente (81 puntos) e cobertura de voz (79), e perde algúns puntos no apartado de internet no móbil (67).

R é a empresa máis valorada nos servizos de telefonía fixa e internet no fogar

En canto a telefonía fixa R é a empresa máis valorada de toda España, con 87 puntos sobre 100, por diante de Euskaltel, Ono e Telecable, e cunha ampla diferenza sobre Movistar e Jazztel (77), Vodafone e Orange (70). A operadora galega lidera todos os apartados, sobre todo o de calidade de son (87 puntos) e atención ao cliente (82).

R tamén é a compañía máis valorada no servizo de internet no fogar, con 79 puntos sobre 100, superando a Ono, Pepephone e Telecable (75). De novo Movistar (63), Jazztel (63), Orange (59) e Vodafone (57) pechan a lista. R é a empresa máis valorada en velocidade (79 puntos, por diante de Ono) e estabilidade da liña (80 puntos, por diante de Ono), só é superada por Pepephone en atención ao cliente e en facturación, onde R obtén a súa peor cualificación (75 puntos). Orange e Vodafone obteñen valoracións por debaixo de 60 puntos en case todos os apartados e Movistar e Jazztel roldan esa cifra, sobre todo en facturación e velocidade.

OCU pregunta tamén polo servizo de televisión de pago, no que domina Ono, por diante de R, Euskaltel e Canal+. Orange TV obtén aquí tamén a peor cualificación.

Router wireless de conexión a Internet CC-BY Sean MacEntee

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.