Galicia, a que menos gaña nos orzamentos de Rajoy para o ano electoral

Detalle dos libros dos Orzamentos do Estado para 2015 © Ministerio de Facenda

O Goberno de España vén de poñer en marcha o trámite parlamentario das últimas contas públicas da lexislatura. Os Orzamentos Xerais do Estado para 2015 "impulsan o crecemento económico, a creación de emprego e a mellora da competitividade", di o Ministerio de Facenda. No apartado de investimentos territorializados, no que o Estado di canto planifica gastar en cada comunidade autónoma, Galicia segue no terceiro posto en termos absolutos con 1.385 millóns de euros. No entanto, nun panorama caracterizado polo incremento das achegas ás autonomías o aumento galego é o último das autonomías e só ten por tras a Ceuta, que perde máis dun 40%

Algunhas das comunidades con eleccións en maio figuran nos primeiros postos dun rexistro encabezado polas Balears, onde os investimentos previstos medran case un 90%. A continuación sitúanse Murcia, Navarra e a Comunitat Valenciana. Pola banda baixa, máis ou menos preto de Galicia, están La Rioja, cun incremento do 3,31%, Canarias, co 4,53% ou Extremadura, que suma un 4,55%.

Ao pasar das porcentaxes aos euros a comunidade que sae mellor parada é Andalucía, que está por riba dos 1.900 millóns de euros en investimentos territorializados. Castilla y León supera os 1.700 e Galicia, os 1.300. Tamén supera os 1.000 millóns o investimento previsto para Catalunya. Pola banda baixa atópanse La Rioja, con 94 millóns, Navarra, con 96 e Balears, con 138. O investimento total do Estado entre as autonomías e as cidades autónomas chega aos 13.103,36 millóns de euros, polo que Galicia representaría un 12,3% do total no caso de que todos os fondos comprometidos se executasen, isto é, se chegasen a gastar, algo que acontece en raras ocasións.

O AVE capitaliza as partidas galegas

Malia ás dificultades económicas que, nos últimos anos, deixaron o debate e as promesas de infraestruturas nun segundo plano unha ollada á distribución dos investimentos para Galicia entre os diferentes ministerios permite obter unha elocuente radiografía. Aínda antes de ter en conta os organismos do sector público empresarial, caso do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), máis da metade dos cartos que chegan dos departamentos ministeriais ao país correspóndenlle ao Ministerio de Fomento, con case 160 millóns de euros. Algo máis de 50 son os que di prever investir o Ministerio de Agricultura en territorio galego e o de Educación reserva algo máis de 7,5 millóns.

Se na suma se integran os devanditos organismos do sector público empresarial a radiografía é aínda máis evidente. Máis da metade dos 1.385 millóns orzamentados para Galicia, uns 711 millóns, teñen como destino a construción de liñas de alta velocidade ferroviaria. A maioría destes cartos, algo máis de 578 millóns de euros, son os que o Adif prevé achegar para a conexión por AVE coa Meseta, nomeadamente o treito entre Ourense e a localidade castelá de Olmedo. "En 2015 -di o Ministerio- preveuse por Adif-Alta Velocidade o inicio de actuacións na estación de Ourense" e tamén o inicio da "tramitación dos proxectos básicos" na liña ferroviaria de Ourense a Vigo por Cerdedo. A outra gran partida ferroviaria é a do Eixo Atlántico, que leva uns 130 millóns para rematar os traballos pendentes e introduce "como novidade" 200.000 euros para "o inicio da nova estación de Santiago.

O AVE e a autovía Santiago-Lugo centran os investimentos previstos para o país en 2015

Á marxe do tren, unha vez culminada a problemática Autovía do Cantábrico o departamento que dirixe Ana Pastor mantén o investimento na eterna autovía entre Lugo e Santiago, comezada a planificar a mediados dos anos 90 e que, segundo as promesas lanzadas hai escasos anos dende Xunta e Goberno central, ía estar en servizo precisamente en 2015. Agora 2015 é o ano no que, asegura o Ministerio, "se atopará en marcha" toda a autovía, o que significa que se poderá circular por catro treitos e "o resto" seguirá "en obras", para as que se orzamentan uns 85 millóns de euros.

Montoro entrega o proxecto no Congreso en presenza dos altos cargos do Ministerio © Ministerio de Facenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.