A Xunta reborda optimismo orzamentario: "Galicia sempre mellor que España"

Presentación do cadro macro dos Orzamentos, en San Caetano © Conchi Paz

"Galicia sempre mellor que España". Esta frase, que ben podería ser obxecto de múltiples e duras acusacións se chegase dende latitudes alleas ás do actual Goberno da Xunta, está escrita na cuarta páxina da presentación coa que a Consellería de Facenda deu conta o pasado venres das grandes cifras dos Orzamentos Xerais para 2015, aprobados no Consello como paso previo ao inicio do trámite parlamentario, o vindeiro luns. O gabinete de Alberto Núñez Feijóo sintetiza deste xeito algúns dos seus argumentarios máis recorrentes dos últimos anos, segundo os cales a xestión económica galega é a mellor do Estado, e ponlle lema ao optimismo orzamentario co que afronta o ano 2015, electoramente decisivo.

Á espera de coñecer polo miúdo as cifras das sextas contas da era Feijóo o que xa é posible coñecer é que o seu departamento económico non só obvia as turbulencias macroeconómicas que volven pairar sobre a Unión Europea e a Zona Euro, temerosas dunha nova recesión, senón que prognostican que a economía galega estará á cabeza do crecemento económico, augurando un medre do PIB superior ás proxeccións de diversos organismos internacionais para o Estado. Así, mentres que o FMI di que España medrará ao 1,7% e a OCDE, ao 1,6%, a Xunta toma como referencia as cifras da Comisión Europea (2,1) e do Ministerio de Economía (2%) para asegurar que o PIB galego vai medrar ao 2%, 1,1 puntos máis que en 2014.

A Xunta mantén que o PIB vai medrar ao 2%, na liña dos prognósticos máis optimistas para o Estado

Menos paro, menos déficit e menos débeda son as pezas fundamentais dun optimismo no que a Xunta asegura que vai ingresar 82,4 millóns de euros máis por impostos directos -un 4,3% máis- e 15,9 millóns menos por indirectos -unha redución do 0,5%-. Asemade, o Goberno coida que as taxas e prezos públicos que lle cobra á poboación implicarán uns ingresos de 11,4 millóns máis que neste ano. 

O investimento social

Como cada ano, a presentación do cadro macro dos Orzamentos Xerais foi tamén o do anuncio dun récord de investimento social. Nomeadamente, tanto o presidente como a conselleira de Facenda aseguran que as partidas orzamentarias neste eido -sanidade, educación e servizos sociais- pesan no conxunto das contas máis que nunca na historia autonómica. Así e todo, e como xa relatou este diario, as afirmacións do Goberno galego contrastan cos datos oficiais do Ministerio de Facenda, que cada ano analiza as grandes partidas dos orzamentos de todas as autonomías. Unha vez restado o orzamento cultural, que o Ministerio tamén computa como social, o resultado é que o peso destas partidas vén sendo reducido dende hai catro anos. Resta saber, non obstante, a análise que o departamento de Cristóbal Montoro realiza do proxecto de 2015.

Así e todo, e alén de porcentaxes, o investimento en partidas sociais é menor ano a ano dende o comezo da crise. Así, e de novo segundo a análise homoxénea do Ministerio de Facenda, no ano 2009 os Orzamentos Xerais da Xunta dedicaban a partidas sociais máis de 7.300 millóns de euros. En 2013, último ano analizado debullado ata o momento polo departamento estatal, foron 6.200 millóns.

Fragmento da presentación da Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.