13.000 persoas 'ignoran' a suposta saída da crise e emigran de Galicia en seis meses

Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

A publicitadísima "senda da recuperación" non chegou aos ouvidos de, cando menos, 12.620 persoas. Tampouco as aseveracións refereridas a que Galicia é dos primeiros territorios do Estado en saír da crise económica. Iso é, cando menos, o que cabe deducir dos datos migratorios publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE), os cales acreditan que esa cifra de homes e mulleres, case 13.000, abandonaron o país en dirección a outros puntos do Estado ou do mundo no primeiro semestre deste 2014. Dende o inicio da crise a cifra aproxímase xa ás 160.000 persoas.

Segundo esta estatística de migracións entre xaneiro e xuño deste ano deixaron de residir en Galicia 7.755 persoas para facer o propio noutra comunidade autónoma. Mentres, 4.865 fixeron a maleta e puxeron rumbo ao estranxeiro. Son, en total, as devanditas 12.620, o que representa apenas un 1,8% menos que no mesmo período do ano pasado. Así as cousas, se o ritmo é o mesmo na segunda metade do ano semella que as cifras serán máis ou menos semellantes ás de 2013, cando emigraron 26.356 persoas; 14.000 a outras autonomías e 12.300 cara ao resto do mundo.

Ao contrario do que acontecía no inicio da crise, cando a emigración non afectaba ás cifras totais de poboación grazas á chegada de persoas inmigradas dende outros puntos, dende hai dous anos esas entradas xa non compensan as saídas. Así, fronte ás cifras positivas rexistradas entre 2008 e 2011, en 2012 Galicia mantivo un saldo migratorio positivo co Estado pero negativo co resto do mundo, polo que o resultado final destes movementos foi unha perda de 164 persoas. En 2013 o rexistro foi notablemente máis avultado, xa que marcharon a outras autonomías 151 persoas máis das que chegaron e emigraron ao estranxeiro 4.037 persoas máis das que viñeron doutras latitudes ata o país. No que vai de ano o saldo migratorio tamén é negativo, cunha diferenza de 1.190 persoas entre as entradas e saídas estatais e de 1.859 no referido a outros estados.

Como vén sucedendo, unha cantidade nada desprezable das persoas que deciden emigrar de Galicia son mozos e mozas. Concretamente, no que vai de ano marcharon ao estranxeiro 2.151 galegas e galegos de entre 16 e 35 anos -o INE non ofrece este dato para as migracións interautonómicas-. Dende o ano 2008 foron un total de 27.652 as persoas nesta franxa de idade que deixaron de residir no país.

Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.