A nova etiquetaxe que prexudica a Galicia e os seus produtos do mar

Cultivo de mexillón en Galicia © Mexillón de Galicia

Desde este pasado 13 de decembro -e tres anos despois da entrada en vigor- un novo sistema de etiquetaxe é obrigatoria na UE. Xorde do novo regulamento (1169/2011) publicado a finais de novembro de 2011 no Diario Oficial da UE, polo que se modificaban os regulamentos anteriores sobre a información alimentaria facilitada aos consumidores e polo que se derrogaban tamén varias directivas ao respecto.

Desde a pasada semana, é obrigado que os consumidores accedan á información sore os ingredientes de todos os alimentos en calquera establecemento

Xa que logo, e desde a pasada semana, é obrigado que os consumidores teñan acceso á información sobre os ingredientes que terán que ser declarados en todos os alimentos, sexan envasados ou non, incluíndo tamén os que se adquiren en hospitais, restaurantes, bares, comedores escolares ou os que se venden a granel.

Pero as vantaxes que pode ter esta nova regulación para o etiquetado trae tamén claros prexuízos para produtos galegos, xa que nun principio exime as conservas do mar de informar sobre a especie e a orixe do produto, unha clara ameaza para os produtores galegos, xa que permitiría que se enlatasen alimentos doutras procedencias sen que se determine se é galego ou non, coas claras desvantaxes que isto supón para as Denominacións de Orixe de productos pesqueiros, como o mexilón, onde os bivalvos chilenos poderían pasar como de Galicia

A entrada en vigor do novo regulamento deixa sen vixencia a normativa que obrigaba a informar sobre o país de orixe das conservas

O caso é que a entrada en vigor obrigatoria dese novo regulamento deixa sen vixencia a directiva 2000/13/CE, polo que os Estados estarán obrigados a aplicar directamente esta nova normativa, que se sobrepón á norma estatal que obriga a informar sobre o país de orixe. A nova regulación non exixe esa obriga se non se determina que a súa omisión poida induciar a erro ao consumidor. Xa que logo, obivar na etiqueta a especie ou orixe xa non sería ilegal.

O BNG, a través da súa eurodeputada Ana Miranda, xa advertira deste risco cando se discutiu o novo regulamento sobre os produtos da pesca e da acuicultura, solicitando á Comisión que nas latas se incluíse o lugar de captura. O Bloque segue a denunciar esta situación, ao igual que agora fai AGE a través da súa europarlamentaria Lidia Senra, que advirte que o novo sistema de etiquetaxe "favorece nalgúns dos seus aspectos ás grandes multinacionais".

O BNG xa advertira do prexuízo que a nova normativa supuña cando se discutiu o novo regulaemnto sobre produtos do mar

"Polo que empezamos a coñecer con respecto ao que pode supoñer na práctica en relación aos produtos pesqueiros, este tipo de etiquetaxe, xunto con algúns aspectos da Política Pesqueira Común (PPC),  prexudica claramente as Denominacións de Orixe en produtos pesqueiros como o mexilón e mesmo á ameixa, que poderá aparecer etiquetada vinculada a augas portuguesas e non a augas galegas", explica a eurodeputada galega.

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia advirte do perigo que podería supor para o mercado galego, que xa está sendo afectado desde hai anos polo mexillón foráneo, que foi desprazando o do país malia dispor este de Denominación de Orixe Protexida.

"As multinacionais son perfectamente conscientes do poder que temos cando eliximos o que mercamos", di Lidia Senra

Desde AGE ven nesta posible modificación con respecto ás normas de etiquetado dos produtos do mar e da acuicultura un intento por deter o "acto político" que supón tamén elixir os alimentos e facer a compra cada día. "As multinacionais son perfectamente conscientes do poder que temos cando eliximos o que mercamos, e saben que cada día hai máis persoas que non somos simples consumidoras, senón que queremos decidir que comemos, quen é onde queremos que se produza e a que economías queremos apoiar co acto político de mercar", di.

AGE interpelou xa á Comisión sobre a inclusión do país de orixe nos produtos do mar para evitar o prexuízo a Galicia

Así, Lidia Senra advirte que AGE traballará para que o mexillón se inclúa dentro da proposta que vai realizar a Comisión Europea neste mes de decembro para modificar o Regulamento da Organización Común de Mercados no Sector dos Produtos da Pesca e da Acuicultura. A eurodeputada galega, suplente do grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea na Comisión de Pesca- xa rexistrou o pasado 13 de novembro unha pregunta parlamentaria por escrito sobre este aspecto. "Si a incluír o país de procedencia dos produtos do mar. Galiza ten que figurar como país de procedencia no etiquetado de todos os nosos produtos, incluídos os do mar", demanda a eurodeputada galega.

Tamén Compromiso por Galicia preguntou á Comisión sobre o mesmo tema, e neste mesmo luns o BNG presentou unha nova iniciativa para que a UE considere as propostas enviadas polo Consello Regulador do Mexillón e dea unha resposta ao Parlamento Europeo sobre esta problemática, á vez que defenda os productos europeos vitais para economías como a galega, como ocorre no caso do mexillón.

Mexillón galego envasado © Mexillón de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.