Galicia lidera a suba do paro, que esfarela as proclamas de recuperación

CC-BY-SA Praza Pública

O cuarto incremento consecutivo e a comunidade autónoma onde máis sobe o desemprego, que descende pola contra no conxunto do Estado. Ese é o panorama co que o mercado laboral galego comeza o ano e que fai referencia aos datos do pasado mes de decembro. Nin a campaña do Nadal foi quen de deter o aumento do paro no país, que segue escalando desde que no verán a autonomía liderase a súa caída. Desde agosto, o número de parados rexistrados nas oficinas de emprego subiu en setembro en 1.264 persoas, en 5.841 en outubro e en máis de 4.500 en novembro.

Desde agosto, o paro subiu en Galicia en todos os meses ata decembro, onde lidera o incremento no Estado

En decembro, Galicia rexistrou 3.286 desempregados máis, un 1,32% máis que en novembro, polo que encabeza o grupo das únicas cinco comunidades nas que o paro medrou no último mes do ano, seguida de lonxe por Castela e León, onde o número de parados medrou en menos da metade (+1.274). No conxunto do Estado, o desemprego medrou tan só en catorce provincias, catro delas na comunidade galega.

Mentres, no Estado o desemprego rexistrado descendeu en 64.405 persoas (-1,43%), o segundo maior descenso para un mes de decembro en toda a serie histórica, polo que os cidadáns apuntados nas listas do antigo Inem sitúase en 4.447.711 a final de ano, 253.627 persoas menos, (-5,39%) que hai un ano. Non obstante, desde a chegada de Mariano Rajoy ao Goberno central, en España destruíronse máis de 450.000 empregos e sobre un millón de cotizantes á Seguridade Social.

Galicia pechou 2014 con 19.145 parados menos, pero ata en cinco autonomías o descenso no desemprego foi maior

Tamén no cómputo anual, Galicia pechou 2014 con 19.145 parados menos (-7%) que en decembro de 2013, deixando a cifra de desempregados en 251.918 persoas, unha feble e lenta tendencia positiva que está virando nos últimos meses e na que o país tampouco lidera recuperación ningunha. As proclamas non se corresponden coa realidade. Ata cinco autonomías (Cataluña, Navarra, Aragón, Illes Balears e Cantabria) teñen un descenso interanual maior. En canto aos datos intermensuais, a comunidade é das poucas nas que sobe o paro e a única onde esa suba supera o 1%.

Os datos contrastan co triunfalismo de Feijóo, que non dubidou en afirmar no última discurso de fin de ano que “a Galicia que decrecía economicamente é agora unha Galicia que aspira a crecer un 2% o próximo ano e a Galicia que destruía emprego é agora unha Galicia que está empezando a crear emprego”. Non nos últimos catro meses. Nin moito menos.

O número de desempregados aumenta nas catro provincias galegas, sobre todo na Coruña, que pecha decembro con 1.715 parados máis, seguida de Pontevedra (+1.247), Lugo (+261) e Ourense (+63). Non obstante, en comparación co mesmo mes do ano anterior, os resultados son positivos en todas elas, con caídas do 9,7% na provincia lucense, do 7,5% en Pontevedra, do 6,7% en Ourense e do 6% na Coruña.

Ademais, o desemprego subiu en todos os sectores en Galicia agás nos servizos e no colectivo sen emprego anterior, onde descendeu en algo máis de 500 persoas en ambos os dous casos. Así, o paro aumentou en 460 persoas na agricultura, en 1.497 na industria e en 2.372 na construción.

O dato é aínda peor se temos en conta que a afiliación á Seguridade Social en Galicia baixou no mes de decembro en 2.178 persoas, polo que o total da media de afiliados situouse en 926.482 traballadores. En relación co mesmo mes do ano anterior, a cifra aumentou en 11.856 persoas, un 1,3% máis. É este dato interanual o único positivo, xa que as cifras do último mes do ano deixan claro o empeoramento do mercado laboral en Galicia, que mesmo racha coa feble e precaria tendencia positiva no conxunto de España.

No conxunto do Estado, a Seguridade Social pechou 2014 cun aumento medio de 417.574 afiliados (+2,5%), logo de rexistrar en decembro 79.643 cotizantes máis, un aumento do 0,48%.

Tan só o 7,5% dos contratos asinados en decembro foron indefinidos

A contratación medrou un 3% en decembro, con 1.763 contratos máis que en novembro -onde a caida foi de máis de 20.000- ata quedar nun total de 59.094, mentres que en termos interanuais, o país rexistrou un incremento de 6.332 contratos (+12%). Ademais, a maior parte dos contratos foron temporais, 54.650 fronte aos 4.444 indefinidos do último mes do ano. Estes indefinidos supoñen un 7,5% do total e tamén son menos que os de novembro. En concreto, 481 menos, o que supón unha caída do 9,7%.

 

A Xunta e o PP presumen dos datos

Malia todo, a Xunta de Galicia non dubidou en sacar o lado positivo das cifras, aínda que a directora xeral de Formación e Emprego, Ana María Díaz, considerou o dato do aumento do paro no mes de decembro como “negativo”, pero lembrou que é un mes "onde habitualmente se rexistran incrementos do desemprego".

A Xunta presume de volver aos niveis de desemprego de hai tres anos e o PP obvia os malos datos dos últimos meses

"Grazas a esta evolución, Galicia rematou o 2014 con niveis de paro inferiores aos que se rexistraron en 2013, en 2012 e en 2011. Volvemos ás cifras de hai tres anos”, subliñou a responsable autonómica, que insistiu en destacar que en termos intermensuais trátase do "mellor comportamento dun mes de decembro de toda a serie histórica (desde 1996) en termos relativos".

Tamén o PP centrou o seu discurso nos datos positivos, pero cunha reviravolta máis. O voceiro dos populares galegos no Parlamento, Miguel Tellado, asegura que Galicia está "ante o mellor comportamento interanual nun mes de decembro dende 1996” e que "leva catorce meses consecutivos rexistrando descensos no paro interanual". “Galicia compórtase mellor, xa que aquí a baixada interanual foi 1,67 puntos maior que na media do Estado”, insiste, obviando os catro últimos meses de incremento do desemprego e os datos que fan que o país lidere as cifras negativas no Estado.

O Bloque, pola súa banda, cre que "o fortísimo aumento do paro rexistrado sumado ao descenso de afiliación en máis de 2.000 persoas revelan que en Galiza non existe tal recuperación e que temos o peor comportamento do Estado español”. Así o dixo o portavoz nacional, Xavier Vence, que cre que "stán fallando as políticas económicas e Feijóo está totalmente equivocado no tipo de receitas que aplica porque o que necesitamos son políticas de reactivación e dinamización do noso sector primario, da industria, de protección do comercio local e crear emprego de calidade, non precario con salarios de miseria”, explica.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Feijóo, coa conselleira de Benestar, Beatriz Mato © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.