Os traballadores de Lantero poñen fin a 118 días de folga tras acadar o seu obxectivo

Unha das imaxes que simbolizou a loita dos traballadores de Lantero © Carlos Crespo

Cero despedimentos. O longo conflito laboral iniciado en Lantero en outubro pola pretensión da empresa de rescindir o contrato de 32 traballadores e reducir un 30% o salario do resto péchase con éxito para o folguistas, que por riba de todo buscaban evitar que ningunha persoa fose despedida. "Ou todos ou ningún", foi a consigna máis reptida nos 118 días de folga, unha frase que se puido ler en faixas e camisolas e que se escoitou continuamente nas manifestacións e outros actos de protesta. Eses 32 despedimentos acabaron sendo 56, finalmente anulados.

"Ou todos ou ningún", foi a consigna máis reptida nos 118 días de folga

Este venres pola tarde o comité de empresa e a dirección de compañía chegaban a un acordo que supoñia con cero despedimentos e a readmisión dos traballadores afectados polo ERE extintivo e tamén a do presidente do comité de empresa, Jesús López. O acordo foi ratificado este sábado pola mañá pola asemblea dos traballadores e traballadoras por ampla maioría. A cambio de evitar as baixas forzosas, o persoal acepta un ERE Temporal que afectará 180 días a cada un (aínda que nese tempo os traballadores cobrarán 100% do seu soldo, xa que a empresa complementará a cantidade abonada pola Seguridade Social), unha redución salarial gradual, do 10% para os que cobren máis de 20.000 euros e que non afectará ao resto, e un máximo de 18 amortizacións de praza sumando baixas voluntarias e prexubilacións, que serán retribuídas con 35 días e 27 meses de indemnización. Os traballadores regresarán o luns á súa actividade.

O acordo foi ratificado este sábado pola mañá pola asemblea dos traballadores e traballadoras por ampla maioría

Dende o seu inicio, en outubro, a folga de Lantero foi un símbolo de loita, sobre todo a medida que avanzaban as semanas e o paro se ía convertendo no máis longo dos últimos tempos en Galicia. O apoio prácticamente unánime da sociedade civil arousá contrastou co inmobilismo da propia empresa e coa pasividade amosada pola Xunta. A compañía mesmo buscou que os xulgados declarasen "ilegal" a folga; porén, hai dúas semanas o Xulgado do Social número 2 de Pontevedra fallou en contra da compañía, nunha sentenza que significou un enorme apoio para os empregados mobilizados, que xa nese momento superaban os 100 días de paro.

"A empresa vai querer poñer en marcha a actividade da planta e que polo tanto buscará unha solución pactada", adiantaba Jesús López hai 15 días

"A sentenza é un espaldarazo de ánimo e tumba un pouco as previsións da dirección da empresa, que buscaba contar a folga con esta sentenza e, de paso, despedir o comité de empresa", destacaba neses momentos Jesús López, presidente do comité, en entrevista con Praza. López sinalaba tamén que "estamos convencidos de que a Xustiza tamén vai tumbar o ERE, o que levará a empresa a rectificar" e adiantaba que "a empresa vai querer poñer en marcha a actividade da planta e que polo tanto buscará unha solución pactada".

"Conseguimos que o noso lema 'Ou todos ou ningún' se leve a cabo nestes tempos de abusos patronais. Xa somos unha gran familia e un exemplo de unidade en Galicia"

Así foi. Cumpriuse o "ou todos ou ningún" que tantas veces repetiron os folguista e que se acabou por converter nun exemplo a imitar para outras mobilizacións, e nun símbolo que mesmo chegou ao Parlamento europeo. A solidariedade entre eles quedou marcada en xestos coma os que levaron a cabo os 48 despedidos, que entregaron entre 500 e 1000 euros das súas indemnizacións para a caixa de resistencia dos folguistas. 

Este sábado os traballadores expresaban a súa alegría polo obxectivo acadado: "Hoxe é un gran día para todos os traballadores de Lantero. Nós que padecemos as inclemencias do tempo e a incerteza do noso futuro e o das nosas familias, conseguimos que o noso lema 'Ou todos ou ningún' se leve a cabo nestes tempos de abusos patronais. Xa somos unha gran familia e un exemplo de unidade en Galicia".

Manifestación de apoio aos traballadores de Lantero © Lantero Ere Vilagarcía
Unha das imaxes que simbolizou a loita dos traballadores de Lantero © Carlos Crespo
Celebración do fin de ano en Vilagarcía, en apoio dos traballadores © Lantero Ere Vilagarcía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.