A realidade laboral das mulleres galegas: entre a emigración, o paro e o infraemprego

Protesta das traballadoras de Cleanet en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

Desemprego, emigración, infraemprego. A realidade laboral dunha parte moi importante das mulleres galegas en idade de traballar repártese entre estas tres opcións. A Secretaría da Muller da CIG presentou este luns a campaña coa que, baixo o lema “Traballo digno, salario xusto”, a central sindical conmemorará este ano o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. E fíxoo acompañada do Informe muller e mercado laboral en Galiza 2014. O sindicato reivindicou a conmemoración do 8 de marzo como unha data “combativa”, que visibilice o esforzo das mulleres que “loitan contra a opresión” e animou a participar na manifestación unitaria do movemento feminista galego o vindeiro 8 de marzo, que sairá da estación do tren de Compostela ás 12 horas.

O ano 2014 rematou con 131 mil mulleres desempregadas, fronte ás 132 mil do ano anterior. Porén, a realidade é que na actualidade hai en Galicia 13.600 mozas e mulleres de entre 16 e 35 anos menos que hai un ano

Na presentación, a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, debullou unhas cifras que cualificou de "demoledoras" e que "constatan o empobrecemento e a precariedade do emprego" en Galicia "lonxe dos datos achegados por organismos oficiais, que pretenden amosar unha imaxe de recuperación e saída da crise”. A CIG contesta con este estudo á "falacia de que o ano 2014 rematou cun descenso do desemprego". “Redúcese o desemprego entre as mulleres non porque aumentase a ocupación entre estas, senón porque hai menos mulleres. Descendeu a poboación activa feminina, sobre todo entre as mulleres máis novas, as menores de 35 anos, que abandonaron o mercado de traballo porque emigran”, explicou López Gromaz. En efecto, o ano 2014 rematou con 131 mil mulleres desempregadas, fronte ás 132 mil do ano anterior. Porén, a realidade é que na actualidade hai en Galicia 13.600 mozas e mulleres de entre 16 e 35 anos menos que hai un ano. Dende 2008 o número de mulleres residentes en Galicia neste grupo de idade reduciuse en 72 mil, principalmente pola emigración a outros territorios do Estado ou ao estranxeiro. 

Das ao redor de 447 mil asalariadas galegas, 160 mil (un 35%) teñen ingresos por debaixo do salario mínimo e 235 mil (máis da metade), non chegan a mileurista

A outra saída para moitas mulleres é o infraemprego. A CIG salienta que o 75% dos traballos a xornada parcial en 2014 foron desempeñados por mulleres e que un 23,7% das asalariadas tiñan un contrato a tempo parcial. Así mesmo, unha de cada cinco mulleres ocupadas ingresou en 2013 menos de 1.861 euros brutos. En total, das ao redor de 447 mil asalariadas galegas, 160 mil (un 35%) ten ingresos por debaixo do salario mínimo e 235 mil (máis da metade), non chega a mileurista.

López Gromaz salientou a este respecto que “non entendemos que unha muller se poida considerar ocupada cando os seus ingresos non chegan a 140 € mensuais. Cremos que deberían ser consideradas desempregadas e se isto fose así estariamos a falar dun total de 224.000 mulleres desocupadas en Galicia e dunha taxa de paro do 37%”. Engadiu ademais que, de sumar estas ás 71.000 mulleres que emigraron desde 2008, “estariamos falando de 300.000 mulleres desempregadas e unha taxa de paro aínda maior”.

De igual xeito, Margarida Corral, secretaria confederal da Muller e da Mocidade na CIG, subliñou que “desde o momento en que as mulleres nos incorporamos ao mercado laboral até que o abandonamos, a desigualdade laboral está presente nas nosas vidas: desigualdade salarial e nas prestacións, maior nivel de contratación precaria e a tempo parcial, maiores dificultades en atoparmos o primeiro emprego e tamén para conseguirmos outro traballo ou dificultades para conciliarmos o emprego coa maternidade". Corral denunciou que "as políticas levadas a cabo polos distintos gobernos crearon un desemprego masivo e estrutural que aínda que non interrompeu a progresión da actividade laboral feminina, si fixo que esta teña lugar en condicións de desigualdade e precariedade”.

“Desde o momento en que as mulleres nos incorporamos ao mercado laboral até que o abandonamos, a desigualdade laboral está presente nas nosas vidas"

Corral explicou que “as competencias e capacidades das mulleres están a miúdo infravaloradas. Hai unha predisposición, baseada no xénero, á hora de avaliar o traballo que realizan homes e mulleres: gaña menos unha caixeira dun supermercado que un home que traballa no almacén do mesmo supermercado ou unha limpadora que un traballador do lixo”.  Corral lembrou tamén que "as responsabilidades familiares non son compartidas de xeito equitativo" pois “as mulleres interrompen máis frecuentemente a súa carreira profesional e teñen un maior número de contratos a tempo parcial que os homes”. Isto supón, ao seu entender, que "as carreiras profesionais sexan peor remuneradas", situándose, de media, a diferenza salarial entre mulleres e homes na UE no 16%, o que repercute nos dereitos de pensión futuras e poden provocar que máis mulleres que homes sufran pobreza tras a xubilación.

Margarida Corral e Natividade López, na presentación do estudo © CIG
Protesta das traballadoras de Cleanet en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.