O paro rexistrado baixa un chisco en Galicia tras cinco meses subindo

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Galicia conta con 257.549 parados rexistrados nas oficinas do antigo INEM. Segundo datos do Ministerio de Emprego, o número de desempregados baixou en Galicia en 1.453 persoas, rachando así lixeiramente cunha xeira de cinco meses seguidos subindo desde o verán. 

O paro rexistrado descende en 1.453 persoas en febreiro e racha cunha xeira de cinco subas consecutivas

A caída do 0,56% do paro rexistrado no pasado mes de febreiro con respecto a xaneiro é algo mellor ao comportamento no Estado, onde o descenso foi dun 0,30% e de 13.538 persoas. En termos interanuais, Galicia ten 22.522 desempregados menos apuntados ás oficinas do SEPE que hai doce meses (-8,04%), fronte aos 300.333 menos no conxunto de España (-6,24%).

En definitiva, Galicia está algo mellor que hai un ano, pero peor que hai seis meses, cando en agosto tiña 20.000 parados menos polo impulso da campaña estival e pola contratación no sector servizos. O desemprego baixou no mes de febreiro en todas as provincias, menos en Ourense, onde se incrementou en 115 persoas. Ademais, descendeu tamén en todos os sectores, agás no colectivo sen emprego anterior, no que se incrementou en 72. 

Destaca o descenso que no desemprego se deu tanto na industria (-508) como na construción (-777), baixando tamén lixeiramente no sector servizos (-179) e na agricultura (-61). Ademais, en Galicia asináronse 53.692 contratos no mes de febreiro, dos que 48.556 foron temporais, polo que a porcentaxe de indefinidos redúcese ao 9,5%

O número de afiliados á Seguridade Social descende a un ritmo menor ao do conxunto do Estado

De debullar os datos, as conclusións volven deixarnos unha economía estancada. Así, o número medio de afiliacións á Seguridade Social increméntase a un ritmo menor ao do Estado, cunha suba de 4.517 persoas no mes de febreiro (+0,49%) e un aumento interanual de 14.855 persoas (+1,65%), o que sitúa a cifra nos 917.845 cotizantes en Galicia. 

Porque, unha vez máis, a diferenza entre o dato do paro e de afiliación non é pequeno: de máis de 7.500 persoas de termos en conta as cifras interanuais, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron nas oficinas de emprego nos últimos doce meses. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, non teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego. Ese é o principal problema. 

A diferenza entre o descenso do paro e o aumento de cotizantes é de máis de 7.500 persoas no último ano debido á emigración ou á falta de expectativas

Esta escasa recuperación de afiliados á Seguridade Social, aínda que real, volve pór de manifesto unha economía estancada. Tal e como aclarou o IGE, o PIB do país pechou o pasado ano cun crecemento do 0,4%, mentres que os Orzamentos Xerais prevían un 0,8% que o Goberno chegou a revisar ata o 1,2%. Os datos amosan o estancamento económico do país durante todo o exercicio e a evolución no número de cotizantes confírmano. O paro redúcese nun ano en máis de 22.500 persoas pero o aumento de afiliados á Seguridade Social non chega aos 15.000. Unha diferenza que segue a lastrar o mercado laboral galego, moi marcado pola emigración, especialmente dos máis novos. 

Ademais, o que tampouco deixa de caer é a protección social. No conxunto do Estado, actualmente hai 2.416.786 personas cobrando una prestación, un 13,8% menos que hai un ano. A taxa de cobertura do sistema sitúase no 56,5%, cinco puntos menos que en xaneiro de 2014. Non só cae o número de presacións, senón a súa contía, que é agora de 815,4 euros ao mes, case 14 menos que no mesmo mes do pasado exercicio. 

A taxa de cobertura é do 54,3% en Galicia, onde hai máis persoas cobrando un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva

En Galicia, no mes de xaneiro de 2015 había 129.667 persoas a cobraren unha prestación por desemprego e xa hai máis persoas percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva. Daquela, a distribución das prestacións é de 56.550 de prestacións contributivas, 60.323 de subsidios por desemprego e 12.794 corresponden á renda activa de inserción.

Ademais, a cobertura do sistema de protección por desemprego durante  xaneiro foi do 54,3 %, inferior á media estatal, mentres que un ano antes era do 59,4 %. Isto significa que en Galicia hai máis 109.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego. A contía media da prestación contributiva percibida por persoa beneficiaria no mes de xaneiro de 2015 foi de 777,4 euros ao mes, fronte a media do Estado que sobe ata os 815,4 euros.

 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.