As folgas reducíronse en 2014 a un mínimo histórico

Número de horas de traballo perdidas en España por folga Dominio Público Praza Pública

2014 foi o ano con menor número de horas de traballo perdidas por folga en España dende 1972, segundo revela o Informe de Conflitividade Laboral que esta semana publicou a CEOE. En total, leváronse a cabo 958 paros laborais, moi por debaixo dos 1.259 de 2013, representando esta cifra o número máis baixo de folgas dende 2007 (cando houbo 852). Descendeu tamén a cifra total de traballadores e traballadoras folguistas, un total de 328.356, fronte aos 582.396 de 2013 e aos 3.931.646 de 2012, ano da aprobación da reforma laboral e da convocatoria da última folga xeral no Estado.

O número total de horas de traballo ocupadas por folgas foi de 9.180.580, fronte ás 15.535.694 de 2013 e ás 40.483.799 de 2012. Como curiosidade, o ano con maior cantidade de horas de folga na historia de España foi 1979, con máis 171 millóns. O ano con maior número de traballadores e traballadoras que levaron a cabo algún tipo de paro laboral foi 1988 con algo máis de oito millóns. O récord de folgas corresponde a 1987, con 3.194.

A rebaixa da conflitividade laboral en Galicia nótase especialmente no número total de horas de traballo perdidas polos paros laborais: 192.596. En 2013 foron 507.968 e, por poñer un exemplo, en 2009 foron 3.915.772

A cantidade de horas perdidas por folga, que chegara a acadar importantes picos na crise de comezos dos noventa (ao redor de 88 millóns de horas de folga en 1992), descendeu nos anos de bonanza económica entre 1995 e 2007, situándose sempre por debaixo dos 30 millóns. A presente crise incrementou a conflitividade entre 2008 e 2010, descendendo os datos en 2011 e volvendo a aumentar de forma espectacular en 2012, para caer en 2013 e chegar en 2014 a este mínimo histórico, con 9.180.580. Temos que remontarnos á ditadura franquista, e ao ano 1972, para atopar un ano cun menor número de horas de folga, que dende ese momento sempre superaron os dez millóns.

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Folgas 1.019 1.125 1.112 1.168 1.284 1.259 958
Traballadores/as 359.753 546.330 2.659.606 613.514 3.931.646 582.396 328.356
Horas 42.239.832 47.992.406 35.329.284 14.089.202 40.483.799 15.535.694 9.180.580

Número de folgas, traballadores/as implicados/as e horas totais no conxuto de España. Fonte: CEOE

En canto a Galicia, a tendencia é semellante. O informe da CEOE ofrece información sigularizada dos paros de ámbito autonómico, provincial e local. En 2014 convocáronse 57 folgas en Galicia, menos que en 2013 (71). Participaron 3.734 traballadores e traballadoras, oito veces menos que en 2013 e moi lonxe tamén dos niveis previos á crise (12.145 en 2012). A rebaixa da conflitividade laboral en Galicia nótase especialmente no número total de horas de traballo perdidas polos paros laborais: 192.596. En 2013 foron 507.968 e, por poñer un exemplo, en 2009 foron 3.915.772 e en 2008, 1.688.944.

Número de horas de traballo perdidas en España por folga Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.