A economía galega foi a que menos medrou do Estado en 2014

Dominio Público Praza Pública

A economía galega foi a que menos creceu en todo o Estado durante 2014. Así o confirma o Instituto Nacional de Estatística (INE), que vén de publicar os datos da Contabilidade Rexional de España e dos que se tira que o PIB de Galicia medrou tan só un 0,5% no pasado ano, un exiguo crecemento que é o menor de todas as comunidades autónomas, case un punto inferior ao crecemento estatal (1,4%) e tamén moi lonxe do dato estimado para o conxunto da UE de 28 Estados (1,3%). 

O PIB de Galicia medrou tan só un 0,5%, case un punto menos que o conxunto do Estado

O dato de Galicia sitúaa como a do peor comportamento do seu PIB no pasado exercicio, por baixo das cidades autónomas de Ceuta e Melilla e do Principado de Asturias nunha táboa que lidera A Rioxa, cun crecemento do 2,5%, seguida de Estremadura, as Canarias ou a Comunidade Valenciana. E os datos demostran, xa que logo, unha recuperación económica moi desigual no Estado... E mesmo a recuperación dunhas autonomías fronte ao estancamento doutras como a galega. 

Segundo o INE, os malos datos de Galicia débense ao "descenso en termos de volume do valor engadido asociado ao sector industria e enerxía e ao da construción". Pero o caso é que o Instituto Galego de Estatística (IGE) xa certificara no seu avance dos datos do PIB que a economía galega volvera saír en 2014 da recesión pero cun tímido e feble crecemento do 0,4% a respecto de 2013, un dato en avance que era unha décima inferior ao que vén de facer público o INE.

O INE atribúe os malos datos de Galicia ao "descenso en termos de volume do valor engadido asociado á industria e enerxía e á construción"

Sexa como for, a cifra supón aproximadamente a metade do previsto polo Goberno galego nas súas contas para 2014 (0,8%) e un terzo da previsión revisada e anunciada por Facenda na primavera. Tampouco se produciu o anunciado avance cara á converxencia co Estado, toda vez que o PIB español rematou o pasado ano cun medre do 1,4%, case un punto máis que Galicia, segundo o INE. Lonxe quedan tamén a inmensa maioría de comunidades autónomas e, por suposto, o comportamento medio da UE, o que rebaixa o discurso da recuperación económica en Galicia e moito máis aínda o da converxencia co Estado e con Europa. 

Os datos cofirman que a economía galega medrou a metade do previsto pola Xuna e un terzo da previsión de Facenda en primavera

Estas cifras veñen indicar que, por cuarto ano consecutivo, os datos reais emendan á baixa as previsións presentadas pola Xunta nos Orzamentos Xerais de cada ano. Así, os datos provisionais do IGE correspondentes a 2011 e 2012 indican que neses anos a economía do país caeu un 0,5% e un 2%, respectivamente, mentres que o Executivo baseara as súas contas en previsións de crecemento do 1% e do 1,1%. En 2013 o Goberno augurou unha caída do 0,9% e a recesión foi, finalmente, dunha décima máis. En 2010 tamén houbo erro, se ben daquela a Xunta prevía un crecemento do 0,2% e o dato definitivo ficou no 0,5%. En 2009, aínda co bipartito, a Xunta prevía un medre de máis dun punto e o PIB caeu un 3,5%.

A renda per cápita en Galicia é un 12,4% inferior á media estatal e sitúase entre os dez últimos postos

En canto ao PIB por habitante, Galicia sitúase entre os dez últimos postos na comparativa co resto de autonomías, con case 20.000 euros por cidadán (19.954), tamén afastada da media estatal, que se sitúa nos 22.780 euros. A cifra galega é un 12,4% menor ao PIB per cápita estatal e tan só as Canarias, Ceuta, Murcia, Castela-A Mancha, Melilla, Andalucía e Estremadura contan cun dato peor. 

A todos estes malos datos económicos úneselle tamén o coñecido hai agora un mes, cando o Banco de España fixo públicos os datos da débeda autonómica no último trimestre de 2014, que constataron que o endebedamento da Xunta volvía pechar un novo exercicio por riba do anterior. Nesta ocasión o montante total da débeda da Administración autonómica galega situouse de novo preto do simbólico limiar dos 10.000 millóns de euros. Son, concretamente, 9.961, o que supón un 8,1% máis a respecto do remate de 2013.

Traballadores da construción, nunha obra en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.