O paro segue a baixar máis do que aumenta o emprego en Galicia

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

O actual Goberno galego presumiu sempre do diferencial positivo do país respecto do Estado en canto aos datos de emprego e chegou a presaxiar, en boca de Núñez Feijóo ou da ex conselleira Elena Muñoz, que sería "das primeiras comunidades autónomas en saír da crise". As cifras de desemprego do pasado mes de marzo amosan unha leve mellora, pero seguen a mostrar os síntomas dunha economía estancada, na que as contratacións polas vacacións de Semana Santa reducen un chisco o paro rexistrado, pero onde o ritmo de afiliacións á Seguridade Social nin tan sequera está ao nivel da escasa recuperación no conxunto de España. 

O paro rexistrado baixa en 5.412 persoas respecto ao mes de febreiro

Así, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego quedou en Galicia en 252.137 no mes de marzo, cun descenso de 5.412 desempregados respecto a febreiro, cunha baixada do -2,1%, superior á do Estado (-1,3%), onde o desemprego se reduciu en máis de 60.000 persoas. 

Segundo estes datos, en Galicia hai 24.326 parados rexistrados menos que hai un ano (-8,8%), un descenso máis dun punto superior ao do Estado (-7,17%). Non obstante, segue haber diferenza entre o dato de paro e de afiliación á Seguridade Social. A media de cotizantes no mes de marzo situouse en máis de 923.000, cun aumento de 5.216 persoas (+0,57%), case 200 menos que a cifra de descenso do número de desempregados. No Estado, a tendencia é contraria, con 160.000 afiliados máis e 60.000 parados menos. Polo tanto, en Galicia o paro baixa máis do que aumenta o emprego, ao contrario que a a nivel estatal. 

En Galicia hai 24.316 parados rexistrados menos que hai un ano, pero tan só 17.011 afiliados máis á Seguridade Social

Esta diferenza no país, menor que noutros meses, é moito máis marcada de ter en conta a diferenza interanual. En Galicia hai 24.316 parados menos apuntadas ás oficinas de emprego que hai un ano, pero tan só 17.011 afiliadas máis á Seguridade Social, unha diferenza de 7.315 persoas, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron no antigo INEM nos últimos doce meses. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, non teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego. Unha diferenza que segue a lastrar o mercado laboral galego, moi marcado pola emigración, especialmente dos máis novos.

Esta escasa recuperación de afiliados á Seguridade Social, aínda que real -o aumento interanual do 1,9% é inferior ao estatal do 3,3%-, volve pór de manifesto unha economía estancada ou, cando menos, cunha recuperación menor da prevista. Tal e como aclararon IGE e INE, o PIB do país pechou o pasado ano cun crecemento do 0,5%, mentres que os Orzamentos Xerais prevían un 0,8% que o Goberno chegou a revisar ata o 1,2%. Os datos amosan o estancamento económico do país durante todo o exercicio e a evolución no número de cotizantes confírmano. 

Menos de un de cada dez contratos en Galicia son indefinidos e a redución do paro céntrase no sector servizos

A lixeira mellora dos datos do paro en Galicia débese, fundamentalmente, ás contratacións pola Semana Santa. Así, a redución do desemprego no país concéntrase no sector servizos, con 3.030 parados rexistrados menos (o 56% do total), seguida da construción, con 1.241 menos. Ademais, a contratación é moi maioritariamente temporal, tanto que menos dun de cada dez contratos asinados en marzo foi indefinido. 

Do total de case 64.000 contratos, case 58.000 (o 90,8%) foron temporais polos menos de 6.000 indefinidos, mentres que no mes anterior a porcentaxe de indefinidos fora lixeiramente superior, chegando ao 9,6% fronte ao 9,2% de marzo. 

Por outra banda, o paro en Galicia baixa máis nos homes ca nas mulleres (3.919 parados menos fronte a 1.493 paradas menos). Atendendo a idade, o paro sobe nas persoas menores de 25 anos: hai 61 persoas paradas máis na poboación menor de 25 anos fronte a 5.473 persoas paradas menos maiores desa idade.

A taxa de cobertura en Galicia baixa de novo e sitúase no 53,7%

Pero a precariedade non afecta só aos empregados, senón que é moito peor entre os que non atopan traballo. A taxa de cobertura do desemprego descendeu no mes de febreiro -o último dato dispoñible- ata o 53,7%. É o peor dato histórico en Galicia, e dos parados que a perciben, menos da metade reciben a contributiva.

A Xunta, como era esperable, destacou os datos positivos, o feito de que Galicia fose a terceira comunidade en termos relativos na que máis baixou o paro en marzo e a confianza en que a boa xeira "continuará nos vindeiros meses", tal e como destacou a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que pediu centrar a ollada nas afiliacións á Seguridade Social. Desde o Goberno destácase que os niveis de paro están ao nivel de hai tres anos. 

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.