A destrución de emprego en Galicia duplica a do Estado

Dominio Público Praza Pública

Os datos da EPA volve confirmar o panorama desolador e de estancamento da economía e do mercado laboral galego. Aquel suposto -e xa lonxano- diferencial positivo que o país tiña co conxunto do Estado esfarélase a cada estatística. Así, as últimas cifras do INE respecto do primeiro trimestre do ano reflicten que Galicia segue parada.

O incremento do paro é o terceiro maior no conxunto do Estado, só superado por Balears e Comunitat Valenciana

O desemprego aumentou en 11.900 persoas para quedar nun total de 275.500 parados, o que supón un incremento do 4,5% respecto a tres meses antes, o terceiro maior aumento no Estado só superado por Balears e a Comunitat Valenciana. Aumenta en Galicia o número de parados, que non obstante descenden no conxunto de España en 13.100 persoas, un 0,24% menos que sitúa a cifra total nos 5.444.600. 

Xa que logo, a taxa de paro en Galicia sitúase agora no 21,8%, nove décimas máis que no trimestre anterior e -1,4 respecto a hai doce meses. Por sexos, a taxa de paro feminina é maior -do 22,2%- fronte á masculina, que queda nun 21,5%. En definitiva, a taxa de desemprego do conxunto do Estado tan só é dous puntos superior á do país (23,8%) logo dun lixeiro aumento.

Peor é aínda a destrución de emprego. O número de ocupados descendeu no país en 12.900 persoas, polo que Galicia sitúase de novo por baixo da barreira do millón de empregados tras un descenso do 1,29% que duplica ao rexistrado no Estado, onde caeu un 0,65% e en 114.300 persoas. A fin da campaña do Nadal expulsou milleiros de galegos do sector servizos (13.400, en concreto) e tan só a construción creou traballo entre xaneiro e marzo, con 3.100 ocupados máis. Tamén caeu a cifra na industria (2.400) e no sector primario (200). 

Galicia volve baixar do millón de ocupados tras un descenso de 12.900 e do 1,29%, un ritmo que duplica o do Estado

O único dato positivo que se pode rescatar é o interanual, xa que Galicia conta con 4.700 ocupados máis que  hai un ano e con 21.200 parados menos. Aínda así, o país sitúase á cola en canto á variación da taxa anual.

Nada positivo se pode dicir tampouco da actividade. No primeiro trimestre de 2015 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.361.600 persoas, das cales 1.263.200 son activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,5%. O número de activos diminúe en 1.100 persoas con respecto ao trimestre anterior, mentres que a taxa de actividade mantense no mesmo valor. Non obstante, de comparar os datos cos de hai un ano, o número de activos diminúe en 16.600 persoas e a taxa de actividade faino en catro décimas (-0,4).

Por sexo, a situación da muller é aínda moito peor. Mentres que a taxa de actividade masculina sobe dúas décimas con respecto ao cuarto trimestre de 2014 e sitúase no 58,8%, a feminina diminúe unha décima e acada o 48,6%. Unha situación semellante ocorre tamén en canto á ocupación. 

Neste último trimestre caeu tanto a ocupación masculina como femiina, pero o número de ocupados varóns diminuíu en 3.400 persoase a ocupación das mulleres en 9.500. Así, produciuse unha baixada da taxa de ocupación masculina de dúas decimas e de sete décimas na feminina Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2014, o número de homes ocupados aumenta en 10.400 persoas (un 2%), mentres que o de mulleres ocupadas cae un 1,2%.

 

Baixa a ocupación da mocidade

Por outra banda, dos case 340.000 mozos que hai en Galicia (de entre 16 e 29 anos), tan só o 32,8,% están ocupados, fronte ao case 20% de paro e o 47,8% que son aínda inactivos. A taxa de ocupación entre a mocidade sitúase no 32,8% no primeiro trimestre de 2015, cinco décimas menos que o trimestre anterior e que hai un ano, outro síntoma máis de estancamento. Así, a taxa de paro xuvenil subiu durante o trimestre nove décimas ata situarse no 37,2%, tres puntos menos que doce meses antes.

Ademais, a taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 59,6%, 4 décimas por debaixo da rexistrada hai tres meses e 9 puntos superior á rexistrada hai un ano.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.