Máis da metade das persoas que buscan traballo non teñen ingreso ningún

Evolución da % de desempregados/as que en Galicia reciben algunha prestación Dominio Público Praza Pública

As cifras totais de desempregados levan meses descendendo en Galicia e no conxunto de España. Porén, continúan en niveis moi elevados. Atendendo unicamente aos datos de persoas inscritas nas oficinas de emprego (distintos e inferiores ás que ofrece a EPA, por exemplo), en Galicia hai aínda 229.062 persoas que buscan activamente un traballo e non o atopan, 29 mil máis das que había en xuño de 2009 e 77 mil máis das rexistradas nese mes de 2008, nos momentos previos á crise.

A crise foi baleirando as reservas económicas de moitas persoas, sobre todo das que quedaron sen emprego, e a medida que esa situación se prolonga, os seus efectos son máis grandes. Dende o inicio da crise a porcentaxe de desempregados que perciben algunha prestación non deixou de diminuír. Se en 2009 aínda era do 68%, en 2012 caera ata o 58%. A finais do pasado ano situábase lixeiramente por riba do 51% e este mes de maio, segundo se vén de coñecer este xoves, a taxa caeu por primeira vez por debaixo do cincuenta por cento, ata o 48,03% exactamente. Isto quere dicir que entre as persoas inscritas como demandantes de emprego en Galicia son máis as que non reciben ningún tipo de ingreso (123.147) que as que si o fan (113.834). Se tomamos estes datos en relación á cifra total de desempregados que ofrece a Enquisa de Poboación Activa (275 mil en marzo), a porcentaxe apenas supera o 40%.

Ademais, entre eses 113.834 que aínda reciben algún tipo de ingreso son cada vez menos os que perciben unha prestación contributiva, na actualidade só 44 mil, moi por debaixo dos 80 mil de hai apenas dous anos. O resto foi esgotando en moitos casos ou seus dous anos de prestación de desemprego e se ten que conformar,no mellor dos casos, con algunha das modalidades de prestación non contributiva, de contía moi inferior. 54.622 reciben o subsidio de desemprego (uns 426 euros, o 80% do IPREM); 13.040 perciben unha Renda Activa de Inserción (426 euros); e outros 2.141 están nalgún Programa de Activación do Emprego. O resto, non ten ingreso ningún 

  Beneficiarios totais Prestación contributiva Parados inscritos % que recibe algún ingreso
Maio15 113.834 44.031 236.981 48,03%
Dec14 128.998 57.137 251.918 51,02%
Maio14 135.597 60.909 263.444 51,47%
Dec13 149.687 73.795 271.063 55,22%
Maio13 158.692 80.106 283.886 55,9%
Dec12 161.782 85.921 278.787 58,03%
Maio12 159.867 82.827 276.608 57,8%
Dec11 156.880 84.097 258.234 60,75%
Maio11 143.051 73.225 240.014 59,6%
Dec10 153.315 78.875 237.313 64,6%
Maio10 151.165 75.406 228.507 66,15%
Dec09 151.828 83.400 222.839 68,13%

 

Os sindicatos fixeron fincapé este xoves no aumento das persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura. O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, salientou que "cada vez son máis os parados/as que non teñen ningún ingreso”. Dende UGT destacouse que "hai 123.147 desempregados sen ningún tipo de cobertura, co forte risco que supón isto de caer en situacións de exclusión social e pobreza". Para UGT, estes datos "avalan a necesidade de poñer en marcha" a prestación de ingresos mínimos que o sindicato está a impulsar xunto con CCOO a través dunha ILP.

Neste senso, Maica Bouza (secretaria de Emprego de CCOO) sinalou que cómpren "políticas que poñan as persoas no centro de atención e incrementen a protección social" para eliminar as situacións de pobreza e exclusión que se están a producir". E tamén apelou á proposta de CCOO e UGT de implantar unha prestación de ingresos mínimos que ten como finalidade protexer a moitas persoas que hoxe están excluídas da cobertura por desemprego. Trátase dunha prestación equivalente ao 80 % do IPREM (426 euros mensuais), destinada ás persoas que levan máis dun ano en desemprego, que carecen de rendas e que non reúnen os requisitos para acceder a prestacións contributivas ou asistenciais de ningún tipo.

Evolución da % de desempregados/as que en Galicia reciben algunha prestación Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.