NGB endurece as medidas traumáticas de emprego cun ERE "non negociable"

Feijóo e Castellano © Xunta

"Cada día isto é peor". Con esta sensación saíron hoxe os sindicatos con representación en Novagalicia Banco despois de que a empresa lles trasladase as novas propostas en materia laboral. A pasada semana NGB formulou un novo plan de viabilidade que ía supoñer o peche de 110 sucursais e o despedimento de entre 600 e 700 traballadores. O argumento do que botaron man os directivos foi que o anterior paquete de medidas de axuste, formulado hai escasos meses, "non é válido". Agora o que xa non serve é ese mesmo plan. Isto é, a nova proposta caducou en menos dunha semana.

Segundo fontes directas da negociación consultadas por Praza Pública, Novagalicia Banco pretende adelgazar o seu cadro de traballadores en ata 775 persoas. Ademais, elevou de 110 a 150 o número de oficinas que é preciso pechar. Segundo os datos da entidade, hai 160 sucursais cunha ratio de explotación negativa. Para levar a cabo esta nova medida de recorte a entidade propón dúas vías, tal e como apuntou a este diario Clodomiro Montero, de CIG Banca.

A primeira, un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) "voluntario" para a totalidade dos traballadores dos que se quere prescindir. Estes despidos serían remunerados con 45 días por ano traballado, indemnización tipo para os despedimentos improcedentes (ata a nova reforma laboral). Iso si, os empregados teñen ata o 31 de marzo para acollerse a este plan. Os que non o acepten, tal e como apuntaron os directivos na reunión deste mediodía en Santiago, terán que aceptar un "ERE forzoso".

Este expediente rebaixará de 45 a 33 os días de indemnización por ano traballado. Na opinión de Montero, "o banco está intentanto forzar aos traballadores a que acepten o primeiro" expediente regulador, "poñéndolle unha data límite moi próxima".

Menos salario

Pero as medidas non rematan aí. Novagalicia Banco acometerá un recorte nas nóminas dos traballadores cunha nómina superior aos 25.000 euros ao ano. Os salarios reduciránse entre un 4 e un 20% en base ao nivel de ingresos, aínda que desde a empresa non especificaron os tramos concretos.

Asemade, os homes e mulleres que traballen na entidade desde antes de 1980 (e teñen un plan de pensións subscrito desde ese período), verán como se equipara o seu plan persoal ao que teñen os empregados de menos antigüidade. "Isto supón un recorte enorme". Tamén se eliminarán os salarios extraordinarios, segundo explicou Montero a Praza.

Banco Santander

A intención de Novagalicia Banco "non é negociar", xa que a entidade asegura que "estas medidas son as únicas que garantizan a viabilidade de NGB como proxecto autónomo". Fontes da negociación aseguran que un dos directivos presentes no encontro aseverou que a alternativa sería "que chegue Botín e bote a 4.000".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.