O Estado descarta medidas urxentes e concretas para o sector lácteo

Cabeceira da manifestación do sector leiteiro CC-BY-SA Praza Pública

No medio dunha das peores crises do sector lácteo, o Goberno central segue sen se comprometer a unha solución nin a medidas de choque concretas. Nin a "presión" de Feijóo a Madrid, na que confían os gandeiros, parece que sexa efectiva. Haberá que agardar, pero a xuntanza na que se reuniron produtores, distribución e industria en Compostela non rematou con grandes novidades. Máis de tres horas durou un cónclave ao que asistiron tamén o presidente da Xunta, os conselleiros de Economía e Medio Rural e mailo secretario xeral do Ministerio de Agricultura. 

O Goberno central descarta aplicar as medidas urxentes propostas polos gandeiros: fixar un prezo mínimo e intervir 40.000 toneladas de leite

Foi este último, Carlos Cabanas, quen descartou que se puidesen aplicar, cando menos a curto prazo, as medidas que puxeron sobre a mesa os gandeiros galegos, desesperados por unha crise que pon en perigo o futuro dun terzo das explotacións e que obriga a moitos deles a vender por debaixo de prezo de custos. Propoñen unha solución semellante á aplicada en Francia e que implicaría a suba do prezo do leite en catro céntimos por parte da distribución no lineal de venda e que acabaría por favorecer tamén á industria e aos produtores. Suporía fixar un prezo mínimo de recollida, pero o Estado advirte que estudará a súa "legalidade" e Competencia considera que vulneraría as normas. 

Outra das medidas sería intervir 40 millóns de litros de leite para que sexan retiradas do mercado español e se destinen a axua humanitaria, unha idea que tampouco agrada ao Ministerio, que asegura que isto podería provocar que o produto chegase de Francia ou Portugal, ademais de dubidar tamén da súa legalidade. Os gandeiros confían en que a "presión" de Feijóo dea resultados e Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, asegurou ao finalizar a xuntanza queu o presidente vía na aplicación dun prezo mínimo unha medida "lóxica" e que no país galo se levou a cabo malia ser un país excedentario. 

UUAA confía en que a "presión" de Feijóo faga reaccionar ao Estado e o SLG recrimínalle que "non achegue solucións urxentes"

"Espero que impere o sentido común e que a presión do presidente se traduza nalgunha media concreta", advertiu García, que ve como a actitude do Ministerio non segue o ronsel das reivindicacións dos produtores. Nin moito menos. O secretario xeral de Agricultura dubida de que calquera destas propostas sexa legal e descártaas polo momento e chegou a asegurar que o problema dos baixos prezos "vai solucionándose aos poucos". Ademais, comprometeuse a "todos os mecanismos de administración" para garantir que se recolla produto a "un prezo sustentable". 

Roberto García agradece a implicación de Feijóo, algo que os sindicatos levaban tempo reclamando, e agradeceu as medidas adiantadas pola Xunta para que as explotacións poidan facer fronte ás súas obrigas financeiras, algo que evitará embargos pero que "non resolve o problema do prezo". "Un 30% dos gandeiros galegos contan con contratos lixo que non cobren nin os custos de alimentación do gando", insistiu quen reclamou máis compromisos, especialmente da industria e da distribución, para que "non apliquen condicións abusivas" aos produtores. 

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, pola contra, acusou a Feijóo de "limitarse a expoñer o paquete de medidas xa anunciado polo Ministerio de Agricultura, coa única novidade dunha nova liña de axudas de Industria para apoiar a innovación na transformación industrial de produtos lácteos e a concentración de proxectos empresariais", ademais de "non achegar medidas urxentes tras incumprir todo o prometido en 2012". 

"O presidente da Xunta non pode quedar de brazos cruzados no curto prazo cando el mesmo admite que unhas 3.000 granxas na Galiza están en situación límite"

"O presidente da Xunta non pode quedar de brazos cruzados no curto prazo cando el mesmo admite que unhas 3.000 granxas na Galiza están en situación límite", censura o SLG, que se "reafirma" nunha política leiteira "europea baseada no control público da produción, distribuída equitativamente polos diversos territorios comunitarios e con prezos mínimos que permitan ás persoas que traballan neste sector vivir dignamente do seu traballo".

Por esta falta de compromiso e pola falta de avances, os gandeiros xa anunciaron que continuarán coas mobilizacións e tractoradas por toda Galicia, á espera dunha nova xuntanza en Madrid de todos os actores o vindeiro día 18 no que se analizarán as propostas de cada parte. Ao tempo, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, destacou o investimento de preto de 650 millóns no sector co horizonte 2020 e anunciou que Facenda "estuda" a posibilidade de implantar medidas fiscais que "contribúan a que se desenvolvan máis proxectos industriais no mundo rural". Fartos de promesas incumpridas, os gandeiros seguirán mobilizándose. 

Explotación láctea galega © UUAA
Cabeceira da manifestación do sector leiteiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.