A axuda da Xunta para a luz chegará ao 6% de familias con problemas para pagala

Unha factura da electricidade CC-BY-NC-SA eldiario.es

Tras varios meses rexeitando os plans contra a pobreza enerxética propostos dende a oposición e mesmo evitando os consellos da UE na materia, como a instauración das denominadas "treguas invernais" que evitan cortes de luz no inverno a familias sen recursos a Xunta elixiu o derreiro día da campaña electoral das europeas para anunciar unha vez máis o seu "tícket enerxético". Será unha achega destinada a familias con menores ao cargo nas que entren menos de 532,51 euros ao mes e que, atendendo ás cifras dadas polo propio Goberno, chegará a pouco máis do 6% dos fogares con problemas para facerlle fronte ao recibo da luz.

Os cálculos presentados polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo tras o Consello da Xunta deste venres -o Consello abordou o tema nun informe, peor non aprobou nada ao respecto- indican que "se poderían beneficiar desta axuda preto de 14.000 familias". Pero, cantas son as que teñen dificultades para pagar a factura eléctrica? Acudindo á base de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) é posible coñecer, por exemplo, que no ano 2012 -último dato dispoñible- un total de 219.595 fogares do país non podían "permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada" por falta de cartos. Así as cousas, o 93,62% destes fogares quedarían potencialmente fóra do "tícket" presentado por Feijóo.

A axuda da Xunta prevé 90 euros ao ano e o gasto medio mensual en luz dos fogares con menos recursos é de case 45 euros

A segunda pregunta que xorde neste contexto é o impacto que terá a axuda na economía das familias que poidan acceder a ela. Segundo as palabras do presidente "sumando o desconto entre a bonificación social do Goberno central e esta bonificación autonómica estamos a falar dun desconto aproximado do 40% da factura eléctrica mensual nos fogares galegos con menos recursos". Pero, de cantos se trata? O bono da Xunta "achegará 90 euros ao ano ás familias" e, no caso de seren numerosas, a cantidade será de 120 euros. En ambos, "o cobramento será semestral". Neste punto, cabe preguntarse tamén canto gastan estas familias no recibo da luz.

Acudindo de novo ao IGE coñécese, con datos actualizados en 2011 -polo tanto, antes das subas de tarifas máis recentes-, que os fogares galegos con ingresos de ata 1.000 euros mensuais tiñan un gasto en electricidade de 44,67 euros ao mes. Así as cousas, o "tícket enerxético" da Xunta apenas cubriría o gasto eléctrico desta familias durante dous dos doce meses do ano, isto sen ter en conta que o valor ofrecido polo IGE é a media anual, sen ter en conta que nos meses de inverno o gasto, obviamente, tende a subir por mor do frío.

Unha factura da electricidade CC-BY-NC-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.