A industria galega aumentou un 61% a súa facturación dende 2016

Unha empresa nun polígono industrial galego ©

Os 58.812 millóns que a industria galega facturou en 2022 supoñen un récord absoluto. Unha das claves hai que buscala no incremento dos prezos do gas e da electricidade, que fixo que os ingresos das compañías enerxéticas se multiplicasen. Con todo, o incremento da cifra de negocio responde a unha tendencia iniciada na década pasada e que non se limita ao sector enerxético

O sector industrial galego disparou a súa cifra de negocio no ano 2022. Os 58.812 millóns que facturou no conxunto dese ano, segundo a estatística publicada hai uns días polo INE, supoñen un récord absoluto, cun aumento do 26% en relación ao ano 2021 e dun 61% dende o ano 2016. Unha das claves do dato xeral hai que buscala no incremento dos prezos do gas e da electricidade, que fixo que os ingresos das compañías que subministran enerxía se multiplicasen, cun aumento do 60% dende o 2021. Non hai que esquecer que Galicia é un territorio cun potente sector de enerxías renovables.

Con todo, o incremento da cifra de negocio do sector industrial galego responde a unha tendencia iniciada na década pasada e que non se limita ao sector enerxético. Entre 2016 e 2018 a facturación do sector incrementouse un 19% e aínda que a pandemia levou a unha redución, nos anos 2021 (+18%) e 2022 (+26%) regresaron as subas.

O número de persoas ocupadas pasou de estar por debaixo das 130 mil nos anos 2014 e 2015 a superar as 144 mil no ano 2022

Outros indicadores amosan tamén o crecemento que está a experimentar un sector industrial galego con grandes fortalezas como a súa diversificación e internacionalización. En primeiro lugar o do número de persoas ocupadas, que pasou de estar por debaixo das 130 mil nos anos 2014 e 2015 a superar as 144 mil no ano 2022.

Tamén o do número de locais, cun aumento do 12% dende o ano 2016. E a da cifra do investimento en activos materiais: pouco máis de mil millóns en 2016 e 1.737 millóns seis anos despois.

O sector da produción industrial de alimentos tivo unha facturación de máis de 11 mil millóns de euros en 2022, un aumento anual do 17,5% e un crecemento acumulado do 52,5% dende o 2016

A análise por sectores achegar claves interesantes sobre os ámbitos máis destacados do sector industrial galego e a súa evolución recente. Por un lado, está o devandito crecemento da facturación das empresas de electricidade e gas, un 60% en 2022 e un 90% dende o 2016.

Porén, o sector industrial galego é diverso, con moitos subsectores destacados e case todos eles en crecemento. Destaca o sector da produción industrial de alimentos, cunha facturación de máis de 11 mil millóns de euros en 2022, un aumento anual do 17,5% e un crecemento acumulado do 52,5% dende o 2016.

A súa facturación en 2022 foi moi semellante á do sector da automoción, moi concentrado no sur de Galicia, especialmente na área metropolitana de Vigo. Este sector, unha das claves do desenvolvemento industrial galego, creceu un 24% hai dous anos a acumulou un aumento do 67% dende 2016.

O sector da automoción acumula un crecemento do 67% dende 2016

Detrás destes tres sectores, a bastante distancia aparecen outros como a metalurxia, a fabricación de produtos metálicos e a industria da madeira, todos eles por riba dos dous mil millóns de euros de facturación.

Por riba dos mil millóns de euros aparecen a confección de prendas de vestir, a fabricación doutros produtos minerais, a industria química e a reparación de maquinaria.

Destaca o aumento rexistrado dende 2016 pola fabricación de produtos farmacéuticos (+150%), a fabricación de maquinaria e equipos (+99%), a industria química (+90%), a indsutria da madeira (+77%) ou a fabricación de mobles (+60%)

No ano 2022 tan só dous subsectores viron reducir a súa facturación: a industria naval e a metalurxia. E dende o 2016 tan só a metalurxia rexistra un saldo negativo.

Pola contra, a dinámica xeral amosa un incremento na cifra de negocio nos últimos anos. Destaca o aumento rexistrado pola fabricación de produtos farmacéuticos (+150%), a fabricación de maquinaria e equipos (+99%), a industria química (+90%), a indsutria da madeira (+77%) ou a fabricación de mobles (+60%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.