A única solución para Grecia: reducir a carga da débeda e darlle máis tempo para pagala

Cartel pendurado da Acrópole CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os políticos europeos entraron en pánico coa irrupción de Syriza na política grega e ante a posibilidade de que gañase as eleccións. As súas propostas vendéronse como unha catástrofe económica, pero o certo é que, sexa quen sexa o novo primeiro ministro grego, a teoría económica deixa moi pouca marxe de solución ao problema do país.

Os analistas coinciden: é imposible que o país pague a súa débeda. "Sen crecemento nin inflación non hai ningunha posibilidade efectiva que non pase pola reestruturación", resume Miguel Arregui, experto en débeda pública de Analistas Financeros Internacionales.

Os analistas coinciden: é imposible que Grecia pague a súa débeda

En 2010, descubriuse que Atenas manipulara, coa inestimable axuda de Goldman Sachs, as cifras da economía para entrar no euro. Desde entón, todas as políticas deseñadas por Europa e o FMI para tratar de endereitar a situación, dous rescates e 250.000 millóns de euros despois, tiveron dobres intencións. Cunha, a moral, pretendía dar un escarmento aos derrochadores gregos. Coa segunda, moito máis importante, evitábase sentar precedentes ante outros países como Irlanda, Portugal, España e Italia. E había unha terceira máis oculta: salvar os bancos europeos (alemáns sobre todo) que eran en 2010 os principais propietarios da débeda pública de todos eses países.

Pero como pasou nos EUA con Lehman Brothers, aquí tamén parece que a solución  moral háselles ir das mans. Os dous rescates levaron a economía grega a esborrallarse un 25%, coma se sufrise unha guerra. A débeda pública pasou do 125% do PIB ao 176% (315.000 millóns) a finais de 2013. Os axustes solicitados polos rescatadores, a troika europea e o FMI, deixaron un desolador panorama social. Os soldos públicos caeron un 20%, igual que as pensións. A taxa de paro disparouse até rozar o 26%. E, entre outras terribles estatísticas, Grecia lidera o ránking de países occidentais en taxa de pobreza infantil.

Tras dous rescates, a débeda pública aumentou e os axustes da troika fixeron caer os soldos públicos e as pensións un 20%

"É un problema de axuste entre o longo prazo e o curto. Non se poden esperar resultados a curto prazo cando se trata de solucionar un problema de débeda pública. Nin sequera cunhas condicións tan duras. De feito, se se relaxaron un pouco, talvez agora non estariamos a falar de Syriza", asegura Arregui. É a trampa da débeda.

 

Os bancos saen gañando

Os únicos que saíron gañando durante estes anos de axustes e rescates en Grecia foron os bancos. Este tempo serviulles para traspasar os seus bonos gregos aos bancos centrais de cada país. Agora, o 80% da débeda pública helena está nas arcas dos supervisores bancarios de Alemaña, Francia, España... e tamén no Banco Central Europeo (BCE).

Os únicos que saíron gañando durante estes anos de axustes e rescates en Grecia foron os bancos

No caso de que Grecia deixase de pagar a súa débeda, o resto de contribuíntes europeos asumiría as perdas. A chanceler alemá, Angela Merkel, négase, e por iso lanzou esa ofensiva contra Syriza, que propón que a solución pasa por renegociar a débeda.

A economía grega apenas supón o 2% do PIB da Unión Europea, así que en caso de aplicar a súa proposta, o problema sería mínimo. Pero Alemaña ten medo de que se Grecia reestrutura, sente un precedente para o resto de países con problemas. Por iso ergueu a bandeira do medo: o que non pague que marche do euro.

"O dereito de Grecia a tomar o camiño de reestruturar a débeda é absoluto; sería a mellor forma de tomar as rendas do seu destino"

A proposta canto menos é ilegal. "Non hai ningún texto legal en Europa que contemple esta posibilidade. Se os gregos decidisen esa opción, habería que inventar como facer o proceso", explica Miguel Ángel Bernal. Iso si, "o dereito de Grecia a tomar ese camiño é absoluto. Sería a mellor forma de tomar as rendas do seu destino", asegura o economista Arcadi Oliveres.

 

Unha saída traumática

En calquera caso, todos deberían medir o risco. En Europa hai certo sentimento de fortaleza. Talvez en Frankfurt crean que apostar por unha saída, de novo 'exemplar', de Grecia do euro, non causaría os estragos que provocaría en 2010 ou 2012. O xute millonario do BCE do xoves fortalece esta teoría. Pero tamén o de Lehman crían telo controlado. "Unha saída do euro sería traumática para todos, gregos e europeos. Cunha diferenza, e é que os gregos xa teñen a metade do dano aplicado", advirte Arregui.

A proposta de Syriza está en liña das que propoñen os economistas: "sería dabondo cun alongamento indefinido da débeda"

Todo apunta a que esa situación extrema non chegará. Nin sequera parece, a pesar dos medos sementados, que esta sexa a folla de ruta de Syriza. Pola contra, a proposta do partido liderado por Alexis Tsipras está moito máis en liña das solucións que expoñen os economistas, aínda que difiran na execución das mesmas. "Non creo que Syriza vaia saír do euro. O que expón é que se melloren as condicións para os gregos. Iso é lóxico e factible. Sería dabondo cun alongamento indefinido da débeda", explica Pedro Aznar, profesor de Economía de Esade.

Segundo outros economistas, esta opción tamén podería beneficiar aos acredores (os bancos centrais dos países do euro), xa que "Grecia seguiría pagando intereses, de forma máis relaxada e ao anotar a débeda como indefinida non computaría como perda nos seus balances", explican fontes financeiras.

Aumentar o tempo de pago da débeda

A proposta do think tank Instituto Bruegel é similar: reducir a carga da débeda e aumentar o tempo de pago. Para estes economistas belgas, os recortes que quedan pendentes na economía grega son puntuais. De feito, Grecia pechou o 2014 cun crecemento positivo por primeira vez desde que comezou a crise. Ademais, ten un superávit primario do 2,7% do PIB. Isto significa que, se non tivese que pagar intereses da débeda, o Goberno ingresaría máis do que gasta. Os seus bancos superaron o test de tensión que fixo o BCE en outubro.

Grecia ten pendente activar a actividade industrial e produtiva, que é moito maís importante

Aínda así, o país aínda ten pendente o reto de activar a actividade industrial e produtiva, e o que é moito máis importante, acabar coas súas corrompidas bases políticas e económicas. Desterrar a corrupción, a falta de meritocracia nos cargos públicos, lobbies laborais... Segundo Bruegel, faise mellor coa presión externa da Troika e o FMI. De ser así, a proposta de Syriza de renegociar pensando no beneficio do pobo non é tan utópica. Máis aló diso, Grecia ten pendente diversificar o seu tecido produtivo para poder impulsar as súas estancadas exportacións.

É aquí onde realmente se centra o futuro do país a partir deste luns. As preguntas a resolver polo novo goberno e a Troika serán, basicamente, tres: que novos axustes terá que asumir o país, como se vai a aliviar a presión sobre o pago da súa débeda e cal será a contía definitiva do terceiro rescate.

Alexis Tsipras, líder de Syriza © eparousia.gr

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.