Dez anos despois do inicio da crise a pobreza afecta ao 22% da poboación galega

Mobilización contra a pobreza enerxética © ODS Coia

Este mércores 17 celébrase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Na véspera, este martes, presentouse no Senado o VIII Informe sobre O Estado da Pobreza, elaborado pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN), no que se amosan os cambios rexistrados no número de persoas en risco de pobreza e/ou exclusión social mediante o estudo da evolución do indicador AROPE (At-Risk-Of Poverty and Exclusion) e das súas compoñentes, entre os anos 2008 e 2017.

Galicia presenta unha proporción de persoas pobres inferior á media española (22,6%), pero que en todo caso é a máis elevada da metade norte do país, por riba de Asturias, Cantabria, Castela-León, Euskadi, Navarra, A Rioxa, Aragón, Madrid e Cataluña

O informe conclúe que no ano 2017 o 26,6% da poboación residente en España está en Risco de Pobreza e/ou Exclusión Social. Galicia presenta unha proporción lixeiramente inferior (22,6%), pero que en todo caso é a máis elevada da metade norte do país, por riba de Asturias, Cantabria, Castela-León, Euskadi, Navarra, A Rioxa, Aragón, Madrid e Cataluña. O documento destaca, así mesmo, que determinados colectivos presentan unha situación de pobreza máis grave; por exemplo, as persoas en desemprego, os mozos e mozas entre 16 e 29 anos, as persoas estranxeiras provenientes do exterior da UE, as persoas habitantes de zonas rurais, as persoas que viven en fogares con menores e tamén as que viven en fogares monoparentais (que teñen á súa fronte sobre todo mulleres).

Entre 2016 e 2017 30.507 homes saíron da pobreza, mentras 20.913 mulleres entraron nela

En Galicia, malia que máis de 78.000 persoas sairon da situación de risco de pobreza no 2017, ainda quedan máis de 612.000 nesta situación. Ademais, a melloría das cifras xerais non está chegando ás mulleres: o 24,4% siguen en risco de pobreza e/ou exclusión social, frente ao 20,7% dos homes. De feito, entre 2016 e 2017 30.507 homes saíron da pobreza, mentras 20.913 mulleres entraron nela. A tendencia a feminización da pobreza en Galicia (como no resto do Estado) é especialmente palpable cos datos específicos de pobreza, con taxas 3,6 puntos máis elevadas para as mulleres que para os homes.

Outra das conclusións principais ás que chega o informe é que o feito de contar cun emprego non é garantía de vivir fóra da pobreza. De feito, segundo o estudo, unha de cada tres persoas pobres maiores de 15 anos teñen un emprego remunerado

Outra das conclusións principais ás que chega o informe é que o feito de contar cun emprego non é garantía de vivir fóra da pobreza. De feito, segundo o estudo, unha de cada tres persoas pobres maiores de 15 anos teñen un emprego remunerado. O texto subliña que "non calquera emprego protexe da pobreza" e que "as condicións contractuais do traballo tamén son importantes". En total, o 14,1% das persoas que teñen un emprego remunerado son pobres, unha porcentaxe que vén crecendo lixeiramente dende o ano 2013, momento en que se adoita situar o peor momento da crise económica. O informe alerta "da redución do poder adquisitivo das persoas traballadoras", sinalando que "entre 2012 e 2016 incrementouse nun 1,9% o salario medio, mentras que nese periodo o IPC creceu un 4,8%.

O informe alerta de que a maior parte dos grupos sociais (os chamados "perdedores da crise") aínda non recuperaron as condicións de vida que tiñan no ano 2008

O estudo subliña que a pesar da recuperación de moitos dos grandes indicadores macroeconómicos, as cifras de pobreza e exclusión "seguen sen recuperarse de maneira tanxible". "En outras palabras: PIB e pobreza non van da man. Cando ameaza crise, os danos comezan sempre pola poboación pobre, e cando se controla ésta es a última en beneficiarse", engade. O informe alerta de que a maior parte dos grupos sociais (os chamados "perdedores da crise") aínda non recuperaron as condicións de vida que tiñan no ano 2008. "Se para o conxunto da poboación a taxa de risco de pobreza é 1,8 puntos porcentuais superior á rexistrada en 2008, as persoas que viven en fogares monoparentais dobran esa diferenza; as persoas con educación secundaria sufriron un incremento do 9,1%, as de 45 a 64 anos e os estranxeiros non provenientes da UE triplícana sobradamente e os mozos entre 16 e 29 anos e as persoas en desemprego multiplican por seis a diferenza media", destaca.

O informe elaborado por EAPN advirte de que España é un dos países da UE no que máis se incrementou a poboación pobre entre os anos 2008 e o 2017. Na actualidade as cifras do Estado Español só son superadas por Romanía e Bulgaria. Só Luxemburgo, Gracia, Holanda e Italia empeoraron máis a súa situación nestes últimos nove anos. España é, igualmente, o quinto país no que a riqueza está peor repartida, cunha maior desigualdade entre ricos e pobres, só por detrás de Bulgaria, Lituania, Romanía e Letonia.

Destaca tamén o aumento das persoas en pobreza severa en todo o Estado, tamén en Galicia, isto é con ingresos inferiores aos 4.260€ ao ano (355€/mes)

O documento mostra que a saída da crise "non está chegando a todos por igual" e engade que "a fenda entre os ingresos dunha persoa pobre e o limiar da pobreza medrou, as diferencias entre homes e mulleres son especialmente preocupantes e o emprego segue sen chegar aos fogares con baixa intensidade de traballo". A fraxilidade da leve melloría na loita contra a pobreza percíbese nun aumento das persoas en pobreza severa en todo o Estado, tamén en Galicia, isto é con ingresos inferiores aos 4.260€ ao ano (355€/mes). A taxa pasou do 6,4% no 2016 ata o 6,9% no 2017, afectando a case 3.200.000 persoas.

Finalmente, o informe detalla a situación de pobreza que atravesan moitos xubilados e xubiladas. Aínda que durante a crise económica os e as pensionistas foron un dos grupos que mellor resistiron a recesión, o 39% das pensións que se distribúen en Galicia teñen un importe inferior ao limiar da pobreza. Delas, 88.156 (o 11,6% do total de pensións) teñen un importe por debaixo do limiar de pobreza severa. Nas de viuvedade, percibidas maioritariamente por mulleres, as porcentaxes son do 57,3% e 20,6%. Compre destacar tamén que algo máis de 150.000 pensións se atopan no treito inmediatamente superior ao límite do limiar de pobreza (importe mensual entre 609€ e 650€), polo que outro 20% de pensionistas está nunha posición de vulnerabilidade límite e a piques de caer na pobreza.

Campaña #ContraPobreza

O 39% das pensións que se distribúen en Galicia teñen un importe inferior ao limiar da pobreza

Con motivo da celebración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza inaugurarase no Parlamento de Galicia a exposición “Ninguén á marxe #ContraPobreza”, nun acto no que participarán o presidente da cámara, Miguel Santalices, xunto á Conselleira de Política Social, Fabiola García e o presidente de EAPN Galicia-Rede Galega contra a Pobreza, Antonio Hernández. Esta exposición fotográfica recolle as propostas e demandas das organizacións de acción social galegas integradas en EAPN Galicia, así como as das persoas en risco de pobreza ou exclusión que veñen de participar nos diferentes Seminarios de Participación.

No acto, o primeiro no que a nova Conselleira de Política Social se presentará diante das catro plataformas do terceiro sector galego (ademais de EAPN Galicia, CERMI, Plataforma de Infancia de Galicia e Coordinadora Galega de ONGD) darase lectura á Declaración Institucional contra o contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión aprobada por unanimidade no pleno do Parlamento de Galicia ante o crecemento da aporofobia e os prexuízos.

A inauguración da exposición coincidira co inicio da campaña en redes sociais #ContraPobreza impulsada dende Galicia para todas as redes EAPN autonómicas e as ONG integradas nas mesmas.

 

Unha persoa revisa gastos que debe afrontar © S.P.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.