IRPH: Feita a hipoteca, feita a trampa

Marcos Guerreiro Dominio Público Praza Pública

O ferrolán Marcos Guerreiro, traballador das industrias auxiliares de Navantia -actualmente parado-, asinou no ano 2006 unha hipoteca coa entidade financeira Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI) -filial do Banco Santander- por un valor de 116.000 euros. Os intereses da súa hipoteca fixáronse en base ao Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH), xa que na entidade lle aseguraron que sería máis favorable e estable. A realidade é que este índice se sitúa moi por riba do Euríbor, o que levou a que nove anos despois da sinatura da hipoteca e tras pagar máis de 40 mil euros, hoxe Marcos Guerreiro lle deba á entidade os mesmos 116 mil euros do comezo.

Calcúlase que as hipotecas de 1,3 millóns de familias en toda España dependen deste índice, que as encarece entre 100 e 300 euros ao mes. En Galicia poderían ser ao redor de 30 mil

As cláusulas hipotecarias baseadas no IRPH levan anos sendo denunciadas como abusivas por numerosas entidades, entre elas a PAH. Calcúlase que as hipotecas de 1,3 millóns de familias en toda España dependen deste índice, que as encarece entre 100 e 300 euros ao mes. En Galicia poderían ser ao redor de 30 mil, sendo unha das comunidades cunha incidencia menor (10 hipotecas con IRPH por cada mil habitantes), lonxe da media estatal (28/mil) ou de Catalunya (60/mil), Comunidade Valenciana (38/mil), Baleares (36/mil) ou Andalucía (34/mil), os territorios máis afectados.

O IRPH sitúase nestes momentos no 2,132%, mentres que o Euríbor rolda o 0,054%

O IRPH sitúase nestes momentos no 2,132%, mentres que o Euríbor rolda o 0,054%. Por que se produce esta diferenza? En esencia, o IRPH é unha media dos tipos de interese ofrecidos polas entidades bancarias españolas nos seus préstamos hipotecarios. Un dos seus problemas é que é manipulable (depende dos datos fornecidos pola propia banca), pouco transparente e, ademais, non responde á realidade dos tipos hipotecarios. Explicado de forma simplificada, o IRPH fai media simple (non ponderada) entre todas as entidades, de xeito que se un gran banco coma o BBVA está ofrecendo o 1% e unha pequena entidade local traballa co 7%, o IRPH resultante sería do 4%, a pesar de que a inmensa maioría dos créditos estean manexando o 1%.

Este luns Marcos Guerreiro levou a xuízo a UCI, acusándo a financeira de cobrar intereses abusivos, celebrándose a vista previa nos xulgados de Ferrol. Alí foi apoiado por varias entidades sociais, nomeadamente pola PAH da cidade naval e comarca, Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, e tamén por representantes políticos, coma o alcalde Jorge Suárez (Ferrol en Común), a tenente de alcalde Beatriz Sestayo (PSOE) e por outras formacións, coma o BNG.

Nove anos despois da sinatura da hipoteca e tras pagar máis de 40 mil euros, hoxe Marcos Guerreiro débelle á entidade os mesmos 116 mil euros do comezo

"Simplemente che poñen diante uns papeis e case non che explican nada. Eu non sabía o que era o IRPH, nin sequera sabía o que era o Euribor. O único que tiña claro era que non quería poñer un aval. Vendéronme o IRPH como algo máis estable e, en xeral, máis favorable que o Euribor", conta. "Ofrecéronme unha carencia de 5 anos, é dicir, pagar só intereses, para que así a partir do mes número 60 baixase a cota. Porén, no mes 61 en vez de baixar, subiu de 575 a 680", di. En 2011 unha das empresas nas que traballaba, Talleres Cachaza, presentou un ERE e Guerreiro pediu unha reestruturación, pasando a pagar dende entón ao redor de 300 euros ao mes. Na actualidade está aboando uns intereses do 2,81%, máis o 0,65% polo diferencial, unha taxa moi superior á que podería estar pagando se a súa hipoteca non dependese do IRPH, e que tivo como consecuencia que despois de entregar máis de 40 mil euros a súa débeda sexa a mesma que no comezo. “Vas tirando grazas á familia”, recoñece.

 

Pola vía xudicial e pola vía política

"A batalla vai ser longa", asume Marcos Guerreiro: "Mesmo se o xulgado de Ferrol me dá a razón, a entidade levará o caso a outras instancias, e alí pode cambiar a cousa"

“Hai dúas maneiras de acabar co IRPH" -destaca- "politicamente e xudicialmente". De momento, pola vía xudicial houbo varias vitorias, sentenzas favorables que en moitos casos declararon abusivas as cláusulas destas hipotecas. Foi en 2014 cando un xulgado de San Sebastián ditou a primeira sentenza neste senso. E posteriormente o xulgado do Mercantil de Barcelona tamén confirmou esta interpretación. Porén, moitas outras demandas foron desestimadas. En ocasións, ademais, algunhas iniciativas de afectados que si obtiveran vitorias iniciais nos xulgados locais, foron despois derrotadas nas audiencias provinciais.

"A batalla vai ser longa", asume Marcos Guerreiro. "Mesmo se o xulgado de Ferrol me dá a razón, a entidade levará o caso a outras instancias, e alí pode cambiar a cousa. Cada vez que imos máis arriba na xustiza, máis politizada está", denuncia. Destaca ademais o labor de xuíces “que aínda manteñen a súa independencia”, como Edmundo García no País Vasco ou Manuel Ruíz de Lara -antes en Barcelona e agora en Cádiz- "aos que non lles treme o pulso ante os poderosos", di. "Hai, así mesmo, moitas demandas que xa non se presentan, porque os avogados non ofrecen garantías de que se poidan gañar os xuízos", engade.

“O importante, ademais, é que este tema se coñeza. O problema é o descoñecemento. Confías nas persoas e despois pasa o que pasa. É o que sucedeu cos preferentistas. E o peor é que segue habendo moi pouca información sobre o tema e que estas cláusulas se seguen aplicando", explica. A OCU lanzou este verán unha alarma para alertar a posibles afectados polas hipotecas con IRPH que poden nin ser conscientes do seu caso. A entidade de defensa dos consumidores explicaba que se o diferencial dunha hipoteca co Euríbor supera o 2% "é moi probable" que teñas "o IRPH ou a cláusula solo". "Esta loita é unha desas que paga a pena loitar. Unha desas que se gañan nos tribunais. Porque as cláusulas hipotecarias que utilizan o IRPH son abusivas e deben ser declaradas nulas, ao igual que ocorreu coas cláusulas solo", engadía.

PP, Ciudadanos, CDC e Unió votaron a favor do mantemento do IRPH, o PSOE abstívose e EH Bildu, IU, Podemos, PNV e UPyD votaron para eliminalo

A outra vía é a política. Dende a PAH sublíñase que estas hipotecas son contrarias á Directiva 93/13/CEE de 1993 sobre as cláusulas abusivas nos contratos celebrados con consumidores. O propio Parlamento europeo debateuna este pasado outono. Porén, PP, Ciudadanos, CDC e Unió votaron a favor do mantemento do IRPH, o PSOE abstívose e EH Bildu, IU, Podemos, PNV e UPyD votaron para eliminalo.

"Son obreiro e fillo de obreiro e o meu avó era zoqueiro. Sei que sen medo se pode conseguir calquera cousa, pódese chegar a calquera lado"

"Todo isto solucionaríase de forma moi doada. Un decreto-lei abondaría para eliminar o índice IRPH entidades, ao igual que hai dous anos anularon o IRPH bancos e o IRPH caixas", sinala Marcos Guerreiro, que este luns vén de iniciar a súa batalla xudicial. "Non pido sorte, pido xustiza e verdade", di. "Son obreiro e fillo de obreiro. O meu avó era zoqueiro. E sei que sen medo se pode conseguir calquera cousa, pódese chegar a calquera lado", conclúe.

Marcos Guerreiro Dominio Público Praza Pública
Concentración da PAH ante os xulgados de Ferrol, este luns CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.