Meirama e As Pontes contarán con cadanseu nó de transición enerxética para os futuros proxectos renovables

Central térmica das Pontes CC-BY luscofusco

O Ministerio para a Transición Ecolóxica sacou este xoves a poxa o nó de transición enerxética de Meirama (Cerceda) e creou o das Pontes, unha medida que adiantaron, minutos antes de que o anunciase o Goberno central, o secretario xeral do PSdeG e alcalde pontés, Valentín González Formoso, e o candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. 

Transición Ecolóxica inicia a consulta pública para tramitar o concurso do nó de transición xusta de Meirama e anuncia a futura poxa tamén nas Pontes, cuxa subestación está prevista para 2026

Segundo fixo público despois o ministerio que dirixe Teresa Ribera, o Instituto para a Transición Xusta (ITJ) vén de iniciar a consulta pública previa para tramitar o concurso do nó de transición xusta da subestación de Meirama, de 220 kv, que beneficiará os cinco municipios incluídos no Convenio de Transición Xusta de Meirama: Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia. 

Estes nós permiten canalizar a enerxía dos parques eólicos e outros proxectos previstos nas zonas de antigas centrais térmicas, como no caso de Meirama e das Pontes, cara ás autoestradas de alta tensión. A cambio de poñer en poxa a capacidade de evacuación destas infraestruturas, as áreas serán receptoras de investimentos millonarios para proxectos renovables que palien os prexuízos económicos e laborais dos peches das térmicas

González Formoso e Gómez Besteiro, anunciando os futuros nós de transición enerxética en Galicia CC-BY-SA PSdeG

A capacidade de evacuación destes nós de transición xusta sairán a poxa e será concedida aos proxectos renovables que máis aposten polo emprego local ou os investimentos na zona

Así, o Ministerio anunciou este xoves tamén que o Goberno de España declarará a futura subestación de Maciñeira, de 400 kv, como "nó de transición xusta" e cuxa construción está prevista que finalice en 2026. A capacidade de acceso de evacuación á rede eléctrica desta subestación concursarase para a zona do Convenio de Transición Xusta das Pontes, formada por 14 concellos: As Pontes, As Somozas, A Capela, Cabanas, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Muras, Ortigueira, San Sadurniño, Vilalba e Xermade. 

Entre os criterios para a adxudicación destes concursos, "ademais de priorizar aqueles proxectos que minimicen a afección ambiental", valoraranse "os beneficios socioeconómicos para o territorio: o fomento do emprego, especialmente para traballadores excedentes das centrais e mulleres, a formación para residentes na zona, o desenvolvemento de comunidades enerxéticas e autoconsumo, os investimentos na cada de valor provincial, a participación de investidores locais e o apoio a proxectos industriais, agrarios ou sociais", explica o Ministerio.

Besteiro e Formoso gábanse das súas xestións co Goberno central para "traer postos de traballo a Galicia, o que é incapaz de facer Rueda"

Estes concursos de transición xusta en Galicia, xunto a outros anunciados hoxe en Andalucía e Asturias, forman parte da segunda vaga de concursos en nós de transición xusta logo da experiencia realizada en Teruel, onde "a instalación de renovables foi acompañada de múltiples proxectos industriais, agroalimentarios e do sector servizos, cunha creación de emprego superior ao afectado polo peche da central térmica de carbón", di o Ministerio, en referencia a este proxecto, no que Endesa resultou adxudicataria cun investimento de 1.500 millóns de euros, 650 empregos directos e 3.500 durante a construción da infraestrutura. 

“Unha vez máis somos os socialistas os que traemos postos de traballo a Galicia, o que é incapaz de facer Rueda. Devolvémoslle a Galicia o seu protagonismo enerxético, agora no campo das renovables, 1.200 millóns de euros e a creación de 500 empregos directos nos municipios das Pontes e Cerceda, ademais da construción da nova central de transformación nas Pontes cun investimento de 13 millóns e a contratación de centos de persoas", destacou Besteiro desde Santiago, acompañado de González Formoso. 

Antiga central térmica de Meirama © Defendendo As Encrobas

Os nós de transición xusta, segundo ampliou o secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes, "son infraestruturas onde a capacidade de acceso á rede eléctrica, liberada tras o peche das centrais térmicas, adxudícase mediante concurso para que sexa empregada polas novas centrais de enerxías renovables que se conecten co nó”. Afirmou que “estes nós de transición permitirán evacuar a enerxía dos proxectos renovables que están previstos para ambos municipios, como as centrais de bombeo reversible proxectadas para os lagos das Pontes e Meirama”.

No caso das Pontes, segundo Formoso, o concurso anunciado polo Goberno de España suporá inicialmente un investimento de 13 millóns de euros para crealo xa que, segundo certifica Rede Eléctrica, non existe capacidade de evacuación na propia central térmica. Por iso é necesaria a construción dunha nova central de transformación, a da Maciñeira, que servirá tamén para reforzar a subministración eléctrica aos demais proxectos industriais anunciados para As Pontes. 

“Tanto Besteiro coma eu tivemos moitas viaxes a Madrid, moitas reunións co Ministerio e con Rede Eléctrica para lograr este fito que fai xustiza coas Pontes e tamén con Cerceda”, sinalou Formoso. O candidato á Xunta, pola súa banda, agradeceu "que o Goberno de España e o Ministerio de Transición Ecolóxica invistan en Galicia, que significará que as empresas que compitan na poxa teñan que investir e xerar emprego de calidade no noso país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.