Nace a Plataforma pola defensa do sector lácteo galego

Xuntanza con stitutiva da plataforma © Concello de Lalín

Este luns constituíuse en Compostela a Plataforma pola defensa do sector lácteo galego, impulsada polos tres principais sindicatos agrarios: Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, e na que tamén participan a Federación Rural Galega (Fruga) ou a Organización de Productores de Leche (OPL). Ademais, partidos políticos, cooperativas e outras organizacións sociais adheríronse á iniciativa, que nace nun momento crítico no sector, con importantes caídas nos prezos pagados ao produtores e cunha forte presión exercida polos compradores.

Isabel Vilalba (SLG), Roberto García (Unións Agrarias) e Francisco Bello (Xóvenes Agricultores) lembraron que o prezo medio do leite en Galicia non chega nin sequera aos 28 céntimos por litro, por debaixo dos custes de produción, que poderían situarse arredor dos 30 céntimos. Ademais, para ao redor de 1.200 explotacións (das ao redor de dez mil existentes en Galicia) a situación é máis graves, pois están recibindo entre 18 e 20 céntimos por litro. A Plataforma chama a participar na manifestación en defensa do sector, convocada para o venres 17 de xullo en Compostela e esíxelle á Xunta actuacións concretas para reverter a actual situación, que non só ten coma orixe factores esóxenos, coma a caída da demanda internacional por mor dun descenso do consumo. Para os sindicatos agrarios, as grandes empresas distribuidoras están a exercer unha presión insoportable sobre os produtores, forzándoos a aceptar prezos moi baixos, ameazando con deixar de mercarlles o leite, nunha estratexia tendente a deslocalizar a produción láctea cara ás zonas de maior consumo e os centros de distribución.

A Interprofesional Láctea (INLAC) e as organizacións agrarias reuniranse este martes en Madrid con Isabel García Tejerina, ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para esixirlle ao Goberno central a adopción de medidas urxentes para reverter os efectos negativos da actual situación. Así mesmo, os sindicatos agrarios reuníronse este luns cunha representación de Anova, como a semana pasada fixeran con PP, PSOE e BNG. Anova acusou á Xunta de "deixadez" á hora de tratar a difícil situación que vive o sector, esixíndolle á Consellaría de Medio Rural que exerza as súas funcións "para rematar coa extorsión"; de igual xeito, anunciou o seu apoio tanto á manifestación do sector lácteo do vindeiro día 17 en Compostela, unha mobilización que "non pode ser só sectorial, ten que ser social, de país", sinalou Antón Sánchez

 

A Xunta minimiza o problema

Rosa Quintana restou importancia á grave situación que viven os produtores, sinalando que "a inmensa maioría dos gandeiros conseguen colocar o leite sen grandes problemas"

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, destacou que o Goberno central e a Xunta están "abertos" a modificar o "paquete lácteo". A conselleira restou importancia á grave situación que viven os produtores, sinalando que "a inmensa maioría dos gandeiros conseguen colocar o leite sen grandes problemas", engadindo que se vive un momento de "baixa demanda a nivel internacional". Quintana amosou a súa "confianza" no futuro do sector, "sempre que sexa capaz de adaptarse ao novo escenario sen cotas, onde todo o mundo pode producir máis", destacou.

Lidia Senra sinala que "gran parte da actual crise no sector leiteiro débese precisamente á aplicación deste paquete lácteo"

Precisamente esta tarde está previsto que o Parlamento europeo debata a revisión do Paquete lácteo, aprobado a nivel europeo tanto polo Partido Popular (PP) como polo Partido Socialista (PSOE) o 15 de febreiro de 2012. A eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, intervirá no debate para sinalar que "gran parte da actual crise no sector leiteiro débese precisamente á aplicación deste paquete lácteo", contemplado como un dos instrumentos de apoio para a liberalización total do sector, "unha medida que non estableceu nin tan sequera medidas básicas como un prezo mínimo que cubra os custos de produción e remuneren o traballo, nin tampouco fixou mecanismos efectivos que penalicen a imposición de vender a perdas que neste momento sofren as produtoras e produtores", lembra Senra.

 

O BNG pídelle á Xunta que se sume á sociedade civil en defensa do sector

Vence sinalou que a actual situación "crítica" do sector “é o resultado da obediencia da Xunta e do goberno central ás política europeas que desmantelan os sectores produtivos”

O Bloque demandoulle ao Goberno galego que se "sume á sociedade civil" na defensa do sector leiteiro. Xavier Vence, portavoz nacional do BNG esixiulle á Xunta que defenda "con uñas e dentes” un sector produtivo que "está baixo mínimos, con apenas 40.000 persoas afiliadas". “Se queremos un rural vivo, temos que ter un sector leiteiro vivo”, engadiu. 

Vence sinalou que a actual situación "crítica" do sector “é o resultado da obediencia da Xunta e do goberno central ás política europeas que desmantelan os sectores produtivos”. O líder do Bloque lembrou que a UE "impuxo primeiro un sistema de cotas que limitou por décadas a capacidade de desenvolvemento dos produtores galegos" e, agora, "suprime ese sistema para dar paso a unha liberalización do mercado, que deixa ao sector nas mans das grandes cadeas de distribución que deciden os prezos e os lugares de produción, como o caso de Mercadona, cuxa política de compras despraza a produción a Andalucía, Levante, ao País Vasco e a Aragón”.

A “renuncia do Estado e da Xunta a regular o sector e a fixar prezos mínimos deixa aos produtores a expensas do que decidan as cadeas de distribución”, denunciou. O Bloque demanda da Xunta que lle esixa ao Goberno central "medidas urxentes para frear este poder omnímodo" e evitar as súas “políticas de abuso”.

PSdeG-PSOE e BNG pediron xa a reunión da Deputación Permanente do Parlamento para convocar este mes de xullo un Pleno extraordinario no que Feijóo compareza

PSdeG-PSOE e BNG pediron xa a reunión da Deputación Permanente do Parlamento para convocar este mes de xullo un Pleno extraordinario no que Feijóo compareza para explicar na cámar as medidas que o Goberno galego pensa levar a cabo en defensa do sector lácteo.

 

Puy defende a actuación da Xunta

Puy defendeu o traballo da Xunta "para conseguir mellores prezos" , responsabilizando da actual situación á posición dominante no mercado dos compradores do produto

Pola súa banda, Pedro Puy, portavoz parlamentario do PP, defendeu o traballo que está a desenvolver a Xunta "para conseguir mellores prezos" e destacou como un logro que se conseguira "que todo o leite se recollese", responsabilizando da actual situación á posición dominante no mercado dos compradores do produto: “A Xunta está a facer todo o posible para que os produtores de leite poidan vender a un prezo razoable e de acordo co que sería un mercado no que os prezos se determinasen en función da oferta e a demanda, e non veñan determinados polos intereses das grandes multinacionais comercializadoras do leite”.

Puy sinalou que “se hai algo no que non hai nada parecido a un mercado libre é este sector, onde o problema deriva da existencia de acordos ou dunha posición dominante de monopolio por parte dos compradores do produto final, mentres que os provedores teñen moita dificultade para coordinarse e facer fronte a uns prezos que veñen determinados pola posición dominante que teñen as empresas que compran leite”. Engadiu que "confia" que "estas xestións que ven facendo a Xunta culminen cun acordo satisfactorio e o sector gandeiro se sobrepoña a esta crise".

 

Queixa ante o Valedor do Pobo

O pasado venres o Valedor do Pobo admitiu a trámite unha queixa rexistrada polo Sindicato Labrego Galego na que se denuncia a "indefensión absoluta" das 10.000 granxas leiteiras galegas diante das prácticas abusivas da industria. No escrito, o SLG sinala que coa liberalización do sector trala fin do sistema de cotas “a industria está a beneficiarse do contexto para obrigar aos gandeiros e ás gandeiras a asinar contratos con prezos absolutamente miserables e que, lonxe de garantir o futuro do sector, abocan a boa parte deste á inviabilidade, co peche de explotacións que iso pode provocar". "Os mecanismos de presión son, polo demais, obvios: o máis simple é non recoller o leite se non se aceptan as condicións impostas pola industria", engade, ao tempo que pide que aumenten "as inspeccións de oficio”.

O sindicato denunciou tamén "a pasividade das administracións", destacando que “a parálise dos poderes públicos está levando ao establecemento de controis privados da produción" e esixindo a súa intervención ante a "ilegalidade de facto dos actuais contratos, chegando a asinarse mesmo con prezos de 0,21 €/litro, a todas luces, por baixo dos custes de produción, que poderían situarse arredor dos 30 céntimos”. Na xuntanza do venres, Isabel Vilalba e Xosé Pérez Rei fixéronlle ver ao secretario xeral do Valedor do Pobo a necesidade que articular no sector "un sistema de mediación pública, gratuíta e eficaz" que garanta que as cláusulas dos contratos "non sexan unha imposición unilateral da industria". 

 

>>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Xuntanza dos sindicatos agrarios cos representantes de Anova © Anova
Este luns constituíse en Compostela a Plataforma Galega en defensa do sector lácteo Dominio Público @Ireneairin12
Isabel Vilalba, no momento de presentar a queixa ante o Valedor do Pobo © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.