Sen moito avance. Ata altas horas da madrugada se prolongou a xuntanza que este martes mantiveron en Madrid representantes de Alcoa, dos sindicatos, do Goberno central e dos executivos autonómicos da Xunta e do Principado de Asturias. Na busca de alternativas ao peche anunciado das plantas da Coruña e de Avilés, as administracións volveron comprobar o "bloqueo" da multinacional á procura de alternativas e a súa "falta de vontade" para atopar un camiño que evite o despedimento duns 700 traballadores, case 400 deles en Galicia. Así de claro o dixo a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, que mudou o ton para sinalar e culpar a multinacional estadounidense.
Estado, Xunta e Principado presentan un documento de mínimos a Alcoa no que lle piden paralizar o ERE e seis meses para negociar alternativas ao peche
Na mañá deste mércores, en declaracións á Cadena SER, Reyes Maroto advertiu de que "hai solucións" para evitar o peche das fábricas e que o Goberno central estaas "valorando", pero advertiu de que para que saian adiante precísase "vontade" por parte de Alcoa e "tempo" para maduralas. Por iso, Estado, Xunta e Principado asinaron un documento que presentaron á empresa xa de madrugada cunha "serie de mínimos" que esixirán á compañía para "seguir negociando". Entre eles, que dean seis meses máis de prazo e se paralice o ERE "para poder traballar cun escenario de máis tempo para buscar solucións. "Hainas e estamos avaliando propostas", insistiu.
A ministra Reyes Maroto di que o Goberno xa "avalía" propostas pero pídelle tempo á empresa para evitar o peche e atopar solucións
"Necesitamos que haxa vontade por parte da empresa que nos di que pecha, á que xa se lle deu un ultimátum", engadiu Maroto, que nada dixo da posibilidade que propoñen comités de empresa, sindicatos e formacións como En Marea ou BNG: a intervención da empresa temporalmente por parte da SEPI para logo buscar unha empresa que se faga coas plantas e manteña a actividade.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pola súa banda, pediu un cambio de "actitude" á empresa e asegurou que o Goberno de Sánchez quería paralizar o ERE pero que a reforma laboral impulsada polo PP impediullo. "Atopámonos cunha reforma laboral que nos impide actuar como nos gustaría neste conflito", confesa.
Xa na mañá do martes, Reyes Maroto, demandou a Alcoa "responsabilidade" para negociar unha saída aos peches das plantas e acusou a compañía de ser a "responsable" da perda de centos de empregos ao "estar a bloquear" as posibles "solucións".
A ministra de Industria acusou a Alcoa de ser a "responsable" da perda de centos de empregos por "estar a bloquear" posibles "solucións"
"Pedimos a Alcoa que reformule o peche das plantas e que manteñan unha posición proactiva na mesa negociadora xa que, se segue bloqueando, lamentablemente imos chegar a unha situación que non é nova para empresa e traballadores, e que non esperamos nin desde o ministerio nin desde as administracións rexionais implicadas", dixo Maroto, que en todas as súas declaracións contrapón a "predisposición" doutras empresas como Cémex e Vestas para buscar --e conseguir-- alternativas reindustralizadoras nas súas sedes coa postura da multinacional do aluminio.
"O Goberno xa demostrou que se pode buscar unha solución de reindustralización, pero necesitamos a vontade da empresa e que con ela se poida chegar a acordos, parar ese peche e sacar esas familias da desesperación e a angustia", repetiu.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cualificou de "decepcionante" a reunión con Alcoa, aínda que recoñeceu que se abre "unha posible segunda oportunidade" de paralizar o ERE e "ampliar" o prazo de negociacións. Con todo, pediu ao Goberno central "solucións concretas" e reprochoulle non ter feito "os deberes".
A resposta da firma estadounidense, en declaracións á axencia Europa Press o martes, fora insistir en que non recibiu oferta ningunha, que o Goberno central tampouco lla presentou e que non está bloqueando a negociación, aludindo mesmo ao aumento dos prazos das negociacións co persoal como aval. Maroto negouno. "Non é certo, están bloqueando e así se constata nas mesas de negociación", dixo.
Ademais da xuntanza coas administracións, a multinacional tiña prevista tamén outra reunión máis pola negociación do ERE cos traballadores, pero foi adiada porque representantes do persoal coruñés e avilesino foron recibidos polo secretario xeral de Industria, Raül Blanco, que recibiu varios representantes do persoal.
O Goberno ofreceu adiantar para xa as medidas para abaratar a factura eléctrica e advertiu de que, sexa como for, habería unha solución ao conflito antes do 15 de xaneiro. O persoal da planta da Coruña é moi escéptica respecto á posibilidade de que Alcoa pare o ERE e pide ao Estado que actúe xa para evitar os despedimentos, que se poderían executar xa a vindeira semana de non deterse o expediente. Ademais, acusan a firma de "enganar" os gobernos buscando abaratar o feche da factorías e aos executivos de "inacción" ante o habitual modus operandi da multinacional.
O persoal de Alcoa da Coruña convocou para este domingo outra manifestación que sairá ao mediodía da praza da Palloza.