O Estado suxírelle á UE que non construirá máis autovías sen peaxe

Autovía A-6 ao seu paso polas Nogais (Lugo) CC-BY-SA Adrián Estévez

Fin das autovías sen peaxe? Semella que si ou, cando menos, fin das autovías novas sen peaxe. É a conclusión que se pode tirar dos plans que o Goberno central lle vén de relatar á Unión Europea no denominado Programa Nacional de Reformas e no que se inclúen varias medidas en materia de infraestruturas que aínda non pasaron polo Consello de Ministros e que se poderían resumir en dous conceptos: sector privado e peaxes. A vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría avanzaba o pasado venres que o Ministerio de Fomento está a preparar varias normativas para impulsar a "eficiencia" das infraestruturas estatais. Cunha linguaxe aínda máis críptica o documento remitido a Bruxelas fala de "racionalización", de "optimización de recursos", de "áreas de negocio máis eficientes", pero tamén deixa espazo para certa concreción. Por exemplo: o modelo concesional que se xeralizará na construción de infraestruturas é o da "colaboracion público-privada" (CPP).

O Goberno central dille á UE que, na xeralización do modelo público-privado, serán "os usuarios os que fan fronte ao custo" da infraestrutura "no momento en que as utilizan"

Este modelo, xa empregado por diversos gobernos e non só para construír estradas -a Xunta utilízao no novo hospital de Vigo- consiste esencialmente en que a Administración pública non ten que realizar un desembolso inmediato para a construción de, por exemplo, unha autovía, senón que é a empresa construtora quen o financia  e quen ostenta a propiedade do vial bun determinado período de tempo, durante o cal o Goberno paga un canon pola súa utilización. É aquí onde entrarían as peaxes. No Programa de Reformas o gabinete de Mariano Rajoy descríbelle á UE as bondades do sistema CPP: permite "adiantar investimentos que teñen claros efectos (...) positivos na xeración de riqueza", dá a "posibilidade de destinar a outros servizos os recursos que o Goberno utilizaría para o desenvolvemento de infraestruturas" pero tamén "aporta equidade intexeracional". De que xeito? "Son os usuarios que en cada momento utilizan as infraestruturas ou servizos os que fan frente ao seu custo", é dicir, pasan por caixa cada vez que circulan pola autovía, que xa non é tal, senón autoestrada.

Reforma aeroportuaria e fin de Feve

O Estado promoverá "o negocio inmobiliario" nos aeroportos e prevé despezar Feve entre Renfe e Adif

Pero o emprego do capital privado como peza fundamental na política de infraestruturas non afectará só ás autovías e autoestradas. En xeral, explica o Executivo do Estado, a vontade é aplicar "novos modelos de xestión das infraestruturas do transporte" para "poñer en valor as áreas de negocio máis eficientes" e "optimizar aquelas que presenten unha menor rendibilidade, existindo, polo tanto, marxe para a entrada de capital privado", subliña. Neste ámbito, o Programa de Reformas detalla que Aena Aeropuertos será situado como un "xestor aeroportuario rendible de referencia mundial". Sen mencionar a privatización parcial que prevía o Goberno do PSOE, si se adianta que serán deseñados "programas específicos que permitan aumentar os ingresos comerciais" dentro das terminais dos aeroportos, "desenvolvendo o negocio inmobiliario, mellorando a rendibilidade dos aparcadoiros e potenciando o marketing aeroportuario". Do mesmo xeito bosquéxanse medidas que non fan prever un panorama especialmente favorable para o cadro de persoal de Aena: "introduciranse medidas de eficiencia organizativa e de mellora da xestión de recursos humanos", realizando "unha análise comparativa con outras organizacións en materia de xestión do talento" e "política retributiva".

Tampouco o tren escapará ás reformas, se ben, cando menos sobre o papel, non figuran proxectos de privatización. Neste ámbito a medida máis novidosa é a desaparición de Ferrocarriles Españoles de Vía Estrecha (FEVE), entidade cun papel relevante nas comarcas do norte de Galicia, para a súa integración "nas dúas entidades públicas que actualmente desenvolven a operación ferroviaria e a xestión da rede", isto é, Renfe e Adif. "Coa finalidade de gañar en eficiencia e racionalidade e aproveitar economías de escala segregarase Feve en Infraestruturas de Feve (que se integrará en Adif) e Feve-Operadora (que se integrará en Renfe)", conclúe.

 

Autovía A-6 ao seu paso polas Nogais (Lugo) CC-BY-SA Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.