O persoal de Atento colgará os cascos durante 24 horas este luns

Concentración ante a sede de Atento, o pasado 10 de setembro © CGT Atento

Os traballadores e traballadoras de Atento Coruña están chamados e chamadas a unha folga de 24 horas este luns. O paro unirase ás mobilizacións que o persoal desta empresa de telemarketing leva sostendo dende o pasado mes de maio en protesta polos despedimentos aplicados pola dirección e polas "nefastas condicións laborais", segundo destacan os sindicatos CGT e CIG, que acusan a compañía de levar a cabo unha "política de acoso, sancións e presións" e anuncian que "non imos parar até que atendan as nosas reivindicacións".

O pasado luns unha manifestación, na que participou a maioría do persoal, percorreu as rúas da cidade. A resposta da dirección, segundo os sindicatos, foi "reunir os empregados e empregadas en grupos de 10 persoas nun intento de presionalas e convencelas para que abandonen as protestas". A sección sindical da CIG en Atento condena "esta actitude coercitiva" da empresa, "coa que claramente busca desmobilizar o persoal a través de mentiras e chantaxes". 

Ademais da denuncia dos despedimentos realizados, o persoal reclama unha mellora das súas condicións laborais, coma o incremento do tempo entre chamada e chamada para poder cumplimentar os datos das mesmas ou a solución das deficiencias existentes nas aplicacións informáticas empregadas. Tamén se critican "as presións desmedidas que a mutua exerce sobre o persoal para que acurte a duración das baixas", o "control excesivo e continuo da xestión do desempeño que só busca sancionar o persoal".

Nas últimas xuntanzas mantidas coa empresa polos e polas representantes sindicais, Atento botou balóns fóra, alegando que case todas as condicións laborais veñen marcadas polo actual contrato con Telefónica e que non depende deles a súa modificación. "O único que fan é queixarse da mala imaxe que damos coas nosas protestas e dos elevados índices de absentismo que hai no centro da Coruña, que situaron no 18%", denuncia a sección sindical da CIG. Neste senso, a representación da CIG apunta que as causas deste absentismo están nas propias condicións laborais, as cargas de traballo e "os obxectivos inasumibles que impón a empresa, que inciden directamente na saúde dos traballadores e as traballadoras".

Manifestación do persoal de Atento, o pasado 10 de setembro © CGT Atento
Unha das accións de protesta do persoal de Atento © CGT Atento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.