Os contratos laborais inferiores a unha semana disparáronse un 90% en Galicia dende 2012

Traballadores nas obras de reforma da estación ferroviaria de Santiago CC-BY-NC-SA CIG

A ministra de Traballo, Magdalena Valerio, confirmaba este mércores que o Goberno central se dispón a incrementar o custo social dos contratos laborais inferiores a cinco días de duración. Estes contratos máis curtos, que actualmente xa teñen un recargo do 36%, pasarán a ver encarecido nun 40% a cota por continxencias comúns que as empresas abonan á Seguridade Social, segundo adiantou o xornal Cinco Días.

O Goberno central disponse a incrementar o custo para as empresas dos contratos inferiores a cinco días

A medida que o Goberno de Pedro Sánchez prevé incluír nun real decreto que abordará no derradeiro Consello de Ministros do ano, tentaría atallar a práctica empresarial que, segundo Valerio, permite "con certa frecuencia" que haxa persoal contratado de luns a venres e despedido durante as fins de semana para "así, non cotizar" sábados e domingos e aforrar cartos. Se finalmente é aprobada segundo o anunciado impactará nun contexto que, no caso galego, está marcado por un gran incremento dos contratos laborais inferiores a unha semana nos últimos anos.

As Oficinas de Emprego rexistraran ata finais de novembro 347.782 contratos de menos de sete días; son máis que en todo 2017 e aumentan un 90% a respecto de 2012

Segundo os datos das Oficinas de Emprego recompilados polo Instituto Galego de Estatística, dende o inicio de 2018 e ata o 30 de novembro asináranse en Galicia un total de 347.782 contratos laborais de menos dunha semana de duración. Isto implica que en once meses de 2018 os contratos de menos de sete días xa foran practicamente 4.000 máis que en todo 2017.

Ollando ata o inicio da serie histórica, que comeza en 2012, o incremento é xa dun 90% e cabe agardar que cos datos de decembro estea na contorna do 100%. Non en van, en decembro de 2017 asináranse en Galicia 21.058 destes contratos, polo que previsiblemente 2018 rematará co duplo de contratos inferiores a unha semana que no ano 2012.

No mes de 2018 con menos contratos inferiores a unha semana asináronse máis que en pleno verán de 2012

Ollando a desagregación mensual dos datos o incremento destes contratos de menor duración é tamén evidente. No mes de 2018 con menor número de contratos laborais dunha semana ou menos (febreiro, con algo menos de 22.000) asináronse máis que en pleno verán de 2012, ano no que o mes de xullo rexistrara uns 21.400.

Este incremento sostido no tempo provocou que o contrato laboral dunha semana ou menos sexa xa o máis numeroso, por riba dos contratos de duración indeterminada e superando amplamente os que duran entre un e seis meses. Nestes anos os diferentes indicadores laborais tamén apuntan a un aumento da contratación indefinida e en setembro e outubro rachouse por primeira vez dende o inicio desta serie a barreira dos 5.000 contratos indefinidos asinados nun só mes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.