Seis meses de cadea para os donos dunha panadería de Pontevedra que prohibían descansar ao persoal

Imaxe dunha panadería Dominio Público Imaxe de uso libre

A empresa só lles daba descanso en Nadal e Aninovo non pagaba as horas extra aos traballadores nin cotizaba por elas, acumulando unha débeda de 238.000 euros coa Seguridade Social

Pena de seis meses de cadea a dous empresarios dunha panadería de Pontevedra por esixir aos seus empregados que traballasen todos os días da semana e por non pagar as horas extraordinarias realizadas, nin ao persoal nin á Seguridade Social en materia de cotizacións sociais. A condena, adiantada por Faro de Vigo, foi ditada pola Audiencia Provincial de Pontevedra tras un acordo de conformidade dos dous xefes, que aceptaron os feitos e, por tanto, a comisión dun delito contra os dereitos dos traballadores e fraude á Seguridade Social. 

Os feitos probados recollidos na sentenza, que puido consultar este medio, recollen que "polo menos desde o 26 de xaneiro de 2013, os dous investigados [veñen] esixindo aos traballadores ao seu servizo que acudan ao seu posto de traballo todos os días do ano excepto dous, o día de Nadal e o día de Aninovo". O negocio en cuestión dedicábase á "fabricación e venda de pan e os seus derivados na cidade de Pontevedra”.

A sentenza recolle como "os traballadores víanse obrigados a aceptar estas condicións ante o temor de perder o seu posto de traballo"

Así, os empresarios infrinxían os dereitos dos seus empregados recoñecidos na lexislación laboral en materia "de xornada de traballo, descanso mínimo semanal e períodos de vacacións", así como no convenio colectivo do sector. "Os traballadores víanse obrigados a aceptar estas condicións ante o temor de perder o seu posto de traballo", contempla a sentenza da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra, datada o pasado 6 de maio.

Máis de 400 sábados, domingos e festivos traballados

Esas horas de máis traballadas polo persoal, ademais, non eran retribuídas aos empregados como horas extraordinarias, nin os empresarios as declaraban ante a Seguridade Social, polo que non cotizaban por elas.

Entre 2013 e 2017 "os traballadores prestaron os seus servizos nun total de 203 sábados e 252 domingos e festivos sen percibir o importe das horas extraordinarias e sen que fosen compensadas con horas de descanso"

Desde xaneiro do 2013 a xaneiro de 2017, "os traballadores da empresa prestaron os seus servizos nun total de 203 sábados e 252 domingos e festivos sen percibir o importe das horas extraordinarias e sen que as horas traballadas fosen compensadas con horas de descanso e os dous acusados non ingresaron na Tesourería da Seguridade", recolle a resolución xudicial. En total, a débeda acumulada coa Seguridade Social por eses catro anos ascendeu a "238.734 euros".

A sentenzas recolle dous feitos que serviron de atenuante aos condenados, por reparación do dano aos prexudicados. Por unha banda, o pago á Seguridade Social de parte da débeda contraída e "un acordo de aprazamento de pago coa Tesourería Xeral da Seguridade Social con garantía hipotecaria que se estimou suficiente pola Administración". E, doutra banda, o pago das retribucións correspondentes ás horas extraordinarias realizadas nese período a 12 dos traballadores afectados. Outros tres empregados, que traballaran menos de dous ou tres meses (segundo o caso), non formularon unha reclamación respecto diso, segundo a sentenza.

A panadería na que sucederon os feitos está en Pontevedra © Concello de Pontevedra

Multa e sen acceso a subvencións

A condena, tras un acordo de conformidade dos acusados, considéraos autores dun delito contra os dereitos dos traballadores e outro de fraude á Seguridade Social

Os feitos, aceptados polos dous empresarios no acordo de conformidade, son constitutivos dun delito contra os dereitos dos traballadores (no seu artigo 311.1 do Código Penal) e outro delito de fraude á Seguridade Social (artigo 307.1 e 2 do C. P.). O fallo recolle as penas de cárcere de tres meses polo primeiro deles e doutros tres meses polo segundo.

As penas de prisión da condena supoñen unha rebaixa respecto aos períodos mínimos que establece o Código Penal (seis meses de cárcere polo delito contra o dereito dos traballadores e un ano no caso da fraude á Seguridade Social, ao ser superior a débeda aos 50.000 euros).

A condena tamén inclúe para os dous empresarios unha multa de 300 euros polo delito cometido contra os seus empregados e outra sanción de 29.905,06 euros polo delito contra a Seguridade Social. Ademais, os dous quedan imposibilitados de "obter subvencións ou axudas públicas e do dereito para gozar dos beneficios ou incentivos fiscais por un período de nove meses".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.