Sindicatos e Alcoa acordan ampliar as negociacións ata o 15 de xaneiro

Persoal de Alcoa, ás portas do hotel onde se celebrou a reunión © @TraballadoAlcoa

Os sindicatos e Alcoa acordaron este xoves ampliar o período de negociación do ERE até o vindeiro 15 de xaneiro. Foi na xuntanza que os representantes do persoal das plantas da Coruña e Avilés mantiveron en Madrid baixo un clima de elevada tensión, con operarios chegados desde Galicia ás portas do hotel onde se celebraba o cónclave, con queima de pneumáticos, bengalas acesas e consignas contra o peche e a multinacional estadounidense.

Con este acordo, os traballadores gañan tempo –case tres semanas máis-- para un período de consultas que remataba este xoves e tras o cal poderían terse empezado xa a efectuar os 700 despidos cos que están ameazadas as plantas coruñesa e asturiana por mor do ERE de extinción presentado.

A multinacional xa advirte de que esta é a última prórroga e que ese 15 de xaneiro é a data límite. Desde ese día, de non acadarse unha solución alternativa, empezaranse a executar os despedimentos. 

Sindicatos e Alcoa acordan ampliar a negociación do ERE até o 15 de xaneiro e evitar os despidos que se terían executado desde este venres

A xuntanza comezou ás 10 da mañá e durou unhas once horas nas que tamén se intentaron acordar novas datas de reunións para procurar unha alternativa ao peche das dúas factorías. Mentres, fóra, os manifestantes chegados desde A Coruña insistían en pedir a “intervención” da compañía e en reclamar do Goberno central unha acción que evite o peor dos escenarios. O Executivo, pola súa banda, asegura que segue a buscar investidores pero sen oficializar oferta ningunha nin achegar solución.

O aumento do período de negociación permite ao persoal ameazado co despedimento colectivo gañar varios días máis nos que agardan que apareza ese investidor ou que Alcoa acepte poñer prezo ás plantas para que estas poidan ser vendidas e manter a actividade. Nese Nadal, polo menos, a esperanza seguirá viva. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.