UE e patronal exixen instaurar a peaxe nas autovías agora gratuítas

Autovía A-6 ao seu paso polas Nogais (Lugo) CC-BY-SA Adrián Estévez

Se non hai novos contratempos, nunhas semanas procederase a crear o banco malo das radiais en quebra, como "mellor fórmula para evitar a liquidación" duns dereitos de explotación que podería provocar anos de litixios entre Administración, concesionarias e banca acredora, segundo afirmou o secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá. A nova empresa que reciba os activos tóxicos será 100% pública e sobre ela recaerá a responsabilidade patrimonial do Estado no espiñento asunto do sobrecusto das expropiacións.

A UE e a patronal presionan a Fomento para que aproveite o rescate das autoestradas para impor a peaxe na rede de autovías gratuítas

Por se este brutal axuste no panorama nacional das vías de comunicacións de alta capacidade non trouxese suficientes problemas, a Unión Europea e as organizacións das empresas de españolas de obra civil presionan con forza a Fomento co fin de que mate varios paxaros dun só tiro. Esixen que aproveite a viaxe do rescate das autoestradas ruinosas para impor o pago por uso en toda a rede de autovías polas que agora se transita de forma gratuíta.

A pretensión de impor "o pago por uso" nestas infraestruturas non é nova, nin nas reclamacións de Bruxelas, nin na esixencia das concesionarias agrupadas na patronal Seopan. A pesar de que os técnicos de Fomento estudaron a medida -no seu día chegou até a Comisión Delegada de Asuntos Económicos-, a Ana Pastor e a Mariano Rajoy nunca lles gustou a medida polo impacto electoral que poida ter.

En Galicia, a Xunta e o PP insisten en que, no caso de aplicarse a medida, os condutores non terían que pagar peaxe nas autovías autonómicas, pero si o farían nas de titularidade estatal: a Autovía do Noroeste e a das Rías Baixas, que suman un total de 465 quilómetros, bastante máis da metade do total de quilómetros de autovías, que suman preto dos 700. O pago nestas estradas uniríase ao que xa se fai nas autoestradas que percorren o país e que superan os 300 quilómetros.

Galicia sairía moi prexudicada ao ter unha porcentaxe de autoestradas de pago moito maior ao Estado: o 43% das vías son de pago fronte ao 25% estatal

Galicia xa conta cunha porcentaxe de autoestradas de pago en relación ás autovías gratuítas moito maior que no conxunto de Estado. O 43% da rede de alta capacidade de Galicia é de pago, fronte ao 25% a nivel estatal (3.000 quilómetros de pago fronte aos preto de 12.400 de autovías). A implantación do que xa se denomina “peaxe branda” nas autovías prexudicaría de maneira clara a Galicia, non só pola relevancia que teñen na vertebración do país, senón polo carácter periférico da comunidade autónoma.

Os grupos de presión multiplican estes días a presentación de argumentos a favor do pagamento por uso das autovías. O vicepresidente da CEOE, Juan Lazcano, presentou o martes un cadro "preocupante na acumulación durante sete anos dos graves déficits de mantemento no pavimento e os equipamentos das autovías". Lazcano meteu medo: o impacto "pode chegar a afectar á seguridade do tráfico".

Ana Pastor e Rajoy resístense á presión da patronal ante o risco ao impacto electoral que pode supor

O dirixente da patronal estima en 5.000 millóns de euros ese déficit e compútaos coa evolución das cantidades que Fomento dedicou ao mantemento nos últimos anos: en 2007 investíronse 572 millóns, 560 en 2008. En 2009 baixou a 22 millóns e no tres exercicios seguintes a cantidade foi cero, para recuperarse de modo exiguo en 2013 cuns raquíticos 13 millóns.

O vicepresidente da CEOE calcula que o establecemento de sistemas de peaxe branda na rede de autovías podería reportar uns ingresos de 3.000 millóns, polo que o diñeiro adicional recadado serviría para reparar as fochancas e para pouco máis.  

Pero as razóns que se esgrimen a favor de converter en universal o cobro de peaxes nas estradas españolas de alta capacidade non só se amparan na seguridade. Julián Núñez, presidente de Seopan, dixo o martes que é necesario que exista un transvasamento do volume de tráfico das actuais autovías gratuítas ás deficitarias autoestradas radiais: "En Europa ensáianse xa mil fórmulas polas cales se deriva o tráfico das autoestradas libres ás de peaxe".

Núñez insistiu no mantra que Seopan repite con asiduidade. A imposibilidade de "manter o ritmo de investimento e conservación con cargo aos Orzamentos", obriga a buscar "alternativas como a tarificación por uso das estradas", unha medida que no caso dos estudos da patronal xeraría ingresos anuais que eleva a 3.500 millóns, podendo repercutirse un terzo dos mesmos a medidas paliativas e o resto ao mantemento e conservación.

 

Presión de Bruxelas

A intervención da UE no proceso de rescate das autoestradas radiais, protagonizada polo comisario Joaquín Almunia, tiña como obxectivo prioritario advertir ao Goberno de Mariano Rajoy de que a fórmula de nacionalización dos activos tóxicos que se realice "non pode incrementar o déficit público do Estado español".

Europa quere que as estradas sexan pagadas por quen as usa e por quen contamina

Bruxelas aproveitou esta indicación para advertir tamén a Fomento de que ten a obriga de implementar tres directivas para facer efectiva a aplicación da euroviñeta na rede de autovías. Europa quere que as estradas sexan pagadas, en primeiro lugar, por quen as usa, e en segundo lugar, polo que, ao utilizalas, contamina.

A Comisión lembra que Portugal implantou un polémico sistema de pago por uso das autovías coa implantación dunha "peaxe explícita". En países como Francia ou Alemaña os modelos de peaxe son dos chamados brandos; só aplican contías por "conxestión, contaminación e mantemento" pero déixase á marxe a amortización das vías.

Autovías e autoestradas de peaxe en España © Aseta
Autovia AG-53 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.