Un 38% dos parados galegos valora emigrar ao estranxeiro

Barco contra a emigración CC-BY Susete

Catro de cada dez galegos sen emprego pondera facer as maletas e irse ao estranxeiro en busca dun posto de traballo. Este pensamento, que cada día adquire máis trazas de realidade na mente dos desempregados, gaña forza entre os mozos de entre 16 e 24 anos da Comunidade galega. Case a metade deles, un 43 por cento, valora esta opción como única saída á súa situación actual.

Os expertos aclaran que o máis recomendable é iniciar a procura desde o propio país de orixe, e non no de destino

Segundo datos dunha enquisa realizada pola empresa de traballo temporal Manpower entre máis de 4.500 candidatos, a disposición para marchar baixa entre as persoas que xa traballaron en Galicia e que teñen entre 25 e 34 anos. Neste tramo de idade a porcentaxe de parados que estuda cruzar a fronteira en busca dun traballo descende ata o 39 por cento. Por detrás están os desempregados de entre 35 e 44 anos, que só trasladarían a súa residencia ao estranxeiro nun 36 por cento dos casos, e os que xa teñen máis de 45, o grupo menos disposto a buscar un posto noutro país.

 

Cuestión de sexos

A outra cara da moeda descobre a un 62 por cento de persoas sen emprego que non contempla a emigración como unha solución ao seu problema laboral. Unha cuestión que, por sexos, tamén mostra diferenzas patentes. Así, un 46 por cento dos homes galegos recoñece que trasladaría a súa residencia se atopase un posto de traballo no estranxeiro. A porcentaxe cae ata o 27 por cento no caso das galegas, máis enraizadas.

Para os aqueles que decidan marchar a outro país en busca dun emprego, os expertos aclaran que o máis recomendable é iniciar a procura desde o propio país de orixe, e non no de destino. Unha boa opción, apuntan, é botar man de páxinas web españolas que inclúen ofertas no estranxeiro ou dos portais en Internet das propias empresas, que na actualidade «adoitan contar cunha división especializada en selección de persoal para outros países», anotan.

O idioma é outra das trabas coa que moitas das persoas que están valorando mudarse para proseguir coa súa vida profesional se atopan. Neste ámbito, os asesores de recursos humanos aconsellan contar con «unha base de coñecemento lingüístico importante dado que non só facilita atopar un traballo de acordo co perfil competencial da persoa senón que axuda en gran medida á adaptación á contorna e a cultura local», afirman.

Por iso é beneficioso dispor dun currículo no idioma do lugar de destino e contar con axuda para realizar as xestións de tipo burocrático oportunas. As embaixadas locais convértense, na maioría dos casos, nun bo sitio ao que acudir. Algunhas multinacionais españolas tamén funcionan como axencias de emprego no estranxeiro, apuntan os profesionais do sector.

Barco contra a emigración CC-BY Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.