0 Gardados para despois

Sidonie e Rosa Cedrón encabezan o cartel da Festa do Queixo de Arzúa con Ana Kiro na lembranza

Redacción | @prazapublica

O indie á homenaxe á máis grande. A cuadraxésimo primeira edición da Festa do Queixo de Arzúa quece xa motores para despregar do 2 ao 4 de marzo un programa que certifica a aposta pola reorientación da festa nos últimos anos, combinando a feira tradicional dedicada ao emblemático produto da Ulloa coa celebración dun verdadeiro festival de música que neste ano terá os cataláns Sidonie como un dos principais atractivos, aínda que compartindo protagonismo con músicas do país como as de Rosa Cedrón.

O Concello arzuán presentou este xoves os detalles dunha festa sobre a que pairará a figura dunha das figuras máis insignes do municipio, a da cantante Ana Kiro, de quen se inaugurará unha escultura na súa lembranza no campo da feira no mediodía do sábado 3, xusto despois da inauguración oficial e do pregón do músico Tonhito de Poi, que tamén foi guionista e subdirector do programa Tardes con Ana, que a artista presentaba na TVG. Ademais, o prato conmemorativo da Festa reproduce neste 2018 a sinatura de Ana Kiro.

A festa, indica o alcalde de Arzúa, José Luis García, tornou xa nun "inmenso motor económico para a vila e a comarca" e por iso o Concello destina un gran volume de recursos a ela. Esta aposta estratéxica, sinala o goberno local, reflíctese no cartel do festival de música, un dos eixos da celebración. O sábado 3 os primeiros en subir ao escenario serán No Crafts, gañadores do concurso musical ligado á feira, o Queixo Maquetón. Despois será a quenda de Ilegales e tras eles, Sidonie. 

Lembranza de Ana Kiro na presentación / Festa do Queixo

No recinto feiral arzuán participan do 2 ao 4 de marzo setenta queixerías e doutros puntos do Estado

Unha sesión de picadiscos pechará a xornada do sábado e, xa o domingo, a banda municipal de Arzúa será a protagonista da sesión vermú. Dende as seis da tarde o menú musical porano Rosa Cedrón e mais a orquestra folk Son de Seu.

Alén da música as actividades en torno ao queixo serán, como cada ano, moi amplas, e irán dende os obradoiros de cociña ata o concurso de elaboracións con pan e queixo. O festival Pequequeixo para a rapazada, na Praza de Galiza, animación de rúa e actuacións de grupos de música tradicional completan un programa que pretende servir como apoio á difusión do traballo de ata setenta queixerías galegas e doutros puntos do Estado, cun "cheo total no recinto feiral". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.