A natureza baila Antrospinos

Matraquillada no Antrospinos CC-BY-SA Antrospinos

"Uns comentarios entre amigos nunha voda" e os duros incendios sufridos polos montes da parroquia rianxeira de Taragoña no verán de 2005. Son os dous xermolos que deron lugar ao Festival Antrospinos, unha das citas musicais que xa é referencia no verán do Barbanza e que este venres e sábado volve cunha marea de música e de actividades paralelas. Organizada pola asociación do mesmo nome, Antrospinos é unha cita lúdica a finais de xullo, pero con vertentes que van alén da troula e que duran todo o ano. Explícao unha das voceiras deste colectivo, Tamara Brea, que en conversa con Praza Pública relata de que a "idea de reforestar o monte taragoñés con árbores autóctonas" foi posible grazas á "pequena cantidade de diñeiro" recadada na primeira edición do festival. Agora, un proceso semellante repítse cada mes de novembro, "un xesto para enriquecer de árbores autóctonas os nosos espazos verdes" e tamén para "transmitir e concienciar".

Pero como a responsabilidade ambiental non está rifada coa festa, senón todo o contrario, esta fin de semana Taragoña botará por fóra para gusto de propios e foráneos. A organización "por suposto" nota a crise, "sobre todo agora que o festival medrou e queremos manter o nivel", se ben o Antrospinos "conta cunha particularidade importante": "desde os comezos montamos un evento practicamente autofinanciado ao 100%" e na actualidade os "apoios" do Concello de Rianxo cínguense aos "medios para podermos construír as infraestruturas que require" o festival. "Nunca contamos con grandes subvencións nin axudas económicas doutro tipo" e os "pequenos apoios, que suman moito, son as colaboracións de empresas da zona, de particulares" e, sobre todo, "dos nosos socios, cunha cota anual de 30 euros".

O cartel de 2012 encabézano grupos galegos como Os Cempés e forénos como Alamedadosoulna

Todo un ano de traballo tradúcese neste 2012 nun cartaz encabezado por grupos galegos como Os Cempés, Quempallou, Ataque Escampe ou Malandrómeda, aos que se unen nomes de fóra do país como Canteca de Macao ou Alamedadosoulna. Pero non só de música vive o Antrospinos, un festival "acolledor e cálido", di Tamara Brea, que é "como unha gran festa de aldea". A isto contribúe en boa medida "a matraquillada, todo un acontecemento, moi innovador sobre todo para aqueles que veñen da cidade". Pero, que é iso da matraquillada? "Trátase dun paseo moi divertido en matraquillo", que ao contrario do que se poida pensar non ten nada que ver cun xogo de mesa que emule ao fútbol. Trátase de chimpíns "acompañadnos de música en directo", que van "dende a zona do festival ata a praia da Torre, visitando os recunchos máis insospeitados da parroquia de Taragoña". "Xa non hai tanto chimpín na aldea para tanta xentiña que quere subir neles!", ri. O mellor será ir para comprobalo.

Cartaz do festival CC-BY-SA Antrospinos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.