Foucellas, o mito que se apagou hai 60 anos

Benigno Andrade, 'O Foucellas' Dominio Público Praza Pública

Os anos trinta eran uns anos felices en España, a República, a través da constitución de 1931, conseguía poñer o país ibérico á altura de privilexios xa habituais nos países máis avanzados de Europa.

Aínda así, tras o triunfo nas eleccións de 1936 da Fronte Popular, o xeneral Francisco Franco encabezaba o 17 de Xullo dese mesmo ano un golpe de Estado, o que daba lugar ao comezo da Guerra Civil Española. En Galicia, o bando nacional tardou pouco en facerse co control do territorio. Isto provocou que os que estaban en desacordo coas ideas franquistas tivesen que emigrar se non querían verse en perigo de ser represaliados. Foron miles os que se exiliaron no estranxeiro, sobre todo en países latinoamericanos. Xente coma Castelao, Neira Vilas, Luis Seoane, Rafael Dieste, Díaz Pardo ou Eduardo Blanco Amor, entre moitos outros, tivo que facer a maleta.

Calquera que vivise no franquismo ou lle prestase atención ás historias do avó coñecerá algo sobre o Foucellas e as súas fazañas

No entanto, outros preferiron quedar e loitar en Galicia, tendo que esconderse como poideron, e onde a moitos non lles quedou outra que botarse ao monte. Dos que quedaron loitando na sombra, houbo un home anónimo polo seu nome, Benigno Andrade, que ben seguro que non o é hoxe en día se falamos do Foucellas. Nos tempos actuais, todo aquel que vivise durante o franquismo ou lle prestase atención ás historias que lle contaba o seu avó coñecerá algo sobre el ou algunha das súas fazañas.

Benigno traballaba de transportista durante a República nunha serrería do concello onde vivía xunto a súa familia, Curtis. Alí foi facendo amizade con Manuel Calvelo, o médico da localidade, que, xunto coa súa muller, Isabel Ríos, puxeron en marcha a célula comunista na vila,  chamada Sociedade Republicana Radio Comunista en Curtis.

"A súa actuación ante a sublevación non foi signficativa; colaborou cos dirixentes da vila para intentar facer fracasar o golpe"

Co golpe de estado foron moitos os que se sumaron á loita antifranquista. Foucellas foi simplemente un máis. Luís Lamela, escritor que á marxe dun libro sobre Foucellas escribiu unha ducia de obras máis sobre a resistencia antifranquista, cóntanos que “a súa actuación (de Foucellas) na reacción contra a sublevación non foi significativa, senón que colaborou cos dirixentes da súa vila para intentar facer fracasar a sublevación dentro das súas forzas, pero, seguindo as instruccións do goberno civil daquela de tratar de quitarlle as armas aos de dereitas, daqueles que pensaban que podían sumarse á sublevación e ir contra o goberno republicano.”

O obxectivo das milicias que se resistiron á sublevación da Guerra Civil era o de “requisar algunhas armas e intentar ir á Coruña a defender a República, que era onde se sublevaRan as forzas. E intentáronno, pero cando chegaron á Ponte Pasaxe, xa lles avisaron de que non había nada que facer, e deron volta. Intentaron, como non cometeran ningún delito penal, nin importante, refacer a súa vida.”

"Foucellas decidiu estar anos agachado tras comprobar como os militares mataran e meteran na cadea varios compañeiros"

Pero iso non era doado de conseguir, máis aínda ao “veren que a reacción dos militares e das autoridades baixo as mans do exército era a de reprimir, e que non reparaban en nada.” Foron moitos os que tiveron que escapar, polo tanto Foucellas “ao ver que colleran e mataran a varios compañeiros, e tamén encarcearan a moitos, intentou quitarse das mans dos militares e autoridades que os perseguían; foi así como estivo anos e anos agachado”

Botarse ao monte

Durante unha época, tanto Foucellas coma todos aqueles que loitaron contra o franquismo de forma activa tiveron que esconderse da Garda Civil, agocharse nos montes, nas casas de familiares, disfrazarse... Calquera escusa era boa para evitar ser collido. Despois de que seu pai tivese que fuxir, a primeira vez que María Josefa Andrade, filla de Benigno, viu a Foucellas foi na súa casa. “Un día saín a xogar á rúa. Ao voltar á casa subín arriba e resulta que había un home na cama. Asusteime ao velo. Miña nai saíra, tivo unha sensación rara e deu a volta para voltar á casa, onde me atopou berrando. Díxome que aquel home era meu pai, pero eu non a cría, xa que estaba vestido de militar.”

"Meu pai ía disfrazado de cura a ver xogar o Deportivo", lembra a filla do Foucellas

Era habitual en Foucellas disfrazarse para poder evitar ser capturado. A súa filla recorda que seu pai "ía vestido de cura a ver xogar ao Deportivo.” E tamén que a nai "tivera un mozo que despois foi brigada do exército e pasáballe roupa militar.” Luís Lamela indica que a “esta xente á que non lle daban a oportunidade de sobrevivir na sociedade que se creara naquel entón, tiña que facer distintas accións para poder comer e poder vivir. Aínda que algunha vez estaban preto da casa e eran axudados por cadansúa familia.”

Polo tanto “o réxime franquista intentaba illar todos aqueles guerrilleiros para que ninguén os puidese axudar e para poder cortarlle as ás. E eles, seguramente, delinquiron, a nivel social, roubando para poder vivir e poder comer, porque os perseguidores intentaban illalos da axuda familiar e dos amigos.”

"Aos que loitaban chamábanlles bandoleiros ou atracadores, pero meu pai nunca tivo que roubar e ata o recordo en casa de cregos"

Sobre este particular, María Josefa Andrade recorda que “daquela ao que loitaba chamábanlle bandoleiro, atracador… E meu pai nunca tivo que roubar, porque eu recordo ver a meu pai en casa de cregos, por exemplo.” Cando María Josefa voltou de vivir en París, a onde marchou nos anos sesenta, conta que foi a xunta dun tenente da Garda Civil a levarlle agasallos de agradecemento, xa que lle axudara a seu pai a esconderse "Houbo xente do Exército que fixo igual, recorda.

Os bandoleiros

Luís Lamela insiste en que “os asasinatos que se lles atribúen comezaron a facelos eles cando se organizaron militarmente. Eles eran un exército irregular e loitaba contra os colaboradores de Franco. Trataban de facer sancións económicas para que puidese sobrevivir a organización que se creara no monte. E tamén para poder axudar os presos e as familias dos compañeiros que os franquistas mataban ou acosaban.”

O goberno da ditadura en ningún momento aceptou que existisen os maquis que tiveran que "botarse ao monte" pero Luís Lamela di que “a xente sabía que había enfrontamentos armados no monte, roubos, asaltos, pois había que dicirlle que quen facía esos roubos non eran uns soldados da república que eran o que se consideraban eles, se non que eran uns bandoleiros, para desprestixialos, e que a xente non soubese de que alguén loitaba contra a falta de democracia en España.”

"Usaban o seu nome para facer temer á poboación; era como un conto de nenos: 'que vén o Foucellas!"

Ambos os dous coinciden en que o nome do Foucellas, como di a súa filla, era usado para amedrentar a poboación. “Chamábanlles bandoleiros para desacreditalos, non ían a dicir que eran políticos que loitaban contra Franco.” “Usaban o seu nome porque era o máis coñecido, do que contaban fazañas. Era un pouco un conto de nenos: 'que vén o Foucellas!”.

Todos aqueles que estaban no monte pensaron nun plan B. "Como se achegaba a fin da Guerra Mundial, que era favorable ás nacións aliadas, eles pensaron que demostrándolle aos gobernos europeos que en España había unha resistencia contra Franco, estes puidesen derrubar a Franco. E a esa loita Foucellas sumouse tamén, pero un dos motivos, coma outros moitos, era que non tiñan ningunha forma de sobrevivir.”

A supervivencia parecía a cada momento máis difícil “porque á vez, a persecución que tiñan no monte cando estaban escapados era maior". "Intentaron defenderse contra aqueles que o perseguían e dicirlle ás nacións estranxeiras que os liberase”, conta Lamela. "Pero todo aquilo fracasou".

Ao Foucellas fóronlle imputados ducias de delitos, moitos deles coincidentes no tempo e separados por quilómetros

Durante ese tempo, desde o comezo da Guerra Civil ata a súa detención, ao Foucellas fóronlle imputados ducias de delitos, moitos deles coincidían no tempo e estaban producidos a moitos quilómetros un dos outros.  Asaltos, atracos, asasinatos, atentados, emboscadas... Eran atribuídos ao Foucellas de forma case automática, sen demostrarse nunca se el estaba detrás deles. Anos despois, e antes de ser executado, el negou moitas acusacións, dando detalles incluso de quen os cometera ou onde estaba no momento no que aconteceran.

En 1943, Benigno Andrade foi ferido fortuitamente. Recorda María Josefa que ao autodisparouse, montando a cabalo, coa súa arma nunha perna e estivo nun sanatorio da Coruña, chamado Los Chacartelles. Foi levado alí, en pleno centro da cidade e moi preto da Comisaría Xeral da Policía, porque pensaron os que lle axudaban que a ninguén se lle ocorrería ilo buscar a ese lugar. Foi hospitalizado baixo o nome de Juan Fernández. A Policía, sabedora da situación do Foucellas, buscouno sen cesar, pero nunca o atopou. Durante seis meses, agochouse na casa de Francisca Souto, curmá del, no barrio coruñés de Monelos. Foi durante este tempo cando acudía habitualmente a ver ao Deportivo, xa que tiña especial sensibilidade polo porteiro Juan Acuña.

Detención e execución

Xa ao principio dos 50 os exércitos comunistas que se mantiñan no monte estaban moi debilitados por mor da gran cantidade de baixas. O 9 de marzo do 1952, Benigno Andrade é detido e ferido nunha perna no lugar de Costa, en Oza dos Ríos, ao tempo que resultou morto Manolito e outro guerrilleiro, xunta ao garda civil Cesáreo Diez. Durante a súa detención foi torturado, ata que chegou a confesar que moitos gardas civís, militares, e alcaldes lle prestaran axuda durante os 16 anos que botou escapado. Foi xulgado en Consello de Guerra o 26 de Xuño e condenado a morte. O 7 de agosto dese mesmo ano foi executado mediante o garrote vil na prisión da Coruña e soterrado no cemiterio de San Amaro, nunha fosa común.

Foi torturado até confesar que moitos gardas civís, militares e alcaldes lle prestaran axuda durante os 16 anos que estivo fuxido

A súa filla recorda as últimas horas en vida do Foucellas: “Antes de que o executaran, un ministro co cal tiñamos amigos en común (asegurou non recordar o seu nome, pero que era manco),díxonos que ían intentar que se atrasase a execución antes de que viñese Franco a pasar o verán ao pazo de Meirás, para que eu puidese irfalar con el”, lembra.

“Ese mesmo día estaba eu na casa da curmá de meu pai na Coruña e sobre as doce da noite chamaron á porta; eran dous da Policía armada. Leváronnos en coche á cárcere, polo camiño recolleron tamén a meu irmán. A estrada do cárcere estaba chea de gardas civís polos dous lados e o que menos pensabamos era que o ían executar; pensabamos que se escapara ou algo. Fixéronnos pasar a unha sala onde estaba meu pai sentado xunto ao xuíz de primeira instancia, o sacerdote e outras dúas personas máis. Daquela xa nos decatamos do que ía acontecer. Meu pai pediu un notario, foi a súa última vontade, e pediu que a nós nunca nos puxeran ningún impedimento para nada porque eramos inocentes e non tiñamos culpa de nada.”

Non foi até 1992 cando o Goberno aceptou recoñecer o Foucellas como loitador antifascistas ou guerrilleiro

A primeira vez que un goberno aceptou chamarlle ao Foucellas loitador ou guerrilleiro da Guerra Civil foi, como relata Luís Lamela na introducción do seu libro, no ano 1992 coa inauguración do Museo Militar da Coruña, onde se expón unha escopeta de Benigno Andrade.
Para Luís Lamela, hoxe o Foucellas “non é un mito, é unha realidade, é unha figura certa, un personaxe humano; todo o que se dixo del houbo que replantexalo na democracia porque era mentira; el foi un máis, tivo máis sona porque estivo moitos anos loitando e falaron máis del ca de outros, pero tamén os houbo máis importantes ca el.”

"Morro polas miñas ideas e por defender a liberdade e un goberno lexitimamente elexido", dixo xusto antes de ser asasinado

As últimas palabras aos seus fillos de Benigno antes de morrer foron: "Morro polas miñas ideas e por defender a liberdade e un goberno lexitimamente elexido. Eu non o verei, pero vós si, ogallá España puidese vivir en liberdade."

Benigno Andrade, 'O Foucellas' Dominio Público Praza Pública
Mosquetón do Foucellas, no Museo Militar da Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.