Galicia rolda as temperaturas máis altas dende que hai datos

No solpor deste xoves chamou tamén a atención a calima que atenuou a intensidade da luz solar CC-BY-SA Jonas MF

42,9 graos. Foi a temperatura que se acadou este xoves en Cequeliños (Arbo) ás 15.10 horas, no que constitúe a temperatura máis elevada rexistrada nunha estación meteorolóxica en Galicia en toda a historia. Ata onte, o valor máis elevado correspondía aos 42,6 de Ourense no 20 de xullo de 1990, un día no que por exemplo houbo 41,2 graos en Lugo ou 39,4 graos en Compostela. Con todo, non se pode afirmar que este xoves fora un día máis caloroso que aquela xornada de hai case trinta anos, como lembran dende 4gotas, pois a comparación só se pode establecer entre as mesmas estacións. En 1990 non estaba operativa a de Arbo e probablemente ese día tamén superou os 42,6 graos que houbera na cidade de Ourense.

En calquera caso, o que está claro é que onte ía calor. Ademais deses 42,9 graos de Arbo, tivemos 42,7 en Remuíño (Arnoia), 42,5 en Leiro ou 42,2 en Ourense. E tamén foi tórrida a noite, na que por exemplo en Vigo non baixaron de 25 graos e en Fornelos de Montes tiveron que durmir con mínimas de 28.

Para este venres agárdase unha xornada moi semellante en canto ás temperaturas. De feito, decretouse a alerta vermella no val do Miño, tanto en Ourense coma no sur de Pontevedra entre as 15 e as 21 horas, pois as máximas volverán superar previsiblemente os 42 graos nalgunhas zonas. O sur de Lugo e o resto da provincia de Ourense  teñen alerta laranxa pola calor.

Ademais das fortes temperaturas no solpor deste xoves e no mencer do venres chamou a atención a capa de calima provocada polo po en suspensión procedente do Sahara que apagou a intensidade do sol e que no serán de onte lle deu un ton alaranxado ao ceo.

Así mesmo, a calor está a incrementar notablemente o risco de que se produzan incendios forestais. O Índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) elaborado pola Consellería de Medio Rural sitúa practicamente toda a provincia de Ourense en nivel extremo, que tamén se acada no sur de Lugo, Baixo Miño e na comarca do Morrazo.

 

As temperaturas máximas volverán superar este venres os 40 graos no val do Miño © Meteogalicia
Índice de risco de incendios forestais para este venres en Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.