Lugo, obrigado a celebrar o San Froilán en baixiño

Cartel do San Froilán 2012 © Concello de Lugo

"Non atoparedes -asegúrovolo- no Outono galego festa máis cabal nin días máis fermosos". Deste xeito definiu Álvaro Cunqueiro as festas do San Froilán de Lugo, unha das citas festivas con máis sona do país que, en oito días de troula, marcan na cidade da Muralla o paso do verán ao outono mentres recibe a milleiros de visitantes procedentes de toda Galicia e tamén de fóra dela. Nos días grandes, auténticas mareas humanas colapsan rúas e prazas á procura do polbo, dos concertos, das atraccións de feira ou dos postos de venda ambulante. É unha combinación de festa, música e moita xente que dá como resultado a ledicia dos festeiros e festeiras, un ambiente de xolda como poucos... e tamén ruído no centro da cidade. Entre todos estes elementos clásicos das festas cada ano cólase un non tan agradable: as protestas do escaso número de veciños que habitan no entorno do recinto feiral e que cada ano insisten en non ter que aturar o son da festa durante o seus oito días de duración -do 4 ao 12 de outubro-. Desta volta deron un paso máis, á Xustiza. E gañaron.

Son, nomeadamente, 18 veciños e veciñas dos arredores do parque de Rosalía de Castro, nestes días xa poboado de tómbolas e carruseis. Nunha zona privilexiada da cidade na que os protagonistas son os edificios públicos -institutos de ensino secundario, xulgados...- os seus habitantes decidiron denunciar ao Concello e o xulgado do contencioso administrativo optou por ditar un auto de medidas cautelares: as festas poderanse desenvolver no seu lugar de costume, pero non poden superar os 55 decibelios polo día e os 45 entre as dez da noite e as oito da mañá ou, o que é o mesmo, o son que emite unha concentración de persoas tan voluminosa coma esta, sen necesidade de ningún ingrediente adicional como a música ou a megafonía dos carruseis. As únicas excepcións serán os días 5 e 7, no que horario se amplía ata as 12.

O xuíz obriga a que o recinto feiral non supere os 45 decibelios durante a noite, agás dous dos oito días de festa

"Non hai volta de folla", di o tenente de alcalde lugués, o tamén edil de Cultura e responsable das festas, Antón Bao, contrariado pero resignado a "cumprir" un auto que é un verdadeiro terremoto para o San Froilán. O consistorio baixará o volume do fío musical e comunicaralles aos feirantes o contido da orde xudicial. Pero pouco máis pode facer, ademais de dotar á Policía Local dos correspondentes sonógrafos que esixe utilizar o xuíz. Neste contexto, á estupefacción municipal engádese o monumental cabreo dos responsables dos carruseis e a contrariedade do resto da cidade, que ve como 18 das case 100.000 persoas que viven nela obrigan a celebrar as festas grandes de Lugo cun inédito sixilo.

Neste contexto, Bao explica que o goberno local xa valora seriamente a posibilidade de convocar un refeerndo "para que os cidadáns de Lugo se pronuncien sobre onde queren que se ubique a festa", se no lugar de costume ou nunha zona deshabitada, no que o ruído non sexa un problema para ninguén. "O San Froilán non son as festas do Concello, nin as festas do Bloque, do Partido Socialista ou do Partido Popular, son as festas de todos os lugueses e luguesas, por iso eu penso que habería que facer unha consulta popular”, advirte. Así e todo, o día 4 arrinca o programa festivo e resta saber se o auto xudicial bate ou non coa realidade.

Cartel do San Froilán 2012 © Concello de Lugo
Bao, con hostaleiros que colaboran nas festas © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.