0 Gardados para despois

Unha volta ao mundo para "comprender un pouco mellor este mundo tan raro e fascinante"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Xurxo Mariño e Elisa Couto continúan a súa viaxe ao redor do planeta, unha marabillosa loucura que cumpre o soño de moitos e moitas, e que na actualidade os sitúa nos desertos de Namibia. Preguntado o neurobiólogo polos motivos que os decidiron a levar a cabo este proxecto, responde simplemente que "vimos que tíñamos a posibilidade de facelo; entón, tiramos para adiante". O que buscan nesta viaxe, destaca, é "aprender, coñecer a xente e os sitios, descubrir culturas e espazos naturais" e, sobre todo, "comprender un pouco mellor este mundo tan raro e fascinante"

A volta ao mundo vai xa polos dous meses. Despois do paso por África (Cabo Verde, São Tomé, Namibia, Botsuana e Sudáfrica), Xurxo e Elisa dirixiranse a América, que esperan percorrer de sur a norte, da Terra de Fogo a Alaska durante varias semanas. As seguintes etapas, xa no ano 2014, serán no Océano Pacífico, de illa en illa, até Nova Celandia e Australia. Chegará despois o gran continente asiático: Vietnam, Camboya, Xapón, China, Mongolia e Rusia, "para despois ir tirando cara o oeste", de volta a casa. Pero aínda queda moito para iso. O itinerario está marcado a grandes riscos, pero "hai moitos países polo medio que os iremos decidindo sobre a marcha", recoñece Mariño.

As experiencias que cada persoa vive nunha viaxe son únicas e intransferibles, dependen de cada persoa, do seu background e dos seus interesere e curiosidades particulares. A ollada dun historiador é distinta á dun sociólogo ou un deseñador, e todas elas diferentes á dun biólogo. Xurxo Mariño afirma que "para algunhas cousas" si viaxa "con ollos de científico (a xeoloxía, a vida natural, as condicións meteorolóxicas, etc)" pero "en xeral, os ollos son os de calquera persoa con moita curiosidade e con moitas ganas de comprender".

Houbo moitas viaxes de coñecemento e voltas ao mundo, da realidade ou da ficción, que todos temos na cabeza, e moito máis un científico: Darwin, Malaspina, Phileas Fogg, Humboldt... Tenas Mariño na cabeza mentres vai saltando de país en país? "Máis que virme á cabeza, a lectura dalgúns deses autores e personaxes e de bastantes outros, alimentou con forza as ganas de coñecer o mundo de primeira man", sinala.

A vixa está "sendo xenial", di, "os países que imos visitando de África son todos moi distintos entre eles e de como os tiña imaxinado. Por muito que lea sobre algún sitio, cando chego a el sempre hai algo novo que sorprende". Entre as cousas que máis o sorprenderon están "a xeografía física de Cabo Verde, a forma de vida no rural de São Tomé, o moderno que é Namibia e a súa relación co seu pasado de dominio xermánico ou os inmensos espazos naturais de Namibia".

No blog Vagamundeando pódense seguir (cando a conexión a internet o permite) a viaxe de Xurxo e Elisa, os seus comentarios e experiencias, acompañados dunhas fermosas fotos e algún vídeo. Por exemplo, o seu encontro con San na sabana, "un pobo estudadísimo por antropólogos, xenetistas e lingüistas, pero entre moitas cousas sorprendentes, o máis rechamante é a súa fala, intercalada aquí e alá con sonoros “clicks” e chasquidos". Tamén o breve paso pola populosa Luanda, "chabolas e máis chabolas que se asentan sobre terra vermella". Ou as fascinantes vilas-pantasma no deserto de Namibia, nacidas do boom dos diamantes a comezos do século XX e abandonadas rapidamente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.