Dime como te chamas e direiche cantos anos tes

Hugo e Noa foron os dous nomes máis habituais para os nenos e nenas nacidos en Galicia en 2012 CC-BY-NC Xoán Seoane

O INE publicou esta semana a Estatística de Nacementos correspondente ao ano 2012, que revela que os nomes máis frecuentes para os nacidos neste ano en Galicia foron Noa e Hugo. Atrás quedaron os tempos de Manuel, Jose ou María (dominantes até os anos setenta), pero tamén os de David, Pablo ou Laura (os máis habituais nos oitenta ou noventa). Nos nomes tamén hai modas e estas cada vez cambian con máis rapidez.

Por suposto, de igual xeito que hai grandes diferenzas por década ou por xeración, tamén as hai entre os distintos territorios do Estado. No ano 2012 Hugo (421), Mateo (375), Martín (352), Pablo (334), Daniel (301), Nicolás (279), Diego (273), Adrián (265), Alejandro (256) e Manuel (247) foron os nomes predilectos polos pais e nais galegas para os nenos. Para as nenas foron Noa (354), Sara (352), Lucía (348), Daniela (300), Sofia (263), Carla (257), Alba (244), Paula (237), Martina (210) e Maria (202).

No conxunto de España, Daniel (6.234) foi o máis utilizado para os varóns, por diante de Hugo (5984), Alejandro (5.744), Pablo (5658), Álvaro (5.111) e Adrián (4.698). Para as mulleres, dominan Lucía (6.363), María (5.823), Paula (5.375), Daniela (4.748) e Sara (4.456). Analizando os datos das distintas comunidades autónomas, atopamos que Daniel domina en Aragón, Extremadura, Madrid, Castela-León, Castela-A Mancha, Valencia, Cantabria, La Rioja e Asturias, Marc en Baleares e Catalunya, Alejandro en Andalucía e Murcia, Iker en Navarra, Markel en Euskadi e Hugo en Canarias. De igual xeito, Lucía e ó nome máis habitual en Aragón, Asturias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Valencia, Madrid e La Rioja, María en Andalucía, Murcia e Estremadura, Júlia en Catalunya, Paula en Baleares, Valeria en Canarias, Irati en Navarra e Ane en Euskadi.

Nomes 'xeracionais'

Entre os nacidos entre o 2000 e o 2009 en Galicia son máis os Pablo, Alejandro, Daniel, Adrián ou David. E tamén as Lucía, Laura, Sara ou Paula

Pero non sempre foi tempo de Hugos e Noas en Galicia. Afondando nas estatísticas que recolle o INE pódense analizar os suscesivos cambios, nomes que pola súa frecuencia mesmo podemos identificar cunha década ou xeración concreta. Abonda con sumar os datos dos nacidos na pasada década, a primeira do século XXI. Vemos como entre os nacidos entre o 2000 e o 2009 en Galicia son máis os Pablo, Alejandro, Daniel, Adrián ou David. E tamén as Lucía, Laura, Sara ou Paula. Nesta década, hai uns poucos anos, Noa non aparecía nin entre os dez nomes máis frecuentes, onde si entraba Hugo, pero en posicións moito máis atrasadas que na actualidade. 

Nos nenos e nenas que pasaron polo rexistro nos 70 predominan os nomes compostos con José no caso dos homes, e María no das mulleres.

Se imos unha década máis atrás, até os noventa, atopamos que o nome máis común era Adrián, seguido de David, Daniel, Sergio, Diego ou Alejandro. Nas mulleres era Laura, seguido de Sara, Andrea, Alba ou María. Os oitenta foron anos de David e de Pablo, e tamén de Rubén, Alberto ou Daniel. Foron tamén unha década marcada polas Cristina, Patricia, María, Beatriz, Vanesa, Marta ou Andrea.

Os setenta foron unha época de grandes cambios, e iso nótase moitísimo nos nomes que recibían os galegos e galegas nacidas antes e despois. Deste xeito, nos nenos e nenas que pasaron polo rexistro nesta década predominan os nomes compostos con José no caso dos homes, e María no das mulleres. María Carmen, María José, Ana María son os máis habituais, aínda que tamén aparecen as Mónica e as Patricia. José Manuel, Manuel ou José Antonio dominan nos varóns, por diante de Javier ou Óscar.

A sociedade mudaba máis lentamente nas décadas de ditadura, polo que a listaxe de nomes máis frecuentes nos anos cincuenta e sesenta é case idéntica á dos setenta. Ademais dos xa referidos hai moitos Antonio, Jesús e Francisco; e tamén moitas Carmen, María Dolores, María Pilar ou Josefa. Tan pouca variación había que máis de dous de cada dez rapaces levaban José no nome, e case catro de cada dez nenas tiñan María como primeiro ou segundo patronímico.

Tan pouca variación había que máis de dous de cada dez rapaces levaban José no nome, e case catro de cada dez nenas tiñan María como primeiro ou segundo patronímico

Como curiosidade, a situación era un chisco diferente antes do ano 40. Manuel, José e María eran os nomes máis habituais en Galicia nos anos 20 e 30, pero non de forma tan absoluta coma nas décadas seguintes, deixando máis espazo para os Antonio, Ramón, Francisco ou Jesús. E tamén para as Carmen (o nome máis habitual para as mulleres galegas antes de 1940), Josefa, Rosa ou Concepción.

Os nomes que pasaron 'de moda'

Os oitenta foron unha época de irrupción e popularidade de nomes como Raquel, Silvia, Noelia, Iria, Vanesa ou Verónica, que hoxe semellan ter pasado a un segundo plano nas preferencias de nais e pais

Hoxe en día non hai moitas nenas chamadas Josefa ou María Dolores, nin moitos Ramón ou José Antonio. Pero non é necesario pensar nestes nomes (habituais entre os nacidos hai sesenta ou setenta anos) para atopar exemplos de nomes que nalgún momento foron moi comúns e xa non o son. Os oitenta foron unha época de irrupción e popularidade de nomes como Raquel, Silvia, Noelia, Iria, Vanesa ou Verónica, que hoxe semellan ter pasado a un segundo plano nas preferencias de nais e pais. Tamén era máis habitual atopar nenos chamados Roberto, Marcos, Miguel, Iván ou Carlos, hoxe fóra dos quince ou vinte máis frecuentes. De igual xeito, na década dos noventa aparecen entre os vinte nomes máis utilizados Nerea, Antía, Sandra, Lorena, Tamara ou Tania. E tamén os Brais, Cristian ou Borja, hoxe algo menos frecuentes.

E que nomes ascenden posicións nos últimos tempos? Ademais dos Hugo, Mateo, Martín, Noa, Sara ou Lucía xa comentados (os máis utilizados en 2012), cómpre sinalar que as Claudia, Iria, Sabela ou Uxía se manteñen como nomes moi utilizados, aínda que quedan fóra dos dez primeiros, o mesmo que os Lucas, Iago, Brais ou Álvaro.

Hugo e Noa foron os dous nomes máis habituais para os nenos e nenas nacidos en Galicia en 2012 CC-BY-NC Xoán Seoane

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.