Mondoñedo, 858 anos de feira e festa

Vista da catedral de Mondoñedo © Turespaña

Que pode aglutinar unha feira cabalar, a fin da xira de Kepa Junkera e unha homenaxe ao Mariscal Pardo de Cela? Hai un escenario no que iso acontece, e non é outro que o das San Lucas de Mondoñedo, a feira máis antiga do país, que nesta fin de semana celebra os días grandes da celebración 858 anos despois de celebrarse por primeira vez. Os acordes do disco Galiza do músico vasco foron a banda sonora da xornada do sábado, na que a "gran feira tradicional de gando cabalar" foi a protagonista. Como cada ano, os cabalos non chegaron en camións ou por outros medios, senón a trotar ata a mesmísima Praza da Catedral.

O animal emblema das San Lucas é tamén a estrela deste domingo. O concurso morfolóxico de cabalos e eguas de pura raza galega, o espectáculo de doma Galicia, un soño a cabalo, e o concurso de cabalos trotóns enchen o programa da xornada, que tamén inclúe un concerto do cantante Pablo López e as case obrigadas sesións de orquestra: primeiro na sesión vermú e despois, na verbena nocturna.

Para este luns a feira mindoniense garda a gala musical Voces da Paula, realizada por veciñanza de Mondoñedo e que terá a Alameda dos Remedios como escenario. Actos como este, di o presidente da comisión das San Lucas, Miguel Souto, amosan que estas feiras e festas seguen "fieis á tradición" e, ao mesmo tempo, son "unha aposta pola dinamización cultural, económica e social de Mondoñedo e da provincia de Lugo. Trátase, di, de que nestes días "Mondoñedo volva ser esa capital que foi no Antigo Reino de Galiza", porque "queremos que os galegos e galegas se sintan orgullosos de ter unha das feiras máis antigas de Europa, que as gocen e as síntan súas".

Dende a Deputación lucense, que patrocina as festas, o seu vicepresidente, Antonio Veiga, salienta que o "programa das feiras e festas máis antigas de Galiza" combina "tradición e modernidade" cun "programa excelente que congrega moitísimos mariñáns e xente chegada de todos os lugares": "Como non podía ser doutro xeito e como facemos con tantas outras, colaboramos para que unhas festas moi arraigadas na nosa tradición sigan promovendo os nosos valores culturais e tradicionais" mentres "serven de motor económico".

Os cabalos, chegando ao centro mindoniense © Fundación TIC
Presentación da festa en Lugo © Deputación de Lugo
Cabalos en Mondoñedo, este domingo CC-BY-SA Esperanza González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.