Vaia por diante que o que vas ler aquí non é un estudo científico. É verán, vai calor os máis dos días e moita xente aproveita estas datas para acudir a unha festa, facer unha escapada aínda que sexa á vila do lado ou, como mínimo, facer algo máis de vida exterior que durante os meses de chuvia. A todos estes ingredientes adóitase engadir un máis, o da música, que dende hai tempo, para moitas persoas, é sinónimo de internet e, máis concretamente, de Spotify, a popular aplicación de música en streaming. Alén das controversias que crea a súa relación coas empresas discográficas e coas autoras e autores o certo é que este trebello é un bo reflexo dos gustos musicais das persoas que o utilizan, pero tamén dos territorios nos que viven estas persoas.
Con esta filosofía a compañía que desenvolveu Spotify vén de elaborar "un mapamundi musical" no que profunda un chisco máis nunha das funcións que xa ofrecía, a de amosar as cancións máis escoitadas en cada Estado. Nesta ocasión baixa o foco ata múltiplas cidades de todo o mundo, catro delas galegas, ofrecendo un retrato dos usos e costumes musicais de quen habita nelas. No caso galego Spotify ofrece datos da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense e revela que artistas e grupos como Sés, Ataque Escampe, Dakidarria ou Heredeiros da Crus son as estrelas galegas do streaming musical.
Para elaborar estas listas os autores desta escolma non botaron man de datos brutos, senón que procuraron os sons que fan "especial" cada cidade. Utilizaron, explican un enfoque "distintivo" para que as persoas que acudan ao mapa poidan coñecer "a lista de reprodución que máis se goza en cada lugar". "Trátase da música que a xente escoita en cada cidade, pero que as persoas noutras cidades non escoitan demasiado". "Por iso -abondan- é exactamente a música que nos fai diferentes da xente doutros lugares".
En Santiago a canción máis escoitada é de Ataque escampe e en Vigo, dos Dakidarria
E, que di a nosa radiografía musical? En Compostela a lista está encabezada por Ataque Escampe e a súa Festa Malandrómica, unha versión do tema orixinal de Malandrómeda. A continuación sitúase Terra, do grupo Dakidarria, e o mítico Quero josar, de Heredeiros da crus. Licor café, de Lamatumbá, ou Tempestades de sal, de Sés, están tamén nos primeiros postos dunha lista na que tamén destaca a orquestra El combo dominicano coa súa canción Maria Lola. Este grupo e esta canción, precisamente, son os que encabezan a lista das cancións máis populares na Coruña, onde El Combo Dominicano ten dous temas máis. Os usuarios coruñeses de Spotify tamén escoitan a Sés, neste caso o tema Co xenio destrozado, e cadran coa poboación compostelá en escoitar Quero josar, dos Heredeiros.
El combo dominicano é a formación máis popular na Coruña e en Ourense triunfa a música orquesteira
Na gran cidade do sur, Vigo, a playlist ten como estrela aos Dakidarria con dúas entradas: A mocidade activa e Terra. Heredeiros, de novo con Quero josar e Sés, con Tronzar os valos, comparten protagonismo con La Ricura e unha canción titulada La chica de los ojos bonitos. A música orquesteira é a que máis triunfa en Ourense, onde o primeiro posto é para El símbolo e o seu Levantando las manos, unha versión dun tema máis ben pachangueiro de hai uns anos. Para qué llorar, de Dasoul, Envidia, de DCS, ou El cocodrilo, de King África, están nos postos destacados nunha lista na que, non obstante, tamén hai representación galega con Clasificados, do cantautor ferrolán Andrés Suárez, e Miña terra galega, de Siniestro total.